Foto de grupo da oitava edición do curso, con Timanfaya Custodio. A imaxe tomouse trala celebración dunha sesión sobre dereitos culturais, nunha das aulas da facultade de Ciencias Económicas da USC

Os dereitos culturais. Con Timanfaya Custodio e Alberto García

Por Karina Rodríguez Groba

Comeza unha nova edición do posgrao Xestión e Innovación Cultural impartido pola Universidade de Santiago de Compostela para o curso 2024-2025. Esta segunda sesión da oitava edición, realizada o venres 11 de setembro, dedicámola a falar dos dereitos culturais e do novo paradigma en torno ao termo de cultura que se está a desenvolver nos últimos anos e que pon o foco na cultura como un dereito básico intrínseco a toda persoa.

Para diseccionar a fondo esta cuestión a clase estivo dividida en dúas partes. Unha primeira, de carácter teórico, impartida por Timanfaya Custodio, consultora de comunicación no ámbitoPortada do libro "A cultura é un dereito" cultural, profesora no mestrado de xestión cultural internacional e innovación social e unha das elaboradoras do Plan Nacional de Dereitos Culturais; seguida dun debate e un coloquio no que participou, tamén, Alberto García, técnico de cultura en Boiro.

Que é a cultura?

O primeiro paso para poder falar de cultura é saber ao que nos estamos a referir cando falamos deste termo. Esta é unha idea moi ampla e heteroxénea que abarca moitas perspectivas, que non teñen porque ser contraditorias entre elas, senón que se interrelacionan entre si.

Cando falamos de cultura falamos de servizos e produtos, vinculados ao desenvolvemento económico, pero tamén pode concibirse como unha identidade unida a crenzas, tradicións e costumes, ou como un dereito esencial na nosa vida que vai permitir que teñamos unha bagaxe profunda e unha maior riqueza.

Nos últimos anos estase afondando máis na perspectiva da cultura como dereito de todos e todas os e as cidadáns e cidadás. Cada vez máis os profesionais da cultura están traballando dende o ámbito do dereito. Xa na Constitución Española de 1978, dentro do capítulo III referente aos principios reitores, no artigo 44 dise que “os poderes públicos promoverán e tutelarán o aceso á cultura, á que todos teñen dereito”. Aínda que esta está recoñecida, queda un longo camiño por recorrer.

Un leitmotiv durante a sesión foi a idea de que temos que saber cales son os nosos dereitos para poder reclamalos, e mentres a poboación non sexa consciente de que dereitos ten sobre a cultura é a que órganos pode recorrer se os vulneran, non poderá reclamalos. Para conseguir este fin hai que garantir a cultura dende a administracións, pero tamén hai que facer unha labor pedagóxica e educativa para que todas as persoas sintan a cultura como un dereito de seu.

 

Dereito a unha cultura propia

Timanfaya Custodio, durante a súa sesión sobre dereitos culturais no Posgrao de Xestión e Innovación Cultural da USCEsta visión de entender a cultura como un dereito cambia totalmente o paradigma. Neste contexto o Plan Nacional de Dereitos Culturais desenvolvido dende o Ministerio de Cultura marca un punto de inflexión importante, xa que ten unha perspectiva transversal, transformadora e participativa.

É importante que entendamos a cultura como algo beneficioso e como un vector de saúde. As formas que temos de facer cultura son moi amplas. A poboación ten dereito a ter unha cultura propia coa que se sinta identificada, a poder participar nela dunha forma activa, máis alá de poder acceder como un simple espectador. Todos temos dereito a crear cultura. Ademais todos e todas temos dereito ao noso patrimonio, xa que este perténcenos a todas as persoas.

Polo tanto, as últimas liñas de traballo avogan por unha cultura baseada no dereito e na participación cidadá que vaia máis alá do acceso pasivo e para iso hai que facer unha gran labor educativa, para que a xente saiba cales son os seus dereitos para coa cultura e viceversa.

O perfil profesional e formas xurídicas na xestión cultural galega. O traballo en equipo. Con Sergio Lago e Diego Parajó

Dentro do bloque adicado ao marco profesional da xestión cultural, hoxe tocounos coñecer de preto o perfil profesional de as formas xurídicas na xestión cultural galega. Unha sesión que impartiu o co-director do Curso, Sergio Lago, e que comezou coa presentación do equipo de titores e titoras que acompañarán ao alumnado nesta oitava edición. Visitaron a nosa aula Diego Parajó, Sonia Díaz e Diego Vázquez Meizoso, mentres que Beatriz Fontán fixo unha pequena conexión en liña para saudar ao alumnado e presentarse.

A continuación, a xornada centrouse en definir o perfil da xestora ou xestor cultural. Que estudou, que sabe facer, que quere facer… pero tamén de que maneira opera e como se relaciona co sector público e co sector privado.

No desenvolvemento desta reflexión puidemos ver convocatorias no Diario Oficial de Galicia e en boletíns oficiais das provincias, así como no Boletín Oficial del Estado, achegarnos aos convenios sectoriais e ao Estatuto do Artista.

O traballo cultural no ámbito privado

Boa parte da sesión estivo adicada a explicar o traballo da xestión cultural por conta propia ou, o que é o mesmo, a ser autónomas. A sesión ofreceu información práctica, como os pasos a seguir para darse de alta, canto supón ser autónoma, como facturar e, por suposto, a gran pregunta: sabes canto cobrar pola túa hora como freelance?…

Pero o ámbito privado non ten por que significar un traballo solitario. O auto-emprego permite a creación de colectivos informais, a unión temporal de autónomos (non só de empresas), diversas fórmulas de asociacionismo, o cooperativismo e mesmo unha SL.

Isto é un brevísimo resumo de todo o falado nesta aula, que serviu para ter unha ampla panorámica das posibilidades da xestión cultural e poder decidir con maior coñecemento de que implica a opción baixo a que finalmente decidamos traballar.

O plan de traballo do Curso

Nesta sesión tamén tivemos tempo para achegarnos, da man de Diego Parajó, ás claves do traballo en equipo. Unha aproximación a problemas, retos, solucións e oportunidades que iremos atopando ao longo dos vindeiros meses, xa que será así -en equipo- como o alumnado desta oitava edición desenvolverá o seu proxecto cultural.

Para abordar este reto Diego falounos de metodoloxías áxiles, planificación inversa e follas de ruta, ademais de farramentar virtuais para o traballo colaborativo, como Miro, Slack, Trello ou Asana. Estamos listas para comezar! ;)

Foto de grupo da oitava edición do Posgrao en Xestión e Innovación Cultural da USC

A oitava edición do Curso xa está en marcha!

Tiñamos moitas ganas de que chegara este día e, por fin!, hoxe demos comezo á oitava edición do Posgrao en Xestión e Innovación Cultural.

Adicamos a primeira parte da xornada a coñecernos entre nós, a coñecer a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, que será a nosa casa nestes vin

deiros meses. E, por suposto, a coñecer a dinámica xeral do Curso que, este ano, como novidade, está dividido en tres bloques temáticos que se poden cursar de maneira modular.

Aprender facendo, aprender compartindo

Como vén sendo habitual un dos piares do Curso é a comunidade; aprender de maneira práctica e colectiva e da man de profesionais de referencia no sector cultural coas que tamén tecer rede.

Un deses profesinais é o consultor e xestor cultural Marcos Lorenzo, quen ademais é co-fundador do Curso. Marcos foi o encargado nesta edición de inaugurar as aulas cunha sesión adicada ás políticas culturais, ofrecendo unha perspectiva histórica internacional e achegándose ao contexto galego.

Un comezo de luxo aberto á opinión e á participación do noso alumnado! Un grupo ben xeitoso de persoas con ganas de #aprenderfacendo e #aprendercompartindo ao que damos, tamén dende aquí, a benvida a esta oitava edición.

 

Nova edición do Posgrao da USC en Xestión e Innovación Cultural

No vindeiro mes de outubro volvemos ás auldas da Facultade de Economía de Santiago! No curso 2024-25 o Posgrao da USC en Xestión e Innovación Cultural para a práctica profesional cumpre 10 anos de traxectoria ofrecendo un programa formativo adaptado ás características do sector cultural galego e ás necesidades das súas profesionais

Unha década de vontade por tecer redes de profesionais que nos leva ata unha edición, sen dúbida, moi especial. Contaremos con máis dunha trintena de docentes -profesionais en activo de toda a Península- para #AprenderFacendo e #AprenderCompartindo sobre Xestión Cultural.

Xa podes atopar o programa detallado desta edición dividido en tres bloques temáticos que, como novidade, nesta ocasión poderanse cursar de forma modular, como Cursos de Formación Específica da USC:

  • Análise e planificación estratéxica no sector cultural e creativo.
  • Deseño e xestión de proxectos culturais.
  • Mediación, comunidades e comunicación cultural.

Xa está aberta a reserva de prazas do Posgrao da USC en Xestión e Innovación Cultural. Para iniciar o proceso só tes que cubrir o seguinte formulario que atoparás neste enlace.

Se tes calquera dúbida, podes contactar connosco a través do correo usc@xestioncultural.com ou das canles de Whatsapp ou Telegram.

Posgrao da USC en Xestión e Innovación Cultural