Técnicas e ferramentas para o deseño colaborativo de proxectos. Pensar co corpo. Diego Parajó
Pensar co corpo.
Por Alba Vázquez Paz.
Nesta sesión Diego Parajó brindounos a oportunidade de ser desde inexpertos arquitectos, baloncestistas, corredores de obstáculos, ata deseñadores. Permitiunos estar “en la llama” e ensinounos a estar “fuera de la caja”. Explícome:
- O gran reto da megaconstrución (Do “WOW” ao “OHH”): con esta dinámica Diego Parajó propúxonos o reto de levar a cabo unha estrutura o máis alta posible con materiais tan inusuais como spaguettis, nubes de azucre, celo ou fío, nun tempo estimado de 18’. Pero, aínda que os nosos esforzos fosen estoicos, o resultado final non era a clave de todo este proceso. Con esta dinámica puidemos observar de primeira man a necesidade de non centrar todos os nosos esforzos nunha soa idea (non probar un só disparo) e testear todos aqueles procesos que vaiamos conseguindo. Ese ínfimo instante no que vemos un pequeno avance, ese “Wow” xeralizado, adoita ir precedido dun consecuente e ineludible “Ohh”, ao ver como a nosa estrutura non é sustentable; de aí a idea de non centrarnos, de ter miras amplas, de ir paso a paso. Velaquí onde nos convertemos en expertos baloncestistas.
- De Eisenman a Jordan: a idea é clara, debemos conseguir “wows” constantes. Debemos partir do noso punto de partida, do que xa conseguimos, e pivotar incansablemente na procura de novas aprendizaxes.
- A soidade e a cegueira fronte aos obstáculos: nesta dinámica puidemos experimentar a idea teórica do emprendemento tal e como nos foi exposta en sesións anteriores -acometer e comezar unha obra, un negocio, un empeño, especialmente se encerran dificultade ou perigo-. De aí a cegueira do emprendedor fronte ao que poida suceder. Mediante este exercicio, no que de maneira individual e cos ollos pechados, debiamos atravesar toda a aula chea de obstáculos, puidemos identificar esas dificultades, inseguridades, e barreiras que aparecían sen ser capaces de predicilas. A finalidade da dinámica, na que cada vez o grupo para atravesar a clase facíase máis amplo, abandonando a soidade inicial, era darnos conta da necesidade de ter un equipo consolidado, no que apoiarnos e viceversa.
- DCU (Deseño Centrado no Usuario): este deseño ábrenos as portas a un modelo de equipo multidisciplinar. O usuario ao que diriximos as nosas propostas será partícipe durante todo o proceso, creando equipos de traballo diversos (tanto en coñecementos, xeracionalmente, diferentes grupos de interese…). Para tratar o tema nas nosas propias carnes, levamos a cabo unha nova dinámica moi visual, na que puidemos ver a necesidade de traballar con xente de diverso tipo, o que nos permitirá manternos en constante aprendizaxe, así como adaptarnos ás novas condicións do mercado (como no caso da xeración milennial).
- Nin queimarse nin quedar cru: dentro destes equipos podemos distinguir diferentes axentes en canto á participación no proxecto, axentes que ao longo do tempo non son estáticos, senón que poden pasar dun estado a outro. Dunha parte podemos atopar aqueles axentes que se atopan “en la llama”, aqueles cunha incrible forza de traballo e motivación; por outra, os chamados “quesitos”, segmentos que poden desenvolver unha gran participación en momentos moi determinados e establecidos previamente dentro do proxecto; e, por último, os denominados “everithing it´s alright”, aqueles axentes que mostran aprobación e apoio no proxecto, pero que, á hora da verdade, desenvolven un papel inexistente nel. Pero, que ocorre cando esa potencia central non permite ao resto de segmentos a colaboración?, Ou cando aquelas persoas que non participaban do proxecto, convéncense e queren entrar a formar parte? Ben, velaí o momento dunha boa regulación interna, na que todos os axentes estean en constante movemento.
- Pensamento de deseño (Build-measure-building): son moitas as técnicas que ao longo destas sesións, e, en especial na presente, fomos coñecendo, desde a metodoloxía Lean Startup (“falla pronto e falla barato”), ata o aclamado Design Thinking; así como diferentes técnicas para apoiar estas metodoloxías (mapas de empatía, Ideo Method Cards, mapas de traxectoria…). Como punto central a todas elas, e como punto clave tratado nesta sesión en referencia á creatividade á hora de idear e poñer en marcha os nosos proxectos, centrámonos en tentar romper o que a lóxica nos impón; é dicir, “pensar fuera de la caja”. Non romper coa lóxica imperante (se vemos catro puntos, o noso cerebro complétao e definímolo como un cadrado) lévanos, en moitos casos, a desenvolver diversas solucións correctas a problemas incorrectos.
- O efémero da creatividade: entre todos os puntos a desenvolver dentro da metodoloxía Design Thinking -empatizar, definir, idear e prototipar- centrámonos no terceiro paso “IDEAR”, buscando técnicas que nos permitan desenvolver adecuadamente a creatividade, para que sexa un proceso constante, e non só unha tormenta de ideas inicial que, en poucos minutos, podería quedar estancada. Na nosa última dinámica levamos a cabo o método de “saturar e agrupar”, partindo da facilidade de atopar unha boa idea no medio de mil ideas. Para iso, mediante o uso de post-its, saturamos unha gran parede coas nosas ideas, para, máis adiante, agrupar aquelas máis innovadoras, máis rendibles, con máis impacto ou máis útiles. Ademais esta dinámica móstranos como estas técnicas nos permiten incrementar a nosa creatividade, xa que o “pero” non está permitido, e, ao levala a cabo fronte un encerado ou parede eliminamos aqueles prexuízos que puidesen darse no grupo. É un método máis áxil e dinámico.
Volvendo ao título deste post, pensar co corpo permitíunos, ademais de ser partícipes das propias metodoloxías que se desenvolveron, coñecer -e sobre todo sentir- o proceso, aprender dos erros comúns, e divertirnos facéndoo. Grazas a Diego Parajó por esta magnífica sesión.
Alba Vázquez Paz
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!