Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural na Universidade de Santiago de Compostela (2015-16)

O proxecto cultural. Da idea ao anteproxecto

O pasado venres 27 de novembro foron os titores do Curso, Sergio Lago e Marcos Lorenzo, os encargados de conducir a sesión. O obxectivo principal era realizar a sempre difícil transición entre a xeración de ideas e o inicio da aterraxe, que debera concluír na pausa do Nadal e xa en forma de anteproxecto.

Como é habitual, iniciamos a clase repasando o aprendido na semana anterior, resolvendo dúbidas e avaliando o funcionamento do Curso. A continuación, cada un dos seis equipos compartiu a experiencia e principais conclusións do traballo de diagnose realizado durante as últimas semanas, así como as principais ideas que estaban a barallar, en base sempre ás necesidades ou oportunidades detectadas. Xa ao remate, cada equipo puido recibir contraste do resto de compañeir*s, así como referencias de proxectos que poderían servirlles de inspiración.

No bloque central da sesión traballouse sobre a estrutura do proxecto cultural que empregamos como marco condutor do Curso.

Aínda que hai moitos modelos posibles, consideramos que esta estrutura pode servir tanto como unha posible guía para a estruturación e redacción de proxectos como, ante todo, unha visión global dos aspectos sobre os que sempre debemos reflexionar para construír unha proposta sólida, sostible e viable.

Nun primeiro momento, de dimensión interna, realizamos o proceso de diagnose necesario para acadar a dimensión externa, o anteproxecto, que debe esclarecer en que consistirá o noso proxecto, quen estará tras el, para que serve a nosa proposta cultural, quen serán *s destinatari*s e quen forma parte do noso equipo e aliad*s.

O apartado operativo do proxecto (no que concretar a metodoloxía, as accións, a localización, os recursos, o orzamento, a avaliación e posible continuidade) abordarémolo a partir das aulas de xaneiro. Así, ao final do curso teremos deseñado, por equipos, un proxecto cultural propio.

Para a vindeira cita, o venres 4 de decembro, trasladarémonos ao Pazo da Cultura de Pontevedra, onde visitaremos o Culturgal da man da organización, teremos a oportunidade de traballar nos proxectos e poderemos compartir tamén un tempo distendido durante o xantar e no encontro posterior da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.

2015 11 27 sesión Marcos e Sergio - fotos Marta Gómez edited 2

Técnicas e ferramentas para o deseño colaborativo de proxectos. Pensar co corpo. Diego Parajó

Pensar co corpo.
Por Alba Vázquez Paz.

Nesta sesión Diego Parajó brindounos a oportunidade de ser desde inexpertos arquitectos, baloncestistas, corredores de obstáculos, ata deseñadores. Permitiunos estar “en la llama” e ensinounos a estar “fuera de la caja”. Explícome:

  • 2015 11 20 sesión Diego Parajó - fotos Alba Vázquez 3O gran reto da megaconstrución (Do “WOW” ao “OHH”): con esta dinámica Diego Parajó propúxonos o reto de levar a cabo unha estrutura o máis alta posible con materiais tan inusuais como spaguettis, nubes de azucre, celo ou fío, nun tempo estimado de 18’. Pero, aínda que os nosos esforzos fosen estoicos, o resultado final non era a clave de todo este proceso. Con esta dinámica puidemos observar de primeira man a necesidade de non centrar todos os nosos esforzos nunha soa idea (non probar un só disparo) e testear todos aqueles procesos que vaiamos conseguindo. Ese ínfimo instante no que vemos un pequeno avance, ese “Wow” xeralizado, adoita ir precedido dun consecuente e ineludible “Ohh”, ao ver como a nosa estrutura non é sustentable; de aí a idea de non centrarnos, de ter miras amplas, de ir paso a paso. Velaquí onde nos convertemos en expertos baloncestistas.
  • De Eisenman a Jordan: a idea é clara, debemos conseguir “wows” constantes. Debemos partir do noso punto de partida, do que xa conseguimos, e pivotar incansablemente na procura de novas aprendizaxes.2015 11 20 sesión Diego Parajó - fotos Alba Vázquez 2
  • A soidade e a cegueira fronte aos obstáculos: nesta dinámica puidemos experimentar a idea teórica do emprendemento tal e como nos foi exposta en sesións anteriores -acometer e comezar unha obra, un negocio, un empeño, especialmente se encerran dificultade ou perigo-. De aí a cegueira do emprendedor fronte ao que poida suceder. Mediante este exercicio, no que de maneira individual e cos ollos pechados, debiamos atravesar toda a aula chea de obstáculos, puidemos identificar esas dificultades, inseguridades, e barreiras que aparecían sen ser capaces de predicilas. A finalidade da dinámica, na que cada vez o grupo para atravesar a clase facíase máis amplo, abandonando a soidade inicial, era darnos conta da necesidade de ter un equipo consolidado, no que apoiarnos e viceversa.

2015 11 20 sesión Diego Parajó - fotos Damián Miramemira 3 editada

  • DCU (Deseño Centrado no Usuario): este deseño ábrenos as portas a un modelo de equipo multidisciplinar. O usuario ao que diriximos as nosas propostas será partícipe durante todo o proceso, creando equipos de traballo diversos (tanto en coñecementos, xeracionalmente, diferentes grupos de interese…). Para tratar o tema nas nosas propias carnes, levamos a cabo unha nova dinámica moi visual, na que puidemos ver a necesidade de traballar con xente de diverso tipo, o que nos permitirá manternos en constante aprendizaxe, así como adaptarnos ás novas condicións do mercado (como no caso da xeración milennial).
  • Nin queimarse nin quedar cru: dentro destes equipos podemos distinguir diferentes axentes en canto á participación no proxecto, axentes que ao longo do tempo non son estáticos, senón que poden pasar dun estado a outro. Dunha parte podemos atopar aqueles axentes que se atopan “en la llama”, aqueles cunha incrible forza de traballo e motivación; por outra, os chamados “quesitos”, segmentos que poden desenvolver unha gran participación en momentos moi determinados e establecidos previamente dentro do proxecto; e, por último, os denominados “everithing it´s alright”, aqueles axentes que mostran aprobación e apoio no proxecto, pero que, á hora da verdade, desenvolven un papel inexistente nel. Pero, que ocorre cando esa potencia central non permite ao resto de segmentos a colaboración?, Ou cando aquelas persoas que non participaban do proxecto, convéncense e queren entrar a formar parte? Ben, velaí o momento dunha boa regulación interna, na que todos os axentes estean en constante movemento.
  • Pensamento de deseño (Build-measure-building): son moitas as técnicas que ao longo destas sesións, e, en especial na presente, fomos coñecendo, desde a metodoloxía Lean Startup (“falla pronto e falla barato”), ata o aclamado Design Thinking; así como diferentes técnicas para apoiar estas metodoloxías (mapas de empatía, Ideo Method Cards, mapas de traxectoria…). Como punto central a todas elas, e como punto clave tratado nesta sesión en referencia á creatividade á hora de idear e poñer en marcha os nosos proxectos, centrámonos en tentar romper o que a lóxica nos impón; é dicir, “pensar fuera de la caja”. Non romper coa lóxica imperante (se vemos catro puntos, o noso cerebro complétao e definímolo como un cadrado) lévanos, en moitos casos, a desenvolver diversas solucións correctas a problemas incorrectos.

2015 11 20 sesión Diego Parajó - fotos Damián Miramemira 2

  • O efémero da creatividade: entre todos os puntos a desenvolver dentro da metodoloxía Design Thinking -empatizar, definir, idear e prototipar- centrámonos no terceiro paso “IDEAR”, buscando técnicas que nos permitan desenvolver adecuadamente a creatividade, para que sexa un proceso constante, e non só unha tormenta de ideas inicial que, en poucos minutos, podería quedar estancada. Na nosa última dinámica levamos a cabo o método de “saturar e agrupar”, partindo da facilidade de atopar unha boa idea no medio de mil ideas. Para iso, mediante o uso de post-its, saturamos unha gran parede coas nosas ideas, para, máis adiante, agrupar aquelas máis innovadoras, máis rendibles, con máis impacto ou máis útiles. Ademais esta dinámica móstranos como estas técnicas nos permiten incrementar a nosa creatividade, xa que o “pero” non está permitido, e, ao levala a cabo fronte un encerado ou parede eliminamos aqueles prexuízos que puidesen darse no grupo. É un método máis áxil e dinámico.

Volvendo ao título deste post, pensar co corpo permitíunos, ademais de ser partícipes das propias metodoloxías que se desenvolveron, coñecer -e sobre todo sentir- o proceso, aprender dos erros comúns, e divertirnos facéndoo. Grazas a Diego Parajó por esta magnífica sesión.

Alba Vázquez Paz

 

Xestión de equipos e proxectos creativos. Juan Freire

Por Daniel Cánovas.

Teño que dicir que o pasando venres Juan Freire conseguíu comigo o obxetivo da súa presentación. Aínda que pode parecer aventurado aseverar cal é o obxetivo dunha ponencia feita por un terceiro, direi que, como científico que é, estou seguro que Juan Freire quixo deixar en nós, polos menos, un signo de interrogación sobre das nosas cabezas. E abofé que comigo o conseguíu.

Coñecidas as primeiras pinceladas do seu currículo, o primeiro que pensei foi aquilo de: “Que fai un tipo coma ti, nun sitio como este”. Biólogo Mariño… Polo menos tiñamos a certeza de que estaría afeito a nadar entre un bo grupo de peixes como o que nos xuntamos os venres.

Antes de nada quixo deixar claro un concepto, que resultou fundamental na súa traxectoria: acadar a comprensión do ter que traballar con e non para.

Arredor disto irán aparecendo outra serie de conceptos que conforman a liña argumental do seu discurso, como: traballo, esforzo, transformación, adaptación e sobre todo EQUIPO.

Juan define o equipo como “unha suma de diversidades”, no que cada quen ten que atopar o seu rol dentro da vida interna do grupo, para facelo fructífero, tanto a nivel técnico-profesional (o que sei facer), como a nivel interaccional (cal é o meu papel dentro do grupo).

Seguidamente continuou coa presentación dos seus actuais proxectos profesionais dentro do campo da educación, iniciados na procura de novos métodos de pedagoxía, e como comenzou cun novo xeito de ensinanza, saído da universidade tradicional para voltar á universidade dentro dunha metodoloxía Team Academy, que xira entorno a dous conceptos básicos: O traballo en equipo, e o apreder facendo. Baixo estas premisas nacen outros novos proxectos como Team Labs: Educación baseada na creación de proxectos reais, dun xeito cooperativo e cunha metodoloxía de traballo en rede.

Presentou tamén outros proxectos dende o mundo cultural: como MediaLab Prado (Cultura Dixital) e a European Cultural Foundation. Con eles quérenos deixar claro a necesidade de traballar e construír redes nas que poder interactuar con diferentes perfís profesionais e persoais que nos conduzan a crear coñecemento de xeito cooperativo.

Despois desta profusa presentación Juan Freire pasa ao meollo da ponencia e disponse a falar do por que da súa presenza no curso, que non é outra que as novas visións para enfrentarnos á creación dun proxecto.

Para iso precisamos un método, un equipo e un contorno (ecosistema). Pero, sobre todo, Juan destaca que enfrentarse a acometer a empresa dun novo proxecto é unha actitude.

Creando o Proxecto:

Metidos na fariña da creación dun proxecto confronta os conceptos de método fronte ao de ferramenta, reflexionando sobre o falso mito do método, xa que non existe un só xeito de facer. Pola contra, a ferramenta configúrase como ese elemento operativo que nos permite resolver a nosa problemática concreta. De aí que Juan Freire aposta pola ferramenta fronte ao método, utilizando para isto a metáfora da caixa de ferramentas: non hai unha ferramenta mellor que outra dentro da caixa; a mellor é aquela que nos axuda a resolver o problema.

Dende aquí pasamos a falar da importancia da creatividade e da innovación, para isto retomamos os conceptos dos que xa falaramos con anterioridade. A igual ou maior nivel do método teremos que ter sempre a actitude. E, por último, todo isto ten que suceder dentro dun contorno.

Polo tanto estas tres conceptos conformarían a formula:
Método – Como o facemos (máis doado de adquirir)
+
Actitude – Como nos enfrontamos ao que facemos (troco máis profundo)
+
Contorno – Donde o facemos
= Xeito de enfrentarnos a realidade

2015 11 13 - Sesión Juan Freire- Fotos Nela

Pasamos logo a “descontaminar” o significado do verbo Emprender que non é outro, según a RAE, que: “Acometer y comenzar una obra, un negocio, un empeño, especialmente si encierran dificultad o peligro”. Juan pretende con esta definición primixenia, promover a idea de que todos os que acometemos proxectos somos emprendedores de facto, xa que nun principio a creación ou inicio dun novo proxecto implica un lanzarse, asumindo o risco.

Atendendo á definición de empresa: “Acción o tarea que entraña dificultad y cuya ejecución requiere decisión y esfuerzo.”, a realización de empresas é polo tanto unha actitude, un xeito de tentar trocar o status quo.

Para enmarcar estas conceptualizacións, dentro do proceso de creación dun novo proxecto utiliza a metáfora da viaxe, como camiño transformador que ten que desenvolver un troco vital para quen o desenvolve. Para iso, froito dun debate de equipo, Juan Freire amosa a xeito de postais as 8 verbas cloncluíntes que un dos seus equipos acadou entorno á elaboración dun proxecto:

  • Experiencia: O proceso hai que vivilo. Ten que ser transformador na persoa.

  • Orgánico: O proceso está vivo. Muda conforme avanza.

  • Extremo: Precisa paixón, esforzo. É unha actividade transformadora, e, polo tanto, dura e ardua. Hai que vivilo coma un reto.

  • Transformación: Ten que mudar a nosa visión das cousas.

  • Reinvención: Aprendizaxe continua.

  • Viaxe: Ten inicio e fin con estranos. É dicir emprendemos a consecución duns obxetivos comúns, cun equipo de descoñecidos aplicando a confianza mutua.

  • Liderazgo: Estar ao servizo do equipo, coñecer o rol propio e desenvolvelo.

  • Lugar: O proxecto, en fin, é un lugar, onde acontecen cousas con e grazas a outros. É fundamental crear un ambiente de confianza máxima, de confortabilidade ben entendida.

Estas 8 palabras conéctannos de novo cos conceptos de ACTITUDE E CONTORNO.

Deseguido entramos na paradoxa de como levar a cabo estas actitudes, este xeito de elaborar proxectos dentro dunha sociedade que parece non empatizar con esta metodoloxía. O troco tecnolóxico fainos vivir nunha perpetua e radical transformación da sociedade.

Ante isto aparece un novo concepto: Economía Creativa. Este concepto teoriza sobre cambios que nos están a suceder como sociedade. Como aparece un novo contorno e de como precisamos novas metodoloxías para afrontar novos retos.

Aquí Juan fálanos de conceptos antecedentes como o da Clase creativa teorizada en E.E.U.U. por Richard Florida, que promovía unha visión elitista dos perfís sociais creativos, así como o das Industrias Culturais Creativas, que nos conta dun xeito certamente limitador como as únicas industrias creativas son as culturais.

De novo contrapoñemos exemplos económicos tradicionais, do s. XX, centrado na cultura das masas, do anquilosamento, da rixidez, fronte a este novo concepto de Economía Creativa (s. XXI) que nos fala da multitude (Crowd), de modelos máis áxiles, adaptativos.

A tecnoloxía foi en boa parte a mecha que iniciou este troco, que fai do noso mundo actual un entorno incerto polo que é preciso non facer Plans, que son excesivamente lentos; fagamos métodos que son moito máis áxiles.

Dentro deste entorno tan inestable, a chave do éxito será a creatividade. De aquí o concepto de Economía Creativa, que baseamos arredor de dúas capacidades: a de innovar, facer cousas que antes non se facían para resolver problemas, e a capacidade de transformación, do eterno reiventarse como xa falamos con anterioridade.

Fronte ás estructuras xerarquizadas e burocratizadas de etapas anteriores, onde o pequeño somentes pode traballar para o grande, agora atopamos un gran número de pequenos traballando entre eles en rede, facéndose grandes, non polo tamaño, se non pola capacidade de creación nun universo moi heteroxeneo (Crowd), aos que Juan gusta de chamar Constelacións de Emprendedores.

Esquema do Novo Paradigma:

2015 11 13 sesión J. Freire - esquema Cánovas 1

Esta relacción non implica a morte do modelo tradicional, senon que se está a transformar.

A continuación, Juan Freire explica o nacemento dos novos xeitos de crear proxectos baseado na metodoloxía do deseño, que implica ferramentas máis áxiles, máis adaptativas e o testeo por medio do prototipado.

Coa finalidade de visualizar estas estratexias, fainos a analoxía entre o desenvolvemento dun proxecto emprendedor e a realización dunha película, tomando como mostra a experiencia de Werner Herzog, fixada en 4 claves deste proceso:

1.- Autonomía e Confianza (Asume e aprende do Erro; é parte do proceso)

2.- Os cartos non son a clave (A ausencia de recursos como motor da aprendizaxe. Este punto deberemos tomalo con certa precaución, pois pode ser unha arma de dobre fío).

3.- A mestría precisa de paixón, esforzo e tempo (Aspirar á mestría, ao dominio dunha disciplina).

4.- O acto creativo é unha combinación de creación, destrución e purga.

Estas chaves poderían funcionar a xeito de manual de como facer as cousas.

Equipos Creativos:

Á volta do descanso pasamos do macro ao concreto, pasamos das actitudes ao ciclo vital dos equipos e proxectos. Comenzamos coa afirmación que nos fai Juan respecto á vida dos proxectos e do equipo, que ao seu entender deberán ser paralelos.

O Ciclo do Proxecto:

É neste momento cando topamos cos conceptos de Diverxencia (creación) e Converxencia (Idea), que atopamos expresados na seguinte ilustración.

2015 11 13 sesión J. Freire - esquema Cánovas 2

Como vemos, topamos a parte caótica, a parte de exploración, investigación, de conceptualización, que normalmente non trascende pero que é de vital importancia para a vida do proxecto xa que estamos ante a fase pura da creación. É preciso permitirse ese momento para que suceda o seguinte, para poder parir a idea.

Estas son as regras básicas da metodoloxía da innovación Design Thinking: primeiro entende á persoa e logo idea a solución. Este proceso estará presente moitas veces ao longo do proceso vital do proxecto.

Unha vez superado o momento da diverxencia, ideamos. E unha vez ideado, prototipamos; é dicir, realizamos un test do noso proxecto empregando o menor número de recursos posibles. Finalmente hai que facelo medrar.

Durante todo este ciclo, utilizamos unha serie de ferramentas:

  • Design Thinking: Innovación centrada nas persoas. (Ideais para a primeira fase e prototipado).

  • Lean Startup.

  • Metodoloxías Áxiles: Baséanse en entender o proxecto como un sprint. Debullando o noso proxecto en fases e afrontándoas deste xeito. Estes métodos aluden á parte de coordinación dos proxectos.

A utilización destas ferramentas debe circular dunha maneira concreta, centrándose 1º na persoa, 2º na tecnoloxía e 3º no negocio. Se todo isto dase do xeito correcto xorde a experiencia e a innovación.

2015 11 13 sesión J. Freire - esquema Cánovas 3

Outra das ferramentas sobre as que se centra Juan Freire é o prototipado. Como indica o seu nome, provén do mundo do software e da ciencia, e digamos que estariamos a falar da fase de probas do proxecto. Nesta parte é onde se fai mais patente, se cabe, aquilo da pedagoxía do erro, xa que estamos na fase da experimentación de comprobar a validez da idea. Con esta finalidade teremos o recurso da creación MVP, ou Producto Mínimo Viable. É importante resaltar que este MVP, é un produto feito. É o elemento mínimo que permite comprobar que algo funciona.

2015 11 13 sesión J. Freire - esquema Cánovas 4

Debemos entender que o desenvolvemento do proxecto terá que ser un prototipar contínuo.

Insiste Juan en que a vida do proxecto e do equipo transcorren paralelas, e así como evoluciona o proxecto terá que facelo tamén o equipo. Neste caso a ferramenta indispensable de todo equipo é o diálogo, pero non o diálogo como arma de debate ou discusión, senon como medio de resolución de conflitos.

A vida do Equipo ao igual que a do proxecto, convivirá con momentos de diverxencia e de converxencia, ata que se estabilice ou fracase.

Ecosistemas e Contornos:

Por último, falounos Juan da importancia do contorno dentro dos proxectos, xa que se conforma nestes ecosistemas o espazo onde se desenvolve o proxecto. Disertou sobre o que nomeou como o Modelo da Cebola, no que nos presenta os diferentes niveis relacionais do proxecto co seu contorno, indo de dentro a fóra: Equipo – Espazo – Comunidade – Cidade.

Parece non quedar dúbida de que o contorno será tamén un punto identitario que marcará o proxecto, e de como a importancia do contorno territorial pode favorecer a Comunidade Práctica fronte á Comunidade Competitiva.

A xeito de peche, compartir con vós a inquietude de non saber se esta “crónica” será da vosa utilidade ou non, pero eu direi que para min servíu para espertar a curiosidade sobre o afondar nestas novas metodoloxías, e como cofrade que son da Pedagoxía do Erro, non podo máis que finalizar coa seguinte cita de Oscar Wilde:

“Experiencia é o nome que damos aos nosos erros”´.

Dani Cánovas.

Ámbito sociocultural. Participación e cidadanía con Alberto García Sánchez

Por Iria Aboi Ferradás.

Iniciamos novembro cunha sesión impartida por Alberto García Sánchez. Dende o comezo confesa que a súa pretensión ao longo da exposición será a defensa da tese de que a xestión cultural máis actual coincide nos termos clave coa animación sociocultural de sempre: participación, procesos, comunidades, mediación, colaboración, pedagoxías, cidadanía. E que esta visión sociocultural é de moita utilidade para deseñar os proxectos de traballo do curso e aqueles nos que nos impliquemos no futuro. Comeza coa explicación de diferentes conceptos ou palabras clave de onte (vinculadas coa concepción clásica da animación sociocultural) e de hoxe (terminoloxía que se está a empregar nos foros e congresos máis recentes).

2015 11 06 sesión Alberto García - foto Iria Aboi (recorte Nela)_edited-2

Nesta tarefa de irmos debullando termos paira a idea de que toda esta terminoloxía está interconectada, de que son palabras novas para vellos conceptos.

Antes da crise predominaba o “eventismo”; isto é, a acción cultural centrábase nos grandes eventos, nas grandes infraestruturas, nos públicos, nos elementos de consumo. Neste momento, trátase de rachar con esa idea da política cultural clásica na que un único emisor xeraba cultura e o público era un simple receptor – consumidor. No novo paradigma apóstase polos procesos sociais, comprometendo á comunidade, para que os proxectos sexan participados, aglutinadores e implicadores (ex: Donostia 2016).

Así, todas pertencemos a unha comunidade, na que todas/os estamos ao mesmo nivel e as/os xestoras/es pasan a ser mediadoras/es e a traballar coa comunidade para xerar proxectos culturais, transformadores e con vontade de continuidade. A implicación da comunidade é central para que o resultado final sexa exitoso, mais tamén o é a tarefa de mediar no ecosistema no que nos atopemos. Esta participación e colaboración tradúcese nunha maior corresponsabilidade da xente nesa produción cultural.

O noso docente entende que nesta metodoloxía de traballo a cultura emanaría do conxunto do pobo e que a administración sería un axente máis ao que lle correspondería poñer medios, recursos e persoas que, entre outros cometidos, farían a mediación necesaria para que desa comunidade abrollasen proxectos culturais.

Con todo, dada a profundidade do debate, queda pendente reflexionar máis a fondo sobre o papel das institucións públicas e (ata onde chegaría) a súa responsabilidade de xerar e financiar cultura, unha cuestión que entronca cos modelos de política cultural analizados na clase maxistral de Eduard Miralles. O feito de termos en conta as potencialidades da comunidade é necesario para crearmos proxectos innovadores e creativos e que estes proporcionen un desenvolvemento social que reverta nese territorio (recuperarmos, entón, a idea de “poñer en valor os recursos, de todo tipo, propios do territorio” que vimos con Gonzalo Rodríguez e, tamén, a noción das “necesidades sentidas” que traballamos con Ana Lorenzo).

2015 11 06 sesión Alberto García - foto Nela

A seguir, achegámonos ás definicións de animación sociocultural, educación social e educación popular recollidas na wikipedia. Centrámonos, sobre todo, na primeira, xa que Alberto García considera esta filosofía de traballo como necesaria e útil para traballar na comunidade, coa comunidade e mesmo para xerar comunidades. Tanto é así, que para el esta forma de traballar serve para aplicar a un contexto local ou próximo (ex: Leña Verde, en Boiro) e a contextos máis amplos nos que se queira plasmar un proxecto cultural (ex: ENSAIO, rede galega de locais de ensaio).

Finalmente, recalamos na definición de educación popular, a especialidade da pedagoxía da que deriva a animación sociocultural. Destaca a idea, tan de actualidade, de que a persoa aprende no medio que a rodea, sen, necesariamente, asistir a unha institución educativa. Xa que logo, existe un coñecemento partillado, ese que se vive, se experimenta e se aprende na comunidade. Sobresae este principio: A través da superación da contradición educador – educanda/o, ninguén educa a ninguén, senón que todas/os se autoeducan e xeran coñecemento popular e colectivo. Hai, deste xeito, espazo para o diálogo, o encontro, a reflexión, a crítica e a liberdade, que tanto se botan en falta na educación formal.

Após esta contextualización teórica, abordamos os espazos. Os centros cívicos ou centros sociais, para alén dos espazos abertos, serán os espazos físicos naturais para a mediación sociocultural. Antes do descanso, analizamos, tamén, o xeito de traballar. O noso docente expuxo unha fórmula baseada na suma de tres elementos: a animación sociocultural de toda a vida + o decrecemento cultural (contexto de crise)+ a cultura dixital.

Alberto García afirma que este é o momento axeitado para mudarmos o xeito de pensar, tamén, no plano cultural. Hoxe, non nos é alleo falarmos de redistribución, recolocación ou redefinición do centro e periferia. Tampouco debera selo falarmos de ecosistemas culturais, comunidades nas que existen diversos axentes a participar e traballar conxunta e colaborativamente (artistas, mediadoras/es, administración, asociacións, grupos non formais…). Fronte a chamada cultura transxénica e o monocultivo das grandes multinacionais da cultura, a aposta: modelos de cooperación social, xeración de grupos de traballo, transversalidade, colaboración entre diferentes axentes de cada territorio, espazos de cidadanía directa, e, tamén, espazos de animación sociocultural. Todo isto aderezado coa pegada da cultura dixital.

O pano de fondo na cultura aberta ou colaborativa é que todas/os somos participantes e xeradoras/es de contidos e mesmo as comunidades e as/os axentes que actúan nelas poden transcender o seu territorio (ex: wikipedia, twitter…) Isto liga con outros xeitos de participar que van máis alá do asociacionismo e que, por atractivos, están a ser ben acollidos pola xente nova.

 2015 11 06 sesión Alberto García - fotos Iria Aboi 2 (editada por Nela)Alberto García salientou os seráns como exemplo galego da cultura do compartir, do xerar, do participar e, colectivamente, analizamos varios dos seus aspectos.

Durante toda esta explicación, e sobre todo despois dela, varias persoas fixeron preguntas e achegas sobre cuestións diversas. O noso poñente puxo o foco na necesidade de que, malia os cambios de goberno nas institucións, se tentasen sortear, con vontade, constancia e participación, as políticas institucionais que non partillan, e mesmo tentan bloquear, este xeito de traballar. Do mesmo xeito, recollendo outra achega, incide en que a dimensión sociocultural da cultura non está enfrontada coa dimensión máis económica, coa existencia de sectores profesionais, cunha industria editorial ou musical, necesarias nun territorio, para producir e crear contidos e non só consumilos. Con todo, destaca que canto máis traballemos con esta metodoloxía, máis consolidaremos a comunidade, máis demanda xeraremos (mediadoras, músicos, actrices…) e máis oportunidades profesionais van xurdir.

Rematamos esta parte cunha achega das impresións dun compañeiro que viña de asistir dun congreso de ámbito estatal e coa necesidade, manifestada na súa e noutras intervencións, de poñermos en valor as experiencias desenvolvidas en Galiza, que recollen estas ideas de participación, de fortalecer o sentido de comunidade, do valor educativo e a transformación social, pois non en poucas ocasións as olladas acaban por se centrar no de fóra.

Despois do descanso, aplicamos toda esta análise a algún dos nosos proxectos e a outros que Alberto García nos achegou. Deste xeito avaliamos, por grupos, ata que punto estas palabras clave e esta visión sociocultural están nos proxectos e se estes criterios son un factor de éxito.

 

Deste xeito rematamos. Os reencontros sempre son gratos. E se son intensos moito máis. Moitas de nós xa coñeciamos o traballo e valía profesional de Alberto García, mais nesta sesión aprendemos del, de xeito suxestivo e ameno, a paixón e a vontade pola transformación social, despois de 20 anos adicado á mediación sociocultural. Alberto de Boiro destila autenticidade, a mesma que nos recomenda buscar para os nosos proxectos. Para que sexan de verdade. Agardamos con ansia o próximo reencontro. Este comezouno afirmando, modestamente, que “Non por listos, senón por todo o tempo que levamos traballando, algo saberemos e algo teremos que contar.” E vaia se tivo….

 

 

A diagnose. Necesidades e oportunidades. Ana Lorenzo

Por Elena López.

Dentro das tarefas que nos corresponde ao alumnado do curso está a de participar na actualización deste blog e, como novata que son, a primeira dúbida que me xurdiu foi como enfocar a clase do venres a cargo de Ana Lorenzo. Comecei a visualizar todos os conceptos aos que fixemos referencia e sobre os que traballamos na sesión e pensei que non ia ser capaz de ordenalos nun contexto. Foi aí cando me decatei de que non é cuestión da orde senón da visión global de todos eles, que é o que nos leva ao noso proxecto cultural.

Cando chegamos a nosa segunda clase do curso xa intuín que ía ser diferente. Cambiamos de aula, mesas e cadeiras individuais que movimos unhas cantas veces nas 4 horas que compartimos: grupos de 5, de 3… cada un de nós coa súa maneira de pensar pero todos traballando para un proxecto. O coñecemento que Ana Lorenzo nos q2015 10 23 sesión ana lorenzo - fotos sergio 2_edited-1uixo transmitir ía tamén implícito no seu método didáctico, creamos un escenario en movemento continuo, unha das premisas que formará parte da nosa investigación.

O primeiro concepto que abarcamos foi o de necesidade, e abrimos a fenda no grupo entre os partidarios de que todos temos as mesmas e os que pensabamos que depende de cada individuo. Afondando un pouco máis nas teorías máis representativas e describindo o que entendiamos por tal, achegamos posturas ao recoñecer a existencia de distintos tipos como as reais, as sentidas, as culturais… O importante cando abordemos un proxecto cultural é identificar aquelas necesidades que queremos satisfacer, e ser conscientes de que non hai nada illado senón que todo nos vai influír noutros aspectos.

Como a hora de escoller a nosa técnica de investigación, dependendo da que empreguemos imos obter un resultado diferente. As tres perspectivas a través das cales podemos afrontar a nosa investigación son:

a.- Distributiva / Estatística: datos estatísticos e enquisas que nos aportan descricións.
b.- Estrutural / Cualitativa: entrevistas e grupos de discusión que nos “explican”.
c.- Reflexiva / Participativa: investigación e acción participativa que “transforman”.

A necesidade de utilizar instrumentos propios da metodoloxía cualitativa e participativa ven de visibilizar aspectos da realidade que quedaban ocultos co uso das técnicas cuantitativas. É de vital importancia para acadar o éxito vincular ao maior número de xente posible.

E comezamos a traballar coa diagnose, que debe considerarse como o primeiro paso cara a unha boa estratexia de desenvolvemento cultural. Nunha diagnose comunitaria é a propia comunidade quen determina as súas necesidades primordiais e poderá propoñer as posibles solucións para satisfacelas. É a que nos vai permitir coñecer a fondo a realidade existente recompilando e analizando datos, discursos e accións da cidadanía.

Como realizar unha boa diagnose para que o noso proxecto cultural se axuste á realidade?

Para iso realizaremos un mapa de axentes e relacións: colocaremos no eixo vertical aqueles axentes que consideremos que posúen máis ou menos poder (entidades, grupos sociais e poderes), e no eixo horizontal se os percibimos próximos ao noso proxecto ou antagonistas. O obxectivo é identificar as potencialidades de cada un, e unha vez rematado saberemos quen falta nese mapa, que axentes non están implicados no proxecto e poder corrixilo ou simplemente telo presente á hora de adoptar medidas.

O coñecemento do territorio, o contexto, no que se planifica e xestiona posibilitará a elaboración de proxectos máis acordes ás diversas necesidades das persoas. Será de gran axuda coñecer a traxectoria doutras accións culturais que se levaron ou levan a cabo no mesmo contexto, xa que nos vamos atopar con moita información diferente de distintas variables.

Xeraremos, a partir desta investigación, canles de comunicación tanto coa sociedade civil coma cos organismos públicos que nos permitan perfeccionar unha metodoloxía de análise das diversas expresións culturais.

As primeiras conclusións ás que chegamos, e é algo recorrente na elaboración dos mapas en xeral, é que aparecen colectivos como os inmigrantes con pouco poder e moi lonxe de nós e a pouca proximidade dos poderes, que moitas veces está mal considerada xa que na realidade son máis próximos do que pensamos nun primeiro momento. A cultura intervén aquí dende unha dobre dimensión: como factor de creación de identidade e como estimuladora da creación e participación. O exercicio da cultura é un elemento básico para a cohesión e a inclusión social.

Sería bo elaborar proxectos a medio e longo prazo, identificando necesidades e procurando satisfacelas do mellor xeito posible, con dinámicas de participación cidadá para ter unha ampla base vinculada ao noso proxecto.

Aquí quedamos, cos deberes de identificalos axentes que van a estar presentes no mapa do noso proxecto cultural. Espero que sigamos movéndonos, alternándonos, cambiándonos, participando, rindo, usando post-it de distintas cores e tamaños para empaparnos dos distintos saberes.

Que cultura e para que sociedade, con Eduard Miralles

Por Xavier Campos.

Cando no 2003 comecei a traballar como técnico de cultura no Concello de Ribadeo a miña experiencia era fundamentalmente a do activismo cultural. Tiña comigo a querenza polos contidos (a música, a literatura, as artes escénicas, o patrimonio…) e unha clara vocación de intervención social, mais faltábame conceptualización e coñecemento concreto no campo do deseño e da xestión de políticas culturais. Chegaban dúas semanas no despacho para decatarse de que unha cousa era saber de teatro e outra ben diferente tomar decisións sobre que programación, para que públicos, en base a que obxectivos, en que calendario, desde que circuítos, con que formato e prezos… podiamos organizar a próxima temporada teatral do meu concello. E así co resto. Para poder definir o concreto era preciso comprender, e ter as claves, do global. Precisaba ter a visión do conxunto, aquela que dota de coherencia e de sentido ao traballo que facemos, para poder definir despois cada un dos aspectos particulares.

A partir desa constatación púxenme a devorar, con verdadeira ansia, todos os materiais que ía descubrindo e me podían ser de axuda no proceso de autoaprendizaxe. Xabide, Periférica, Interacció, Toni Puig, DIBA, gestorcultural.org, Alfons Martinell… eran referencias, nomes, marcas que aparecían e se repetían decote no mapa diverso das descubertas. Entre eles salientaba para min o de Eduard Miralles, responsábel da política cultural da Diputació de Barcelona. O seu perfil, cun pé na acción e no deseño de políticas desde a administración e outro na reflexión e análise do campo cultural, resultaba de especial interese para profundar naquilo que máis me interesaba, a tríade cultura, territorio e proximidade.

Coa lectura dos seus textos e a asistencia a algunha das súas participacións en diferentes foros corroborei enfoques de traballo, necesidades de planificación e perspectivas de abordaxe estratéxica das diferentes dimensións nas que hoxe a cultura se manifesta. Os seus conceptos servían, e serven, de ferramentas desde as que abrir canles de reflexión sobre o que estamos a facer e sobre como repensarmos a nosa posición en relación ao contexto. E iso, entendo, é ao final o máis importante. Calquera xestor cultural, calquera responsábel político desta área, ten, antes de calquera outra cousa, a obriga de pensar e de definir que cultura e para que sociedade.

A clase maxistral de Eduard Miralles na segunda sesión do curso respondeu, neste sentido, xustamente a esta necesidade que vimos de formular. O seu foi un demorado, claro e pedagóxico percorrido, de carácter fundamentalmente descritivo, das cuestións que conforman o esqueleto básico do marco teórico da xestión cultural e, ao tempo, serviu igualmente como repaso diacrónico dos principais modelos e perspectivas que se foron sucedendo no ámbito das políticas culturais.

Comezou Miralles reivindicando o seu papel de policy making, isto é, de facedor de políticas públicas que vén traballando, desde hai décadas e en diferentes circunstancias, a partir da conceptualización da experiencia e da posta en valor do coñecemento emanado da praxe. Fronte a unha academia en moitas ocasións depredadora do saber –como denunciaba Alfons Martinell nunha deliciosa entrevista para a revista Periféricao noso convidado aposta por dar valor á experiencia do traballo para, desde ela, reflexionar sobre os contidos e as claves do propio marco desde o que se está a intervir.

En base a esa posición o propio Miralles iniciou a descrición dalgunhas cuestións básicas. Na definición e amplitude do termo cultura, por exemplo, oscilante entre unha visión sociolóxica asociada ás artes e outra antropolóxica (máis ampla e totalizadora) atendemos a necesidade de procurar o espazo máis fértil para a nosa acción na interrelación de ambas. Do mesmo xeito, no debate entre o obxectivo da excelencia (produtos “espectaculares”, con ampla visibilidade e escasa base sociocomunitaria) ou o da proximidade (proxectos de base ampla, firmes, mais con escaso impacto) apostamos pola converxencia de ambos (a máis base, máis altura) nunha fórmula que os articulase de forma eficaz.

Miralles conduciunos despois á descrición e territorialización histórica dos diferentes modelos de política cultural (estado árbitro, estado mecenas, estado arquitecto, estado enxeñeiro). Os Arts Council, os Ministerios de Cultura, as innovacións que se están a tentar en países coma Quebecq ou Australia… gañaron protagonismo para, a partir da análise das súas diferenzas, construír unha reflexión sobre os obxectivos, estratexias e funcións das diferentes políticas culturais.

A exposición centrouse, de seguido, na avaliación das particularidades das mesmas en relación ao resto de políticas públicas. Da man desta vontade achegámonos ao campo dos dereitos culturais -aínda pouco definido e avanzado-, á territorialidade da acción cultural e ás lóxicas de cooperación e/ou competencia que se dan nela e, finalmente, á vinculación das motivacións (resolución de necesidades existentes, aproveitamento de oportunidades de contexto) que aparecen na formulación das propostas culturais.

Por último, a comparativa de estratexias, políticas, axentes e factores de lexitimación que operaron nos diferentes modelos sociais (estado tradicional, moderno, do benestar e relacional) deu pé a unha proveitosa achega aos modelos da democratización cultural (André Malraux, proximidade, acceso á cultura, oferta, Casas da Cultura, cidadán espectador) e da democracia cultural (Mondiacult, Informe MacBride, cidadán como protagonista), da que partiron reflexións igualmente interesantes sobre a transversalidade das relacións entre ámbitos (educativo, social, cultural), a permeabilidade das políticas culturais aos cambios sociais e tecnolóxicos ou a evolución específica que se deu no marco do Estado español dos anos 70 en diante (asociacionismo cultural, institucionalización, equipamentos, reflexión sobre o quefacer cultural).

En resumo, a intervención de Miralles foi o que se agardaba: un percorrido maxistral, extenso e a un tempo rigoroso e ameno polos conceptos clave da xestión e das políticas culturais, que nos introduciu da mellor maneira a todos os contidos específicos que imos abordar no curso a partir deste momento.

Presentación do Curso 2015-16. Introdución ao proxecto cultural

O pasado venres, 9 de outubro, tivo lugar a inauguración do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural, na Facultade de CC. Económicas da USC. Logo dun primeiro encontro d*s alumn*s e titores na cafetaría trasladámonos á aula onde tivo lugar a presentación oficial da man de Isabel Neira, Gonzalo Rodríguez, Marcos Lorenzo e Sergio Lago. Nela, Gonzalo Rodríguez introduciu o papel deste Curso no marco da Universidade de Santiago de Compostela, e Sergio Lago comentou asimesmo o seu funcionamento e distribución de horas, as canles de comunicación que se empregarán e a oportunidade que ofrece este posgrao de facer prácticas.

Unha vez presentados *s coordinador*s e titores foron *s alumn*s os que se presentaron. Este ano, esgotadas todas as prazas, contamos cun perfil moi plural. Entre *s compañeir*s do Curso temos responsables políticos do ámbito local e autonómico, así como técnic*s de cultura, turismo, bibliotecas, festas e normalización lingüística en diferentes concellos e deputacións, ademais de estudantes, activistas e empresari*s do eido da cultura.

A continuación Marcos Lorenzo falou da estrutura do proxecto cultural que servirá de marco condutor do Curso: Nun primeiro momento encargarémonos, na dimensión interna, do proceso de diagnóse necesario para acadar a dimensión externa, o anteproxecto, que debe esclarecer en que consistirá o noso proxecto, quen estará tras el, para que serve o noso proxecto cultural, quenes serán *s destinatari*s e quen forma parte do noso equipo e aliad*s. O apartado operativo do proxecto (no que concretar a metodoloxía, as accións, a localización, os recursos, o orzamento, a avaliación e posible continuidade) abordarémolo a partir das aulas de xaneiro. Ao final do curso teremos deseñado, por equipos, un proxecto cultural propio, tentando afondar o máis posíbel na súa estratexia específica e Plans de Produción, Financiamento, Márketing, Comunicación e Medios, e de Públicos.

09_10_2015_2

Deseguido iniciouse un debate sobre para que serve un proxecto cultural, que importancia ten ter unha programación e planificación para que un proxecto teña éxito e poida ser avaliado. A idea brillante ten que vir acompañada de rigor metodolóxico e dunha viabilidade económica. É tamén o xeito de que a idea dunha persoa ou colectivo acade a trascendencia social e sexa exportable.

Falouse moito e con altísimo nivel de participación na aula da política cultural con motivo da cuestión lanzada ao aire “hai un proxecto bo para toda a poboación?”. Condenouse a falta de continuidade dos proxectos, resultado de empregar as actuacións culturais como armas en política, e tamén o “boísmo”, esa visión acrítica da cultura que a coloca nun estadio infantil con respecto a, por exemplo, a sanidade. Non toda acción cultural é boa en sí mesma; tamén hai inxustiza social en Cultura.

No debate comentouse asimesmo a potencialidade transformadora do proxecto cultural, e as súas opcións de relación co Poder dende os conceptos de Jesús Ibáñez: conversión, reversión, perversión e subversión.

Durante o descanso dividiuse o alumnado en 6 grupos cunha lista de diferentes contextos a escoller entre el*s para desenvolver o seu proxecto cultural.

Despois da asignación destes contextos, Marcos Lorenzo falou do traballo en equipo e deu certas pautas e suxerencias para o bo funcionamento do mesmo. Cun breve debate posterior concluíu esta primeira sesión do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural.

Na vindeira sesión Eduard Miralles fará un repaso pola Historia, actualidade e perspectivas das políticas culturais.