Ámbito sociocultural. Participación e cidadanía con Alberto García Sánchez
Por Iria Aboi Ferradás.
Iniciamos novembro cunha sesión impartida por Alberto García Sánchez. Dende o comezo confesa que a súa pretensión ao longo da exposición será a defensa da tese de que a xestión cultural máis actual coincide nos termos clave coa animación sociocultural de sempre: participación, procesos, comunidades, mediación, colaboración, pedagoxías, cidadanía. E que esta visión sociocultural é de moita utilidade para deseñar os proxectos de traballo do curso e aqueles nos que nos impliquemos no futuro. Comeza coa explicación de diferentes conceptos ou palabras clave de onte (vinculadas coa concepción clásica da animación sociocultural) e de hoxe (terminoloxía que se está a empregar nos foros e congresos máis recentes).
Nesta tarefa de irmos debullando termos paira a idea de que toda esta terminoloxía está interconectada, de que son palabras novas para vellos conceptos.
Antes da crise predominaba o “eventismo”; isto é, a acción cultural centrábase nos grandes eventos, nas grandes infraestruturas, nos públicos, nos elementos de consumo. Neste momento, trátase de rachar con esa idea da política cultural clásica na que un único emisor xeraba cultura e o público era un simple receptor – consumidor. No novo paradigma apóstase polos procesos sociais, comprometendo á comunidade, para que os proxectos sexan participados, aglutinadores e implicadores (ex: Donostia 2016).
Así, todas pertencemos a unha comunidade, na que todas/os estamos ao mesmo nivel e as/os xestoras/es pasan a ser mediadoras/es e a traballar coa comunidade para xerar proxectos culturais, transformadores e con vontade de continuidade. A implicación da comunidade é central para que o resultado final sexa exitoso, mais tamén o é a tarefa de mediar no ecosistema no que nos atopemos. Esta participación e colaboración tradúcese nunha maior corresponsabilidade da xente nesa produción cultural.
O noso docente entende que nesta metodoloxía de traballo a cultura emanaría do conxunto do pobo e que a administración sería un axente máis ao que lle correspondería poñer medios, recursos e persoas que, entre outros cometidos, farían a mediación necesaria para que desa comunidade abrollasen proxectos culturais.
Con todo, dada a profundidade do debate, queda pendente reflexionar máis a fondo sobre o papel das institucións públicas e (ata onde chegaría) a súa responsabilidade de xerar e financiar cultura, unha cuestión que entronca cos modelos de política cultural analizados na clase maxistral de Eduard Miralles. O feito de termos en conta as potencialidades da comunidade é necesario para crearmos proxectos innovadores e creativos e que estes proporcionen un desenvolvemento social que reverta nese territorio (recuperarmos, entón, a idea de “poñer en valor os recursos, de todo tipo, propios do territorio” que vimos con Gonzalo Rodríguez e, tamén, a noción das “necesidades sentidas” que traballamos con Ana Lorenzo).
A seguir, achegámonos ás definicións de animación sociocultural, educación social e educación popular recollidas na wikipedia. Centrámonos, sobre todo, na primeira, xa que Alberto García considera esta filosofía de traballo como necesaria e útil para traballar na comunidade, coa comunidade e mesmo para xerar comunidades. Tanto é así, que para el esta forma de traballar serve para aplicar a un contexto local ou próximo (ex: Leña Verde, en Boiro) e a contextos máis amplos nos que se queira plasmar un proxecto cultural (ex: ENSAIO, rede galega de locais de ensaio).
Finalmente, recalamos na definición de educación popular, a especialidade da pedagoxía da que deriva a animación sociocultural. Destaca a idea, tan de actualidade, de que a persoa aprende no medio que a rodea, sen, necesariamente, asistir a unha institución educativa. Xa que logo, existe un coñecemento partillado, ese que se vive, se experimenta e se aprende na comunidade. Sobresae este principio: A través da superación da contradición educador – educanda/o, ninguén educa a ninguén, senón que todas/os se autoeducan e xeran coñecemento popular e colectivo. Hai, deste xeito, espazo para o diálogo, o encontro, a reflexión, a crítica e a liberdade, que tanto se botan en falta na educación formal.
Após esta contextualización teórica, abordamos os espazos. Os centros cívicos ou centros sociais, para alén dos espazos abertos, serán os espazos físicos naturais para a mediación sociocultural. Antes do descanso, analizamos, tamén, o xeito de traballar. O noso docente expuxo unha fórmula baseada na suma de tres elementos: a animación sociocultural de toda a vida + o decrecemento cultural (contexto de crise)+ a cultura dixital.
Alberto García afirma que este é o momento axeitado para mudarmos o xeito de pensar, tamén, no plano cultural. Hoxe, non nos é alleo falarmos de redistribución, recolocación ou redefinición do centro e periferia. Tampouco debera selo falarmos de ecosistemas culturais, comunidades nas que existen diversos axentes a participar e traballar conxunta e colaborativamente (artistas, mediadoras/es, administración, asociacións, grupos non formais…). Fronte a chamada cultura transxénica e o monocultivo das grandes multinacionais da cultura, a aposta: modelos de cooperación social, xeración de grupos de traballo, transversalidade, colaboración entre diferentes axentes de cada territorio, espazos de cidadanía directa, e, tamén, espazos de animación sociocultural. Todo isto aderezado coa pegada da cultura dixital.
O pano de fondo na cultura aberta ou colaborativa é que todas/os somos participantes e xeradoras/es de contidos e mesmo as comunidades e as/os axentes que actúan nelas poden transcender o seu territorio (ex: wikipedia, twitter…) Isto liga con outros xeitos de participar que van máis alá do asociacionismo e que, por atractivos, están a ser ben acollidos pola xente nova.
Alberto García salientou os seráns como exemplo galego da cultura do compartir, do xerar, do participar e, colectivamente, analizamos varios dos seus aspectos.
Durante toda esta explicación, e sobre todo despois dela, varias persoas fixeron preguntas e achegas sobre cuestións diversas. O noso poñente puxo o foco na necesidade de que, malia os cambios de goberno nas institucións, se tentasen sortear, con vontade, constancia e participación, as políticas institucionais que non partillan, e mesmo tentan bloquear, este xeito de traballar. Do mesmo xeito, recollendo outra achega, incide en que a dimensión sociocultural da cultura non está enfrontada coa dimensión máis económica, coa existencia de sectores profesionais, cunha industria editorial ou musical, necesarias nun territorio, para producir e crear contidos e non só consumilos. Con todo, destaca que canto máis traballemos con esta metodoloxía, máis consolidaremos a comunidade, máis demanda xeraremos (mediadoras, músicos, actrices…) e máis oportunidades profesionais van xurdir.
Rematamos esta parte cunha achega das impresións dun compañeiro que viña de asistir dun congreso de ámbito estatal e coa necesidade, manifestada na súa e noutras intervencións, de poñermos en valor as experiencias desenvolvidas en Galiza, que recollen estas ideas de participación, de fortalecer o sentido de comunidade, do valor educativo e a transformación social, pois non en poucas ocasións as olladas acaban por se centrar no de fóra.
Despois do descanso, aplicamos toda esta análise a algún dos nosos proxectos e a outros que Alberto García nos achegou. Deste xeito avaliamos, por grupos, ata que punto estas palabras clave e esta visión sociocultural están nos proxectos e se estes criterios son un factor de éxito.
- Equipa concello rural con poboación dispersa: Festival de Cans (O Porriño)
- Equipa vila mariñeira: Feirón mariñeiro (Rianxo)
- Equipa barrio multicultural: Ágora (A Coruña).
- Equipa barrio urbano: Intermediae – Paisaje Tetuán (Madrid)
- Equipa polígono/zona industrial: Proxecto Hangar (Barcelona)
- Equipa casco vello: Festival Feito a man (Santiago)
Deste xeito rematamos. Os reencontros sempre son gratos. E se son intensos moito máis. Moitas de nós xa coñeciamos o traballo e valía profesional de Alberto García, mais nesta sesión aprendemos del, de xeito suxestivo e ameno, a paixón e a vontade pola transformación social, despois de 20 anos adicado á mediación sociocultural. Alberto de Boiro destila autenticidade, a mesma que nos recomenda buscar para os nosos proxectos. Para que sexan de verdade. Agardamos con ansia o próximo reencontro. Este comezouno afirmando, modestamente, que “Non por listos, senón por todo o tempo que levamos traballando, algo saberemos e algo teremos que contar.” E vaia se tivo….
Trackbacks & Pingbacks
[…] http://edu.xestioncultural.com/2015/11/ambito-sociocultural-participacion-e-cidadania-con-alberto-ga… […]
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!