Retos transversais na xestión cultural: inclusión e accesibilidade, xénero, sostibilidade. Con Encarna Lago e Ángeles Miguélez

A deste 18 de decembro foi unha xornada moi intensa. Ás magníficas presentacións dos anteproxectos do noso alumnado sumamos, tralo descanso, a intervención de Encarna Lago e Ángeles Miguélez, xerente e responsable das visitas guiadas respectivamente da Rede Museística Provincial de Lugo. Viñan para falarnos de cuestións que coñecen de primeira man, porque as impulsan e exercen no seu día a día no museo, como son a sostibilidade, a igualdade e a inclusión.

Non foi, dende logo, unha conversa aberta ao uso, senón que resultou especialmente motivadora  para o noso alumnado. A Encarna coñecíana dunha sesión anterior en liña sobre os obxectivos de desenvolvemento sostible no eido cultural, pero, como alguén apuntou ao finalizar a sesión, o formato dixital non é quen de acadar a intensidade que pode chegar a ter unha sesión presencial, como foi o caso.

Encarna enfocou a súa parte como unha continuidade desa sesión anterior. Comezou falando de dous tipos de profesionais da xestión cultural: os profesionais esque e porsi. Os primeiros abordan todo poñendo por diante “es que” non podo, non teño medios… e os segundos son quen de resolver “por si” mesm*s e buscan medios para que os proxectos sexan, tamén de por si, inclusivos se igualitarios: “Cando isto ocorre son proxectos tamén sostibles. E cando falamos de sostibles no falamos de paxaros e bolboretas, que tamén, senón do ser humano”.

Encarna compartiu con nós a súa visión e o seu traballo coa arte como ferramenta de concienciación “e de cohesión e transformación social fronte a un sistema perverso que deixa fóra sempre aos mesmos e ás mesmas”.

Tamén da necesidade de ir á raíz das palabras como maneira de achegarse á realidade do territorio e de palabras que impacten. Tamén da empatía como palabra secuestrada. Por iso pediunos falar mellor de alteridade, aprender a ser o outro e a outra dunha maneira honesta, para asegurarnos de que o noso proxecto é realmente igualitario.

Con esta filosofía traballa a Rede Museística Provincial de Lugo dende hai moito anos, traballando coa comunidade, coas persoas, tecendo redes. Cunha perspectiva feminista, ecoloxista e inclusiva.

 

Ángeles, pola súa parte, falou dende a súa experiencia como profesional do ámbito museístico e dende a perspectiva da súa propia discapacidade visual. “A inclusión non é ter acceso a un espazo”, segundo nos explicou, “senón que é moito máis”. Neste sentido, indicounos que unha persoa pode acceder a un espazo cultural e non ter a experiencia que teñen as persoas sen discapacidade porque o único que se lle facilitou foi a entrada, no mellor dos casos, pero non os medios para gozar do espazo, o contido e a experiencia.

“Non se trata de disfrazar as limitacións, pero si de transformar o sistema e as vidas das persoas”. Unha afirmación que choca contra certas mentalidades que poñen por diante custos e rendibilidades cando, en realidade, a inclusión fainos a vida máis cómoda e humana a toda a sociedade en xeral.

Ser inclusivo e accesible é facer que as múltiples realidades o sexan. Ángeles é a responsable de ducias de obradoiros cada ano, ademais de guía do Museo do Mar e responsable dese departamento. Participa en congresos internacionais e forma a traballador*s doutros museos. Entre as iniciativas máis emblemáticas nas que participa está Fotografía a Cegas, ou como empregar todos os sentidos, menos o da vista, para captar imaxes de gran carga audiovisual. Como esa fotografía das mulleres do mar, a peza do museo (“e iso que non a vexo!”)  que é a súa favorita .

Como ben di ela, ao final a gran barreira que todos e todas temos é a mental.

 

Presentación e contraste dos anteproxectos do alumnado

O 18 de decembro celebramos a presentación dos anteproxectos do alumnado. Nesta ocasión, con tres profesionais do ámbito cultural –Encarna Lago, Ángeles Miguélez e Marcos Lorenzo- como convidadas para dar contraste ás propostas xunto co equipo de titores.

A sesión celebrouse de maneira presencial nunha das aulas da facultade, cunha presentación en formato pechakucha por cada proxecto: comunidade, participación, sostibilidade, creatividade,… foron algúns dos conceptos que o noso alumnado incorporou ás súas propostas das que facemos este pequeno resumo:

Equipo Vedra. Este grupo de alumn*s desenvolveu, como fundación, o proxecto Camiño de Volta, especialmente dirixido a todas as persoas que viven en Vedra pero que non participan da vida cultural deste concello no que, por outra banda, hai unha gran tradición asociativa. O seu obxectivo é revitalizar, re-conectar e reforzar o tecido social vedrense. A través de diferentes ferramentas e estratexias, o proxecto desenvolverase con carácter anual nas 12 parroquias que integran o concello, pensando moi especialmente nesas 3.133 persoas que a día de hoxe non gozan da vida cultural e de lecer que se desenvolve no municipio.

Equipo Tomiño-Vilanova da Cerveira. Este grupo, que opera baixo a forma de asociación cultural, resumiu o seu proxecto cun desexo: queremos que pasen cousas. Para iso propoñen  un Quecedoiro de Ideas: un espazo físico e virtual nos que coidar e quecer proxectos na eurocidade que sirvan para recoñecerse, reconectar as dúas beiras do río, co-crear e comunicar cunha aposta clara pola inclusión, a cooperación, a escoita activa ou a igualdade.

Equipo Cambre. Este grupo de traballo, formado por autónomos, tomou como referencia para o seu proxecto a novela O bosque animado, de Wenceslao Fernández Flórez. Unha obra inspirada na fraga de Cecebre e na que se fala de raíces e ecoloxía, dous conceptos que serán a clave desta proposta orientada á saúde cultural e emocional na veciñanza de Cambre. Este proxecto, segundo indicou o grupo, non ten destinatarios, senón participantes. Serán eles e elas quen tezan comunidade nun espazo compartido no que se traballe sobra as historias das persoas.

Equipo Ponteareas. Este grupo desenvolve o seu proxecto baixo a fórmula de grupo de técnic*s municipais. No seu caso tratarán de re-distribuír a oferta cultural do concello nas súas 24 parroquias, que se queixan de non teren actividades suficientes, a pesar da existencia dun programa municipal adicado a este fin. A proposta deste equipo pasa por complementar este programa coa proposta de nome provisional Conecta Ponteareas, na que a natureza, os espazos patrimoniais e a propia vila serán o escenario das actividades culturais, que fuxirán así dos recintos tradicionais para favorecer a implicación e protagonismo de veciñanza (especialmente a de maior idade) e asociacións culturais locais.

Equipo Cambados. Constituído como unha SL, este grupo pretende ofrecer unha alternativa cultural que vaia máis alá do viño e o narcotráfico (un estigma reforzado trala serie Fariña). Unha alternativa que, segundo nos explicaron, xa existe, debido á efervescencia cultural da vila, pero que non goza de ningún tipo de apoio e , por tanto, impulso ou difusión. Neste sentido, o equipo lembrounos que a principal industria da zona é, en realidade, a pesqueira, incidindo concretamente no papel das redeiras, tradicionalmente esquecidas no relato social e cultural da vila. Por iso propoñen As redes pescando, unha proposta na que revalorizar o papel destas mulleres do mar, crear vínculos entre as creadoras locais e os públicos e crear comunidade, captado novos públicos e a participación da veciñanza.

Equipo Allariz. Para este proxecto o grupo, que traballará seguindo a lóxica dunha cooperativa, quere achegarse especialmente ao público de entre 25-40 anos da vila, que demanda, segundo a súa diagnose, unha actualización da oferta cultural e que busca fóra da vila alternativas para o seu tempo. Neste sentido destacan que se trata dunha veciñanza moi participativa en todo o que se promove dende o Concello, pero sen unha gran capacidade para desenvolver iniciativas propias. Por iso, a súa proposta pasa por complementar o amplo programa municipal cunha iniciativa orientada a implicar á veciñanza estimulando a creatividade colectiva.

 

 

Os seis anteproxectos evolucionarán nos vindeiros meses, a medida que se incorporen novos coñecementos e tamén novas necesidades, e probablemente nalgúns casos muden varios aspectos do que hoxe coñecemos; pero o que é innegable é o traballo e a creatividade colectivas que hai detrás de cada unha das propostas, das que non podemos sentirnos máis contentas, como comentou ao final da tarde o coordinador do Curso, Sergio Lago, acompañado de parte do equipo promotor.

Foi unha tarde de peche de trimestre emocionante, que se completou, tralas presentacións e o descanso, cunha conversa aberta sobre inclusión, igualdade e sostibilidade con Encarna Lago e Ángeles Miguélez que acabou por ser o broche de ouro da xornada :)

Traballo en equipo e técnicas de presentación de proxectos. Con Juan José Romero

Na penúltima sesión deste primeiro trimestre démonos cita de novo na aula para asistir a un obradoiro impartido por Juan José Romero, socio de Suma Importancia, quen nos achegou as claves dunha boa comunicación orientada a ese momento, tan importante como ás veces temido, da presentación dun proxecto.

Esta sesión chega nun momento clave, xa que mañá o alumnado exporá por primeira vez ante equipo de titores, compañeiras e algúns profesionais do sector os seus anteproxectos culturais. Estas presentacións seguirán un formato xa coñecido no Curso, como é o pechakucha, pero é habitual chegar á cita con moitas dúbidas relacionadas co discurso ou a posta en escena.

Juan ofreceunos algunhas ideas, baseadas na súa experiencia, relacionadas coa importancia fundamental da comunicación, no sentido de que, ás veces, grandes proxectos non acadan na súa presentación o resultado agardado por non ter sido ben compartidos.

A través dun sistema de fichas para construír mensaxes, os equipos tiveron ocasión de traballar chegando á súa proposta de valor; é dicir, a razón polas que alguén debera elixir o seu proxecto de entre todos os proxectos posibles. Non é un tema menor, xa que, segundo nos indicou Juan José Romero, a proposta de valor é a razón pola que todas mercamos unha cousa e non outra similar. Se non hai unha proposta de valor clara, prima o criterio económico, que habitualmente se traduce en escoller o máis barato.

Pero nesta sesión aprendemos tamén que o público que captamos segundo ese criterio o perdemos tamén pola mesma razón e, sobre todo, a importancia do equipo, tamén nunha presentación. Por iso, non debemos esquecer explicar quen somos, quen é cada membro do grupo e cal é a súa función.

Marketing cultural e xestión de públicos. Con Beatriz Fontán

Por Aldara Calo

Despois de varias sesións en liña volvemos á presencialidade na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais para asistir a clase sobre marketing e cultura da man de Beatriz Fontán. A clase comezou con Sergio Lago preguntándonos as nosas opinións entorno a clase anterior e sobre o traballo realizado en torno ó noso proxecto grupal, facendo fincapé en dúbidas sobre a presentación do vindeiro venres. Posteriormente deu paso á poñente da presente sesión.

Para esta sesión acompañounos Beatriz Fontán especialista en marketing no ámbito cultural cunha ampla experiencia no sector. Ao comezo preguntounos a cada un dos asistentes, chamándonos polo noso nome, que esperabamos aprender ao longo da clase. Tras escoitar as nosas expectativas unha a unha empezou a explicar o programa de xestión de públicos e como este variou para dar solución as necesidades dos consumidores acerca da crise sanitaria que vivimos pola covid-19.

O marketing no ámbito cultural non trata de buscar un fin como ocorre noutros sectores, senón que é un medio no cal debe estar presente a empatía e onde as palabras clave serían conectar, relacionar e crear comunidade. Entra aquí o concepto de marketing relacional que busca a retención e satisfacción do cliente en vez dunha mera transacción de ventas. Como exemplo daprocura por parte das entidades de coñecer as necesidades dos
consumidores fíxonos facer unha enquisa realizada polo Ministerio de Cultura e Deporte para posteriormente explicarnos o obxectivo final que se buscaba coas preguntas.

 

A proposta de valor

A maior parte do tempo, a sesión consistiu en axudarnos a avanzar no nosos proxecto facéndonos a cada un dos seis grupos pensar en diferentes aspectos do traballo, como por exemplo cal era a nosa proposta de valor ( preguntarse cinco para que), o noso público obxectivo, as nosas prioridades, a estratexia, canles dos que dispoñemos, o contido de oferta ( fidelización) o ou o contido de demanda (captación).

Nos últimos momentos da sesión explicounos diferentes criterios de segmentación que nos axudarían a escoller con maior precisión o público obxectivo ao que nos pretendemos dirixir no traballo do curso. Este proceso de segmentación conta con diferentes ferramentas, como dividir
atendendo ás xeracións (os individuos de cada grupo comparten rasgos en común), atendendo a criterios de formación (estadio evolutivo / contexto mediación), fixándonos en variables obxectivas  (beneficio buscado…), variables subxectivas ( características sociodemográficas…) ou creando nós un collage chamado gustómetro onde definimos o perfil do noso consumidor ideal. Para finalizar Beatriz Fontán explicounos unhas bases para que nos sirvan de referencia para o futuro e que consisten nunha retroalimentación continua do proceso de diversificacíon, fidelización, captación, forma e sedución.

Os públicos da cultura. Con Jaume Colomer

Por Eli Monteagudo

Unha vez máis e debido a actual situación sanitaria vémonos na circunstancia de asistir a esta aula a través dunha plataforma en liña. Esta dificultade vese compensada polos atractivos contidos educativos dun comprometido relator aos que podemos acceder gracias a esta tan necesaria formación para as xestoras e xestores culturais.

Comezamos con Sergio Lago resumindo os contidos da clase da semana anterior e achegando as nosas valoracións sobre a mesma e sobre o traballo realizado entorno ó noso proxecto grupal. Tamén resolveu posibles dúbidas sobre o proxecto, sobre protocolos e sobre o curso en xeral. Para a continuación dar paso ao poñente da presente sesión.

Jaume Colomer docente e consultor especializado na análise e planificación de sistemas e organizacións culturais e xestión de públicos culturais ten como obxectivo achegarnos ao coñecemento dos públicos da cultura, as diferentes metodoloxías e as súas finalidades para a xestión de públicos, como o contexto covid pode transformar ós públicos da cultura  e como as e os xestores culturais podemos ir máis aló e contribuír á sociedade promovendo públicos que formen comunidade arredor dun proxecto cultural.

Proponse como primeira reflexión a de coñecer os intereses dos públicos da cultura, concretamente, que busca o público ao que diriximos o noso proxecto cultural e como eses intereses inflúen na súa participación.

Para poder ter en conta estes intereses Jaume clasifica ós públicos da cultura segundo a súa participación e a intencionalidade da mesma, polo que podemos distinguir entre: público potencial ou  obxectivo, público activo ou latente. Realiza unha exposición de diferentes items que temos que valorar á hora de escoller o público ao que vai dirixido o noso proxecto cultural facendo fincapé nas barreiras que impiden ou dificultan a posibilidade de participación, os dereitos culturais, a fenda dixital, a diversidade de intereses culturais e a súa evolución ao longo da historia, os diferentes estadios da demanda cultural como criterio para definir o público ao que vai dirixido o noso proxecto cultural, as políticas culturais, o marketing, etc.

Concluímos esta sesión analizando a necesidade de implicar ao público na creación, posta en marcha e continuidade dun proxecto cultural e favorecer a creación de comunidade entorno a dito proxecto.

 

 

 

Retos do sector cultural e creativo na era da economía de plataformas. Con Xulio Vázquez.

Por Sara Piñeiro

Durante a xornada do venres 27 de novembro, tornamos á sesión en liña, tal vez, o escenario propicio para achegarnos aos retos que o sector cultural e creativo teñen na era da economía de plataformas. Desta vez acompañounos Xulio Vázquez, profesional cunha longa traxectoria en diversos eidos culturais, gran coñecedor da cultura e da arte dixital e co-fundador de NOAD Cultura Digital. Da man de Xulio aproximámonos aos novos desafíos que a esfera dixital trae e ás vías que o xestor cultural ten para resolvelos.

O primeiro reto que se nos presenta é o propio debate sobre as tecnoloxías. Como mediador, o xestor cultural debe afondar no discurso popular, que se centra nos aspectos máis técnicos da tecnoloxía e en cuestións de eficiencia, mercantís e economicistas, para profundar en cuestións de pensamento, de concepto e da carga simbólica que ten a tecnoloxía.

Porén, antes de entrar na discusión, é preciso coñecer a complexidade dos cambios que a era das plataformas está provocando. Así, dende un punto de vista máis filosófico, tratamos as teorías de Franco Bifo Berardi, Guy Debord, Jean Baudrillarda, Mark Fisher, Ingrid Guardiola e Yurk Hui, coas que Xulio nos fixo reflexionar sobre a relación entre a realidade, a tecnoloxía e a cidadanía.

Con todo isto, avistamos novos desafíos, como son o nulo carácter democrático e a pouca diversidade existente na Rede. A pesar de que non existe un só Internet, senón moitos que se adaptan ás características de cada usuario, a Rede atopase ríxida baixo un relato hexemónico que impide a diversidade e afasta outro tipo de realidades e sensibilidades.

Así, observamos como as plataformas condicionan os procesos creativos e artísticos dende o nacemento da propia idea. O carácter economicista das plataformas está supeditando as obras dos creadores, atrapando aos usuarios na economía da atención e no capitalismo cognitivo, e marcando o valor dos proxectos culturais polo seu impacto mediático. Pois, o fin último de Internet, é económico, o que está provocando que a Rede se estea privatizando.

Ante este panorama, o papel do xestor cultural non é sinxelo. Por unha banda, debe ser crítico coa tecnoloxía e atopar equilibrio entre as diversas posturas. Mentres que pola outra, ten a responsabilidade de promover espazos respectuosos coa cidadanía, cos creadores e cos traballadores culturais.  Parece complicado e éo, pero non imposible. Exemplo diso son proxectos como todostuslibros.com, a plataforma dixital do Teatro Nacional de Catalunya, o proxecto híbrido da sala Barts, tamén de Catalunya, ou a plataforma audiovisual Filmin. Proxectos que amosan que é posible empregar as plataformas de xeito sostible e responsable, independentemente da orixe do proxecto (asociativo, publico, privado, local…).

Durante a sesión, Xulio expresou a súa convicción de que “a cultura será dixital ou non será”. Unha afirmación para a que hai moitos escépticos. Porén, o que está claro é que vivimos inmersos na era dixital, onde Internet e as plataformas son os xigantes que están marcando os aspectos creativos, distributivos e de consumo. E, aínda que non poidamos competir coas as normas establecidas por estes xigantes, é preciso que creamos os nosos propios termos, as nosas propias alternativas e ferramentas coas que preservar espazos respectuosos, serenos, expresivos e creativos nos que desenvolver o feito cultural.

Tal vez todo isto resulte utópico, pero tamén o foi no seu día o propio Internet.

Cultura dixital, con María Yáñez, e turismo cultural, con Carlos Martins

Por Alejandro Nieves

 

O 26 de novembro as aulas volveron ser online. Unha experiencia que cada vez comeza a resultar menos estraña e á que lle estamos a sacar moito máis proveito do que podía parecer nun principio. Non queda outra que adaptarse. E é que a transformación ao dixital é un reto que debe estar presente na nosa actividade diaria e, como non podía ser doutro xeito, debiamos valoralo dentro da programación do Curso.

Así, a primeira parte desta dobre sesión foi impartida da man de María Yáñez, directora da revista Vinte. Con ela analizamos e debatemos sobre as canles da cultura online, os diferentes xeitos de achegarnos aos nosos públicos e as diferentes dinámicas de creación que se están a levar a cabo nos últimos tempos.

Un dos puntos a debater foi a complexidade para estreitar a definición de cultura dixital nun entorno no que todo o mundo pode ser produtor e consumidor a golpe de clic. Inevitablemente,  as conversas espontáneas acadan un protagonismo que ás veces é quen de converterse no verdadeiro motor das actividades e que, ben estudado, permítenos incluso coñecer a historia e o pensamento actual dunha comunidade.

A produción e a mediación cultural online en galego así como a situación que se derivou en xeral dende a pandemia foron puntos moi presentes nesta primeira parte. Futuras incógnitas como si as actividades serán de balde ou non, os cambios nos contratos de dereitos de autor para regular o uso de certos contidos na web, estratexias de imaxe, obtención de ingresos…  Todo isto recollido nunha idea clave:  o sometemento a un test forzoso da dixitalización dos proxectos culturais por mor da aceleración que provocou a covid-19.

 

Viaxamos ata Portugal para falar de turismo e cultura

A segunda parte da sesión correu a cargo de Carlos Martins, consultor, economista e xerente da empresa portuguesa Opium, especializada en planificación cultural, territorial e económica. Da súa man fixemos un percorrido polo turismo cultural como parte do desenvolvemento dun territorio no que, entre outras cousas, se recalcou  a importancia da cadea de valor da cultura (educación, investigación, exhibición, comunicación, consumo…) e, ante todo, da loita para que ninguén quede atrás en tempos pandémicos.

 

A través de diferentes experiencias do país veciño, puidemos observar como a cultura foi parte indispensable para a consecución dos obxectivos de grandes proxectos turísticos e sociais. Mediante estes exemplos, recalcouse a necesidade de cooperación e creación de sinerxías entre a cultura e outros sectores (turismo, educación, integración social…). Esta parte da aula rematou cunha explicación marabillosa de Carlos Martíns na que nos convidaba a reflexionar sobre a idea da natureza e supervivencia dunha comunidade: nacen nun comezo a través dun mercado, dun sistema económico, pero o seu éxito non depende do diñeiro, senón dos vínculos que unen a esa sociedade, da súa cultura.

Por iso , porque inevitablemente pode contribuír a mellorar o resto dos sectores, a súa protección por parte do Estado é necesaria para a propia supervivencia do país. Debemos esquecer a protección cultural a modo paternalista e apostar polo seu valor como motor económico e social.

Da idea ao anteproxecto. Con Diego V. Meizoso

Despois de varias sesións en liña volvemos á presencialidade na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais para a aula de Diego V. Meizoso, docente e titor do Curso, adicada a como desenvolver unha idea ara convertela en anteproxecto.

Na sesión debullamos as ideas, conceptos e estrutura básica na que se debe asentar asentar a chamada dimensión externa dun proxecto cultural, unha vez realizado o proceso de diagnose do contexto no que se quere intervir, como é o caso. E tendo en conta que, en paralelo a este proceso, xa nos achegamos á participación cidadá, ás técnicas de creatividade, á economía da cultura e aos obxectivos de desenvolvemento sostible entre outros ámbitos da xestión cultural; é dicir, que xa contamos con coñecementos que nos poden axudar a concretar  posibles liñas de desenvolvemento dun proxecto.

Para “saltar” da idea ao anteproxecto iso centrámonos nos apartados descritivos do mesmo, debullando os distintos ítems nos que se sostén a fase de anteproxecto, e que explicarán a contextualización, obxectivos e persoas (impulsoras e públicos) da nosa proposta.

Técnicas de creatividade. Deseño centrado nas persoas. Con Diego Parajó

Había moita expectación sobre como resolvería Diego Parajó esta sesión, asociada ás dinámicas en equipo, a proximidade entre as persoas e ducias de posits de cores xestionados de maneira colaborativa. Dadas as circunstancias sanitarias e os protocolos de seguridade implantados na USC, esta sesión -tal e como a coñeciamos das cinco edicións anteriores- non era posible e a solución foi trasladala integramente ao espazo dixital.

Apoiados en Teams, a plataforma empregada pola Universidade, e o taboleiro dixital e colaborativo Miro, o alumnado desta sexta edición tivo unha experiencia única, por ser a primeira vez pero, especialmente, polo emprego dinámico das ferramentas dixitais. Así que, por esa banda, tamén houbo unha importante aprendizaxe!

Do que se trataba, e o que se conseguiu, foi achegarse ás técnicas e metodoloxías creativas que nos poden axudar a deseñar e desenvolver proxectos centrados nas persoas ás que nos queremos dirixir, a través dunha primeira parte teórica que culminou cunha sesión de prototipado rápido por equipos.

Economía da cultura. Con Pau Rausell

Unha edición máis a sesión de Economía da Cultura estivo facilitada por Pau Rausell, profesor da Universidade de Valencia e director de Econcult, un  centro académico de referencia internacional, a quen tivemos o pracer de recibir, nesta ocasión, na aula en liña.

Sempre se ten un certo medo a que o formato dixital reste intensidade ao discurso, pero dende logo non foi o caso desta sesión, que un ano máis resultou moi inspiradora (a cultura como factor de desenvolvemento económico) e a sólida argumentación que neste sentido aportou Pau.

A Economía da Cultura analiza as actividades dos sectores culturais e creativos, pero tamén todas aquelas dinámicas, sociais e territoriais que interaccionan dalgunha maneira coa dimensión simbólica, a creatividade ou a innovación.

Con el trazamos unha panorámica xeral, historia e principais debates actuais dentro da Economía da Cultura, pero tamén coñecemos casos nos que esta disciplina propiciou novas perspectivas sobre industrias e mercados culturais, sobre o impacto da cultura noutros sectores ou sobre algún aspecto das políticas culturais.

E, por suposto, tamén nos ocupamos da evolución do modelo cultural estatal e europeo, das perspectivas de financiamento cultural e miramos ao futuro, marcado polo impacto da covid-19.