Retos transversais na xestión cultural: inclusión e accesibilidade, xénero, sostibilidade. Con Encarna Lago e Ángeles Miguélez
A deste 18 de decembro foi unha xornada moi intensa. Ás magníficas presentacións dos anteproxectos do noso alumnado sumamos, tralo descanso, a intervención de Encarna Lago e Ángeles Miguélez, xerente e responsable das visitas guiadas respectivamente da Rede Museística Provincial de Lugo. Viñan para falarnos de cuestións que coñecen de primeira man, porque as impulsan e exercen no seu día a día no museo, como son a sostibilidade, a igualdade e a inclusión.
Non foi, dende logo, unha conversa aberta ao uso, senón que resultou especialmente motivadora para o noso alumnado. A Encarna coñecíana dunha sesión anterior en liña sobre os obxectivos de desenvolvemento sostible no eido cultural, pero, como alguén apuntou ao finalizar a sesión, o formato dixital non é quen de acadar a intensidade que pode chegar a ter unha sesión presencial, como foi o caso.
Encarna enfocou a súa parte como unha continuidade desa sesión anterior. Comezou falando de dous tipos de profesionais da xestión cultural: os profesionais esque e porsi. Os primeiros abordan todo poñendo por diante “es que” non podo, non teño medios… e os segundos son quen de resolver “por si” mesm*s e buscan medios para que os proxectos sexan, tamén de por si, inclusivos se igualitarios: “Cando isto ocorre son proxectos tamén sostibles. E cando falamos de sostibles no falamos de paxaros e bolboretas, que tamén, senón do ser humano”.
Encarna compartiu con nós a súa visión e o seu traballo coa arte como ferramenta de concienciación “e de cohesión e transformación social fronte a un sistema perverso que deixa fóra sempre aos mesmos e ás mesmas”.
Tamén da necesidade de ir á raíz das palabras como maneira de achegarse á realidade do territorio e de palabras que impacten. Tamén da empatía como palabra secuestrada. Por iso pediunos falar mellor de alteridade, aprender a ser o outro e a outra dunha maneira honesta, para asegurarnos de que o noso proxecto é realmente igualitario.
Con esta filosofía traballa a Rede Museística Provincial de Lugo dende hai moito anos, traballando coa comunidade, coas persoas, tecendo redes. Cunha perspectiva feminista, ecoloxista e inclusiva.
Ángeles, pola súa parte, falou dende a súa experiencia como profesional do ámbito museístico e dende a perspectiva da súa propia discapacidade visual. “A inclusión non é ter acceso a un espazo”, segundo nos explicou, “senón que é moito máis”. Neste sentido, indicounos que unha persoa pode acceder a un espazo cultural e non ter a experiencia que teñen as persoas sen discapacidade porque o único que se lle facilitou foi a entrada, no mellor dos casos, pero non os medios para gozar do espazo, o contido e a experiencia.
“Non se trata de disfrazar as limitacións, pero si de transformar o sistema e as vidas das persoas”. Unha afirmación que choca contra certas mentalidades que poñen por diante custos e rendibilidades cando, en realidade, a inclusión fainos a vida máis cómoda e humana a toda a sociedade en xeral.
Ser inclusivo e accesible é facer que as múltiples realidades o sexan. Ángeles é a responsable de ducias de obradoiros cada ano, ademais de guía do Museo do Mar e responsable dese departamento. Participa en congresos internacionais e forma a traballador*s doutros museos. Entre as iniciativas máis emblemáticas nas que participa está Fotografía a Cegas, ou como empregar todos os sentidos, menos o da vista, para captar imaxes de gran carga audiovisual. Como esa fotografía das mulleres do mar, a peza do museo (“e iso que non a vexo!”) que é a súa favorita .
Como ben di ela, ao final a gran barreira que todos e todas temos é a mental.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!