A diagnose. Necesidades e oportunidades. Ana Lorenzo
Por Elena López.
Dentro das tarefas que nos corresponde ao alumnado do curso está a de participar na actualización deste blog e, como novata que son, a primeira dúbida que me xurdiu foi como enfocar a clase do venres a cargo de Ana Lorenzo. Comecei a visualizar todos os conceptos aos que fixemos referencia e sobre os que traballamos na sesión e pensei que non ia ser capaz de ordenalos nun contexto. Foi aí cando me decatei de que non é cuestión da orde senón da visión global de todos eles, que é o que nos leva ao noso proxecto cultural.
Cando chegamos a nosa segunda clase do curso xa intuín que ía ser diferente. Cambiamos de aula, mesas e cadeiras individuais que movimos unhas cantas veces nas 4 horas que compartimos: grupos de 5, de 3… cada un de nós coa súa maneira de pensar pero todos traballando para un proxecto. O coñecemento que Ana Lorenzo nos quixo transmitir ía tamén implícito no seu método didáctico, creamos un escenario en movemento continuo, unha das premisas que formará parte da nosa investigación.
O primeiro concepto que abarcamos foi o de necesidade, e abrimos a fenda no grupo entre os partidarios de que todos temos as mesmas e os que pensabamos que depende de cada individuo. Afondando un pouco máis nas teorías máis representativas e describindo o que entendiamos por tal, achegamos posturas ao recoñecer a existencia de distintos tipos como as reais, as sentidas, as culturais… O importante cando abordemos un proxecto cultural é identificar aquelas necesidades que queremos satisfacer, e ser conscientes de que non hai nada illado senón que todo nos vai influír noutros aspectos.
Como a hora de escoller a nosa técnica de investigación, dependendo da que empreguemos imos obter un resultado diferente. As tres perspectivas a través das cales podemos afrontar a nosa investigación son:
a.- Distributiva / Estatística: datos estatísticos e enquisas que nos aportan descricións.
b.- Estrutural / Cualitativa: entrevistas e grupos de discusión que nos “explican”.
c.- Reflexiva / Participativa: investigación e acción participativa que “transforman”.
A necesidade de utilizar instrumentos propios da metodoloxía cualitativa e participativa ven de visibilizar aspectos da realidade que quedaban ocultos co uso das técnicas cuantitativas. É de vital importancia para acadar o éxito vincular ao maior número de xente posible.
E comezamos a traballar coa diagnose, que debe considerarse como o primeiro paso cara a unha boa estratexia de desenvolvemento cultural. Nunha diagnose comunitaria é a propia comunidade quen determina as súas necesidades primordiais e poderá propoñer as posibles solucións para satisfacelas. É a que nos vai permitir coñecer a fondo a realidade existente recompilando e analizando datos, discursos e accións da cidadanía.
Como realizar unha boa diagnose para que o noso proxecto cultural se axuste á realidade?
Para iso realizaremos un mapa de axentes e relacións: colocaremos no eixo vertical aqueles axentes que consideremos que posúen máis ou menos poder (entidades, grupos sociais e poderes), e no eixo horizontal se os percibimos próximos ao noso proxecto ou antagonistas. O obxectivo é identificar as potencialidades de cada un, e unha vez rematado saberemos quen falta nese mapa, que axentes non están implicados no proxecto e poder corrixilo ou simplemente telo presente á hora de adoptar medidas.
O coñecemento do territorio, o contexto, no que se planifica e xestiona posibilitará a elaboración de proxectos máis acordes ás diversas necesidades das persoas. Será de gran axuda coñecer a traxectoria doutras accións culturais que se levaron ou levan a cabo no mesmo contexto, xa que nos vamos atopar con moita información diferente de distintas variables.
Xeraremos, a partir desta investigación, canles de comunicación tanto coa sociedade civil coma cos organismos públicos que nos permitan perfeccionar unha metodoloxía de análise das diversas expresións culturais.
As primeiras conclusións ás que chegamos, e é algo recorrente na elaboración dos mapas en xeral, é que aparecen colectivos como os inmigrantes con pouco poder e moi lonxe de nós e a pouca proximidade dos poderes, que moitas veces está mal considerada xa que na realidade son máis próximos do que pensamos nun primeiro momento. A cultura intervén aquí dende unha dobre dimensión: como factor de creación de identidade e como estimuladora da creación e participación. O exercicio da cultura é un elemento básico para a cohesión e a inclusión social.
Sería bo elaborar proxectos a medio e longo prazo, identificando necesidades e procurando satisfacelas do mellor xeito posible, con dinámicas de participación cidadá para ter unha ampla base vinculada ao noso proxecto.
Aquí quedamos, cos deberes de identificalos axentes que van a estar presentes no mapa do noso proxecto cultural. Espero que sigamos movéndonos, alternándonos, cambiándonos, participando, rindo, usando post-it de distintas cores e tamaños para empaparnos dos distintos saberes.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!