Foto de grupo na facultade de ciencias económicas, co alumnado da sétima edición do Curso, o coordinador Sergio lago e a titora de comunicación cultural Sonia Díaz

Plan de comunicación cultural. Con Sonia Díaz

Por María Costa

Tralas presentacións “aos clientes” dos proxectos que cada un dos equipos estamos a desenvolver e o posterior descanso de Semana Santa, retomamos o curso iniciando un novo bloque de contidos adicado á Comunicación cultural e estratexias dixitais. A encargada de abrir este melón foi Sonia Díaz, que nos falou do Plan de comunicación cultural.

A  sesión estivo conformada por un primeiro bloque teórico e unha posta en práctica por equipos no segundo. Para quentar motores e romper o xeo, Sonia propón como inicio da sesión un xogo que nos invita a poñernos en pé. “O xogo vai de respostar co corpo sen pensar”. E iso fixemos, respostar a unha batería de 12 preguntas colocándonos á dereita ou esquerda segundo a nosa resposta.

Podcast ou broadcast? Piqué ou Shakira? Twitter ou Instagram? Pequeno festival ou gran formato? Innovación ou participación? …

A palabra “Plan” no título da xornada xa parece importante, non? Venme á cabeza títulos de filmes como Atraco ás tres dirixida por José María Forqué ou Reservoir Dogs de Quentin Tarantino nas que o “Plan” é fundamental. E a todas nos encantan que os plans saian ben.

Falar dun plan é probablemente falar dos cimentos da casa, do trazado dun camiño sobre e que poñerse a camiñar pero ollo!, sempre mellor se o camiño está feito coherentemente con pequenas e sólidas pedriñas que non con migas de pan para finalmente perderse como Hansel e Gretel (Hänsel und Gretel).

 Pero vamos á chicha da xornada: realmente necesitamos un plan?

Segundo as palabras de Sonia un dos obxectivos da sesión é precisamente convencernos do deseño dun plan de comunicación. Por que necesitamos un Plan? Que lle pedimos á comunicación do noso proxecto cultural? Quen se encarga de desenvolver a comunicación? Cando se incorpora ao equipo? Canto orzamento (%) xestiona? son algunhas das preguntas a ter en conta.

 

Si, necesitamos un plan

Fotografía de varias plantillas do plan de comunicación co que Sonia Díaz imparte a súa sesión de comunicación culturalSe unha cousa é evidente é que necesitamos un plan. Como punto de partida se nos pide coñecer as necesidades de que comunicar e os nosos recursos para comunicar. E como premisa, detectar que se os recursos non son dabondo teremos que rediseñar o noso plan ou buscar os recursos que falten. “Ser conscientes do que ofrecemos é o noso seguro de vida para a nosa profesión”, asegura Sonia.

Realmente non existe un plan ideal ou un canon,  pero Sonia comparte con todas nós un modelo de folla de ruta en cascada composto por 8 partes co que ela traballa en diferentes ámbitos-sectores e tamaños de proxectos-empresas. Dende logo un plan moi completo e interesantísimo a por en práctica que engloba: diagnose, obxectivos, públicos, soportes, estratexias e tácticas, acción e materiais, cronograma, orzamento e, dentro disto, moito máis.

A sesión continúa e a intensidade non diminúe, diría que ao contrario, se implementan conceptos, detalles, consellos e exemplos sobre novas tendencias e recursos de comunicación, accións de comunicación convencional, estructuras posibles para un discurso verbal,  a importancia da comunicación non verbal, etcétera.

Gustaríame pechar este repaso lembrando un consello de Sonia que ten un verbo tan significativo como “coidar”. Coidar desas persoas que traballan nas redaccións dos medios convencionais, que detectamos que teñen a pulsión e o interés por contidos culturáis e non perdelas de vista.

Extrapolando esta idea, coidemos de nós mesmas e dos nosos proxectos.

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*