O proxecto cultural. Da idea ao anteproxecto

O pasado venres 27 de novembro foron os titores do Curso, Sergio Lago e Marcos Lorenzo, os encargados de conducir a sesión. O obxectivo principal era realizar a sempre difícil transición entre a xeración de ideas e o inicio da aterraxe, que debera concluír na pausa do Nadal e xa en forma de anteproxecto.

Como é habitual, iniciamos a clase repasando o aprendido na semana anterior, resolvendo dúbidas e avaliando o funcionamento do Curso. A continuación, cada un dos seis equipos compartiu a experiencia e principais conclusións do traballo de diagnose realizado durante as últimas semanas, así como as principais ideas que estaban a barallar, en base sempre ás necesidades ou oportunidades detectadas. Xa ao remate, cada equipo puido recibir contraste do resto de compañeir*s, así como referencias de proxectos que poderían servirlles de inspiración.

No bloque central da sesión traballouse sobre a estrutura do proxecto cultural que empregamos como marco condutor do Curso.

Aínda que hai moitos modelos posibles, consideramos que esta estrutura pode servir tanto como unha posible guía para a estruturación e redacción de proxectos como, ante todo, unha visión global dos aspectos sobre os que sempre debemos reflexionar para construír unha proposta sólida, sostible e viable.

Nun primeiro momento, de dimensión interna, realizamos o proceso de diagnose necesario para acadar a dimensión externa, o anteproxecto, que debe esclarecer en que consistirá o noso proxecto, quen estará tras el, para que serve a nosa proposta cultural, quen serán *s destinatari*s e quen forma parte do noso equipo e aliad*s.

O apartado operativo do proxecto (no que concretar a metodoloxía, as accións, a localización, os recursos, o orzamento, a avaliación e posible continuidade) abordarémolo a partir das aulas de xaneiro. Así, ao final do curso teremos deseñado, por equipos, un proxecto cultural propio.

Para a vindeira cita, o venres 4 de decembro, trasladarémonos ao Pazo da Cultura de Pontevedra, onde visitaremos o Culturgal da man da organización, teremos a oportunidade de traballar nos proxectos e poderemos compartir tamén un tempo distendido durante o xantar e no encontro posterior da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.

2015 11 27 sesión Marcos e Sergio - fotos Marta Gómez edited 2

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*