Presentación do Curso 2015-16. Introdución ao proxecto cultural

O pasado venres, 9 de outubro, tivo lugar a inauguración do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural, na Facultade de CC. Económicas da USC. Logo dun primeiro encontro d*s alumn*s e titores na cafetaría trasladámonos á aula onde tivo lugar a presentación oficial da man de Isabel Neira, Gonzalo Rodríguez, Marcos Lorenzo e Sergio Lago. Nela, Gonzalo Rodríguez introduciu o papel deste Curso no marco da Universidade de Santiago de Compostela, e Sergio Lago comentou asimesmo o seu funcionamento e distribución de horas, as canles de comunicación que se empregarán e a oportunidade que ofrece este posgrao de facer prácticas.

Unha vez presentados *s coordinador*s e titores foron *s alumn*s os que se presentaron. Este ano, esgotadas todas as prazas, contamos cun perfil moi plural. Entre *s compañeir*s do Curso temos responsables políticos do ámbito local e autonómico, así como técnic*s de cultura, turismo, bibliotecas, festas e normalización lingüística en diferentes concellos e deputacións, ademais de estudantes, activistas e empresari*s do eido da cultura.

A continuación Marcos Lorenzo falou da estrutura do proxecto cultural que servirá de marco condutor do Curso: Nun primeiro momento encargarémonos, na dimensión interna, do proceso de diagnóse necesario para acadar a dimensión externa, o anteproxecto, que debe esclarecer en que consistirá o noso proxecto, quen estará tras el, para que serve o noso proxecto cultural, quenes serán *s destinatari*s e quen forma parte do noso equipo e aliad*s. O apartado operativo do proxecto (no que concretar a metodoloxía, as accións, a localización, os recursos, o orzamento, a avaliación e posible continuidade) abordarémolo a partir das aulas de xaneiro. Ao final do curso teremos deseñado, por equipos, un proxecto cultural propio, tentando afondar o máis posíbel na súa estratexia específica e Plans de Produción, Financiamento, Márketing, Comunicación e Medios, e de Públicos.

09_10_2015_2

Deseguido iniciouse un debate sobre para que serve un proxecto cultural, que importancia ten ter unha programación e planificación para que un proxecto teña éxito e poida ser avaliado. A idea brillante ten que vir acompañada de rigor metodolóxico e dunha viabilidade económica. É tamén o xeito de que a idea dunha persoa ou colectivo acade a trascendencia social e sexa exportable.

Falouse moito e con altísimo nivel de participación na aula da política cultural con motivo da cuestión lanzada ao aire “hai un proxecto bo para toda a poboación?”. Condenouse a falta de continuidade dos proxectos, resultado de empregar as actuacións culturais como armas en política, e tamén o “boísmo”, esa visión acrítica da cultura que a coloca nun estadio infantil con respecto a, por exemplo, a sanidade. Non toda acción cultural é boa en sí mesma; tamén hai inxustiza social en Cultura.

No debate comentouse asimesmo a potencialidade transformadora do proxecto cultural, e as súas opcións de relación co Poder dende os conceptos de Jesús Ibáñez: conversión, reversión, perversión e subversión.

Durante o descanso dividiuse o alumnado en 6 grupos cunha lista de diferentes contextos a escoller entre el*s para desenvolver o seu proxecto cultural.

Despois da asignación destes contextos, Marcos Lorenzo falou do traballo en equipo e deu certas pautas e suxerencias para o bo funcionamento do mesmo. Cun breve debate posterior concluíu esta primeira sesión do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural.

Na vindeira sesión Eduard Miralles fará un repaso pola Historia, actualidade e perspectivas das políticas culturais.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*