Os dereitos culturais. Con Timanfaya Custodio e Alberto García
Por Karina Rodríguez Groba
Comeza unha nova edición do posgrao Xestión e Innovación Cultural impartido pola Universidade de Santiago de Compostela para o curso 2024-2025. Esta segunda sesión da oitava edición, realizada o venres 11 de setembro, dedicámola a falar dos dereitos culturais e do novo paradigma en torno ao termo de cultura que se está a desenvolver nos últimos anos e que pon o foco na cultura como un dereito básico intrínseco a toda persoa.
Para diseccionar a fondo esta cuestión a clase estivo dividida en dúas partes. Unha primeira, de carácter teórico, impartida por Timanfaya Custodio, consultora de comunicación no ámbito cultural, profesora no mestrado de xestión cultural internacional e innovación social e unha das elaboradoras do Plan Nacional de Dereitos Culturais; seguida dun debate e un coloquio no que participou, tamén, Alberto García, técnico de cultura en Boiro.
Que é a cultura?
O primeiro paso para poder falar de cultura é saber ao que nos estamos a referir cando falamos deste termo. Esta é unha idea moi ampla e heteroxénea que abarca moitas perspectivas, que non teñen porque ser contraditorias entre elas, senón que se interrelacionan entre si.
Cando falamos de cultura falamos de servizos e produtos, vinculados ao desenvolvemento económico, pero tamén pode concibirse como unha identidade unida a crenzas, tradicións e costumes, ou como un dereito esencial na nosa vida que vai permitir que teñamos unha bagaxe profunda e unha maior riqueza.
Nos últimos anos estase afondando máis na perspectiva da cultura como dereito de todos e todas os e as cidadáns e cidadás. Cada vez máis os profesionais da cultura están traballando dende o ámbito do dereito. Xa na Constitución Española de 1978, dentro do capítulo III referente aos principios reitores, no artigo 44 dise que “os poderes públicos promoverán e tutelarán o aceso á cultura, á que todos teñen dereito”. Aínda que esta está recoñecida, queda un longo camiño por recorrer.
Un leitmotiv durante a sesión foi a idea de que temos que saber cales son os nosos dereitos para poder reclamalos, e mentres a poboación non sexa consciente de que dereitos ten sobre a cultura é a que órganos pode recorrer se os vulneran, non poderá reclamalos. Para conseguir este fin hai que garantir a cultura dende a administracións, pero tamén hai que facer unha labor pedagóxica e educativa para que todas as persoas sintan a cultura como un dereito de seu.
Dereito a unha cultura propia
Esta visión de entender a cultura como un dereito cambia totalmente o paradigma. Neste contexto o Plan Nacional de Dereitos Culturais desenvolvido dende o Ministerio de Cultura marca un punto de inflexión importante, xa que ten unha perspectiva transversal, transformadora e participativa.
É importante que entendamos a cultura como algo beneficioso e como un vector de saúde. As formas que temos de facer cultura son moi amplas. A poboación ten dereito a ter unha cultura propia coa que se sinta identificada, a poder participar nela dunha forma activa, máis alá de poder acceder como un simple espectador. Todos temos dereito a crear cultura. Ademais todos e todas temos dereito ao noso patrimonio, xa que este perténcenos a todas as persoas.
Polo tanto, as últimas liñas de traballo avogan por unha cultura baseada no dereito e na participación cidadá que vaia máis alá do acceso pasivo e para iso hai que facer unha gran labor educativa, para que a xente saiba cales son os seus dereitos para coa cultura e viceversa.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!