Que cultura e para que sociedade, con Eduard Miralles
Por Xavier Campos.
Cando no 2003 comecei a traballar como técnico de cultura no Concello de Ribadeo a miña experiencia era fundamentalmente a do activismo cultural. Tiña comigo a querenza polos contidos (a música, a literatura, as artes escénicas, o patrimonio…) e unha clara vocación de intervención social, mais faltábame conceptualización e coñecemento concreto no campo do deseño e da xestión de políticas culturais. Chegaban dúas semanas no despacho para decatarse de que unha cousa era saber de teatro e outra ben diferente tomar decisións sobre que programación, para que públicos, en base a que obxectivos, en que calendario, desde que circuítos, con que formato e prezos… podiamos organizar a próxima temporada teatral do meu concello. E así co resto. Para poder definir o concreto era preciso comprender, e ter as claves, do global. Precisaba ter a visión do conxunto, aquela que dota de coherencia e de sentido ao traballo que facemos, para poder definir despois cada un dos aspectos particulares.
A partir desa constatación púxenme a devorar, con verdadeira ansia, todos os materiais que ía descubrindo e me podían ser de axuda no proceso de autoaprendizaxe. Xabide, Periférica, Interacció, Toni Puig, DIBA, gestorcultural.org, Alfons Martinell… eran referencias, nomes, marcas que aparecían e se repetían decote no mapa diverso das descubertas. Entre eles salientaba para min o de Eduard Miralles, responsábel da política cultural da Diputació de Barcelona. O seu perfil, cun pé na acción e no deseño de políticas desde a administración e outro na reflexión e análise do campo cultural, resultaba de especial interese para profundar naquilo que máis me interesaba, a tríade cultura, territorio e proximidade.
Coa lectura dos seus textos e a asistencia a algunha das súas participacións en diferentes foros corroborei enfoques de traballo, necesidades de planificación e perspectivas de abordaxe estratéxica das diferentes dimensións nas que hoxe a cultura se manifesta. Os seus conceptos servían, e serven, de ferramentas desde as que abrir canles de reflexión sobre o que estamos a facer e sobre como repensarmos a nosa posición en relación ao contexto. E iso, entendo, é ao final o máis importante. Calquera xestor cultural, calquera responsábel político desta área, ten, antes de calquera outra cousa, a obriga de pensar e de definir que cultura e para que sociedade.
A clase maxistral de Eduard Miralles na segunda sesión do curso respondeu, neste sentido, xustamente a esta necesidade que vimos de formular. O seu foi un demorado, claro e pedagóxico percorrido, de carácter fundamentalmente descritivo, das cuestións que conforman o esqueleto básico do marco teórico da xestión cultural e, ao tempo, serviu igualmente como repaso diacrónico dos principais modelos e perspectivas que se foron sucedendo no ámbito das políticas culturais.
Comezou Miralles reivindicando o seu papel de policy making, isto é, de facedor de políticas públicas que vén traballando, desde hai décadas e en diferentes circunstancias, a partir da conceptualización da experiencia e da posta en valor do coñecemento emanado da praxe. Fronte a unha academia en moitas ocasións depredadora do saber –como denunciaba Alfons Martinell nunha deliciosa entrevista para a revista Periférica– o noso convidado aposta por dar valor á experiencia do traballo para, desde ela, reflexionar sobre os contidos e as claves do propio marco desde o que se está a intervir.
En base a esa posición o propio Miralles iniciou a descrición dalgunhas cuestións básicas. Na definición e amplitude do termo cultura, por exemplo, oscilante entre unha visión sociolóxica asociada ás artes e outra antropolóxica (máis ampla e totalizadora) atendemos a necesidade de procurar o espazo máis fértil para a nosa acción na interrelación de ambas. Do mesmo xeito, no debate entre o obxectivo da excelencia (produtos “espectaculares”, con ampla visibilidade e escasa base sociocomunitaria) ou o da proximidade (proxectos de base ampla, firmes, mais con escaso impacto) apostamos pola converxencia de ambos (a máis base, máis altura) nunha fórmula que os articulase de forma eficaz.
Miralles conduciunos despois á descrición e territorialización histórica dos diferentes modelos de política cultural (estado árbitro, estado mecenas, estado arquitecto, estado enxeñeiro). Os Arts Council, os Ministerios de Cultura, as innovacións que se están a tentar en países coma Quebecq ou Australia… gañaron protagonismo para, a partir da análise das súas diferenzas, construír unha reflexión sobre os obxectivos, estratexias e funcións das diferentes políticas culturais.
A exposición centrouse, de seguido, na avaliación das particularidades das mesmas en relación ao resto de políticas públicas. Da man desta vontade achegámonos ao campo dos dereitos culturais -aínda pouco definido e avanzado-, á territorialidade da acción cultural e ás lóxicas de cooperación e/ou competencia que se dan nela e, finalmente, á vinculación das motivacións (resolución de necesidades existentes, aproveitamento de oportunidades de contexto) que aparecen na formulación das propostas culturais.
Por último, a comparativa de estratexias, políticas, axentes e factores de lexitimación que operaron nos diferentes modelos sociais (estado tradicional, moderno, do benestar e relacional) deu pé a unha proveitosa achega aos modelos da democratización cultural (André Malraux, proximidade, acceso á cultura, oferta, Casas da Cultura, cidadán espectador) e da democracia cultural (Mondiacult, Informe MacBride, cidadán como protagonista), da que partiron reflexións igualmente interesantes sobre a transversalidade das relacións entre ámbitos (educativo, social, cultural), a permeabilidade das políticas culturais aos cambios sociais e tecnolóxicos ou a evolución específica que se deu no marco do Estado español dos anos 70 en diante (asociacionismo cultural, institucionalización, equipamentos, reflexión sobre o quefacer cultural).
En resumo, a intervención de Miralles foi o que se agardaba: un percorrido maxistral, extenso e a un tempo rigoroso e ameno polos conceptos clave da xestión e das políticas culturais, que nos introduciu da mellor maneira a todos os contidos específicos que imos abordar no curso a partir deste momento.
Moi boa entrada Xavier, é evidente que o teu camiño de retorno desde o teu espazo na cultura sería bastante mais longo que o camiño de ida. Parabéns
Excelente Xavier!!!