Parte do equipo promotor do Curso e un grupo de alumnos e alumnas visitaron o FIOT (Festival INternacional Outono de Teatro) de Carballo, para coñecer de preto como se organiza unha proposta cultural coma esta, recoñecida con varios premios pola súa calidade e bo facer no eido tanto das artes escénicas como da xestión cultural. A imaxe é unha foto de grupo, na entrada do Pazo da Cultura, que é a sede do FIOT

Viaxamos ata Carballo para coñecer o FIOT

O Curso está este ano en pausa para as aulas, pero non para outro tipo de propostas: é o caso da viaxe ao FIOT de Carballo que vimos de celebrar para coñecer de preto boas prácticas na xestión cultural e na que, ademais, puidemos gozar dun día de encontro arredor da programación do festival con parte do noso alumnado.

A xornada partiu dunha proposta da alumna da sexta edición María Veira, que forma parte do equipo de Cultura do Concello de Carballo e da asociación Telón e Aparte. Ambas entidades organizan o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo dende hai trinta anos e tiveron a amabilidade de recibirnos, acollernos e explicarnos de primeira man tanto a historia do evento como cuestións relacionadas coa súa programación, xestión ou financiamento.

Da man da propia María e de Carmen Castro, técnica de Cultura do Concello, así como de Alberto Sueiro, presidente da AC Telón e Aparte e do concelleiro de Cultura Marcos Trigo puidemos coñecer algunhas das claves do FIOT. Por exemplo, a importancia de involucrar a todos os ámbitos da vila (dende o comercio e a hostelería ata centros educativos). Así conséguese que sintan o festival como algo seu, como xa ocorre coa cidadanía, implicada e plenamente identificada con esta proposta cultural.

Tamén nos explicaron a importancia que tivo para o desenvolvemento do proxecto a participación activa de profesionais da xestión cultural que, dende aquela, traballan man con man coa asociación.

E como o festival trata de facer comunidade non so co público, senón tamén coas creadoras e as compañías. Para isto, dende o FIOT tratan de implicarse na medida das súas posibilidades no proceso creativo ou na produción, como ocorre con montaxes como Fillos do Sol.

O FIOT e as novas tecnoloxías

Na nosa visita a Carballo tivemos ocasión de gozar da estupenda programación do festival prevista para ese día: dende a proposta de sala (As Cigarreiras) ata as iniciativas máis experimentais de Microescenas en Metro Cadrado ou FIOT en Ruta, pasando por FIOT Fónico: unha aposta por sumar tecnoloxía e teatro no que o espazo urbán pasa a ser a escenografía dunha historia -creada nesta ocasión pola artista María Lado- e que converte ao espectador/camiñante en persoaxe da historia O espello que arde.

Quedounos para outro día coñecer OTNI (obxectos teatrais non identificados), a Rúa dos Contos e un montón de propostas interesantísimas que recolle o programa desta edición, e que están dispoñibles na web do festival.

Necesidades e oportunidades

Nesta xornada, na que nos divertimos tanto como aprendemos (ou sexa, moito!) quedounos tamén unha reflexión, acerca da relación entre as necesidades e as oportunidades das que sempre fala Ana Lorenzo (Cidadanía) na súa sesión do CEUXC adicada á diagnose.

Neste caso perfectamente explicada por Alberto Sueiro, da AC Telón e Aparte: “Eramos un grupo de teatro afeccionado, queriamos ver teatro e aquí, en Carballo, non había nada”.

Trinta anos despois, o FIOT forma parte do Banco de Boas Prácticas na Xestión Cultural de Galicia, ten o Premio da Cultura Galega (2018) no ámbito das artes escénicas e está recoñecido polo Observatorio da Cultura en España como unha das dez iniciativas culturais máis importantes de Galicia.

E o ano que vén, nós seguro que volvemos ;)

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*