A QUEN VAI DIRIXIDO?

O Posgrao da USC en Xestión e Innovación Cultural ten como destinatarias a todas aquelas persoas que desexen formarse na xestión integral de proxectos culturais, tanto para adquirir as competencias que lles permitan desenvolvelos directamente, como para contar cunha visión global e ferramentas para o traballo multidisciplinar en equipo.

Resulta de especial interese para profesionais do sistema cultural (traballadoras de empresas e entidades culturais, técnicas de cultura das administracións, responsables asociativos, xerentes de eventos, autónomas, etc.) que queiran actualizar os seus coñecementos ou que desexen, se non puideron facelo anteriormente, adquirir unha formación regrada que consolide o oficio logrado en base á súa experiencia.

Tamén supón unha posibilidade de profesionalización para recentes graduadas universitarias, alumnado de últimos cursos, traballadoras ou emprendedoras doutros sectores que desexen formarse na xestión integral de proxectos e, en xeral, todas aquelas persoas con interese no mundo da cultura.

SAÍDAS PROFESIONAIS

A xestión cultural é un oficio relativamente novo que aúna multiplicidade de perfís, públicos, privados e comunitarios. Somos axentes mediadores nun sistema cultural conformado por administracións, públicos, creadores, empresas, colectivos e outros actores.

As persoas que nos adicamos á xestión cultural traballamos para que a cidadanía poida acceder de xeito igualitario á diversidade cultural e ao coñecemento. Cidadanía que sexa ao mesmo tempo partícipe activa, creadora de sentido e xeradora de contidos.

A que nos dedicamos?

– Dirección e administración de entidades culturais

– Planificación da cultura dende o ámbito local

– Consultoría e políticas culturais

– Programación e produción de eventos culturais

– Comunicación e márketing cultural

– Educación e mediación artística e cultural

REQUISITOS DE ACCESO

A oferta de posgraos da USC actualízase neste 2024/25 e existen dous itinerarios para cursar a formación:


8ª edición do Diploma de Experta/o en Xestión e Innovación Cultural da USC

Os requisitos de acceso son os mesmos que para os másteres oficiais da USC (www.usc.gal/gl/admision/master). Será preciso ter titulación universitaria. Poderá ser admitido tamén o alumnado ao que lle reste por superar o TFG e, como máximo, 9 créditos ECTS correspondentes á titulación de acceso requirida. Neste caso deberá finalizar o Grao antes do 30/09/2025 para obter o Diploma de Experta/o.


Como novidade, poderán cursarse tamén os mesmos contidos de forma modular, como Cursos de Formación Específica da USC

1) Análise e planificación estratéxica no sector cultural e creativo
(100 horas / 10 créditos ECTS)
2) Deseño e xestión de proxectos culturais
(100 horas / 10 créditos ECTS)
3) Mediación, comunidades e comunicación cultural
(90 horas / 9 créditos ECTS)


Nesta modalidade poderán matricularse persoas con ou sen titulación universitaria. No último caso deberán acreditar de xeito alternativo unha traxectoria formativa, profesional ou activista próxima ao sector cultural, socioeducativo ou creativo. Ao finalizar, a USC certificará cada un dos módulos de xeito independente.


Ao finalizar a túa formación contarás coas ferramentas precisas para deseñar, planificar e coordinar proxectos culturais dun xeito integral.