A cultura no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible. Con Encarna Lago

Esta semana celebramos dobre xornada no Curso, así que, ademais de ter clase o venres, tivémola tamén o xoves. Nela celebramos, por unha banda, a nosa primeira sesión de traballo por grupos co apoio do equipo de titores. Coa novidade, con respecto a edicións anteriores, de que a desenvolvemos na plataforma dixital, onde cada un dos grupos ten xa a súa propia canle para poder xuntarse e traballar. Bótase de menos, segundo comentaban, o contacto persoal, pero a parte positiva é que nas reunións dixitais todos podemos vernos as caras.

Esta sesión de traballo, encamiñada a perfilar as diagnoses culturais, ocupou a primeira metade da tarde. A segunda, adicámola a coñecer o papel da cultura no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible. Os ODS son un grupo de obxectivos impulsados dende as Nacións Unidas relativos ao desenvolvemento internacional futuro e están a ter gran importancia en moitas das liñas de traballo no eido cultural. Hai 17 obxectivos e 169 metas específicas que se desenvolven de 2015 a 2030.

Para achegarnos a estes obxectivos tivemos o pracer de contar con Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo. Encarna é un referente do que se coñece como nova museoloxía e leva tempo impulsando o desenvolvemento dunha cultura máis inclusiva. Ademais participa en numerosas iniciativas e redes internacionais arredor da sostibilidade. Por iso era a persoa idónea para falarnos da cultura no marco dos ODS.

A súa foi unha charla moi reveladora en canto a todo o que podemos facer como sector, pero tamén a título persoal. Por iso, ademais, resultounos especialmente inspiradora.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*