Conversamos sobre políticas e dereitos culturais

[ leer este artículo en castellano ]

Esta edición estamos a falar moito de políticas e dereitos culturais. Fixémolo xa na primeira sesión, na que tivemos ocasión de profundar e debatir da man de Marcos Lorenzo sobre políticas culturais en Galicia.

Unhas semanas despois falariamos, con María Camino Barcenilla, xefa de Desenvolvemento Estratéxico da Dirección Xeral de Cultura de Navarra, e co consultor e investigador Tony R. Murphy, sobre os dereitos culturais da cidadanía. Unha sesión que nos permitiu coñecer a experiencia da lexislación de Navarra e Canarias, respectivamente.

Non foron as únicas ocasións. Dun modo ou outro, políticas e dereitos culturais teñen estado presentes no discurso e no enfoque de diversos docentes nestes últimos meses. E son cuestións moi presentes no sector cultural.

 

Conversas para #aprendercompartindo

 

Por iso, dende o CEUXiC quixemos seguir profundando nestes ámbitos, incorporando máis voces e visións. Con esa intención impulsamos dous encontros, abertos ao público profesional, arredor destas temáticas.

O primeiro deles celebrámolo na libraría Númax, onde puidemos achegarnos ao magnífico ensaio Cultura Ingobernable da man da súa autora: a investigadora cultural e deputada na Asamblea de Madrid Jazmín Beirak. Acompañouna o investigador, mediador cultural e docente do CEUXiC, Fran Quiroga.


 

Cartaz promocional do Encontro Políticas e Dereitos Culturais

Políticas e dereitos culturais

A segunda proposta tivo lugar ao día seguinte no Consello da Cultura Galega, baixo o título Encontro “Políticas e Dereitos Culturais”. Abrimos esta actividade cunha panorámica das iniciativas lexislativas, estatais e internacionais promovidas arredor dos Dereitos Culturais da cidadanía, a cargo de Sergio Lago, coordinador do Curso.

 

Trala súa intervención tivemos a ocasión de coñecer a Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, da man de Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e de Carmen Calviño, subdirectora xeral de Arquivos e Museos. A normativa, que se presenta como pioneira no contexto estatal, atópase actualmente en tramitación.

 

 

A xornada pechouse cunha nova conversa baixo o título “Dereitos culturais, puntos de consenso para unha protección lexislativa”, na que participaron Jazmín Beirak e o asesor de cultura na Deputación da Coruña e xestor cultural  Xavier Campos.

Partindo do reto de responder á pregunta “de que falamos cando falamos de dereitos culturais?”, especialmente para que sexa algo sentido fóra dos círculos máis sectoriais ou académicos, analizouse a situación e os retos máis relevantes en varios eixos: identidade cultural (incluida a lingua propia), comunidade e diversidade cultural; acceso á cultura, creación, expresión e produción cultural; participación na gobernanza da cultura.

 

 

Foron voces diversas e experiencias que nos permitiron mostrar como se está a conformar un consenso sectorial e político sobre a importancia de garantir os dereitos culturais da cidadanía. O reto que temos agora, en calquera caso, é ir ampliando a base de axentes e persoas que se sumen e sintan tamén a necesidade de reivindicalos.

 

1 reply

Trackbacks & Pingbacks

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*