Tony R. Murphy desenvolve a súa parte da sesión sobre dereitos culturais. Está sentado na mesa do profesor e parte do alumnado toma nota do que explica

Dereitos culturais da cidadadía: novos marcos de referencia na xestión cultural. Con María Camino Barcenilla e Tony R. Murphy

Por Lucía Rodríguez

 

Rematamos a primeira semana de dobre sesión cunha interesantísima conversa ó redor dos Dereitos culturais da cidadanía, novos marcos de referencia na xestión cultural. Da man de María Camino Barcenilla Tirapu (xefa de Desenvolvemento Estratéxico da Dirección Xeral de Cultura de Navarra) e de Tony R. Murphy (consultor e investigador experto en políticas culturais) falamos dos principais retos e tendencias dentro do sector público. Achegáronnos iniciativas que se están levando a cabo fóra de Galiza.

 

Mª Camino Barcenilla achegounos a Lei Foral de Dereitos Culturais de Navarra. Aínda que o xermolo desta lei está na Conferencia Sectorial da Cultura (Pamplona, 2015), a primeira reunión do grupo de traballo foi en xaneiro de 2017 e este traballo continuou durante dous anos: procesos participativos, negociacións… ata aprobarse en xaneiro de 2019. Os obxectivos que se marcaron na creación da lei antes de iniciar a redacción da mesma, foron poñer en relación as políticas culturais, a xestión cultural e os dereitos culturais. Negociouse con tódolos grupos políticos e conseguiuse non ter ningún voto en contra.

A Lei Foral de Dereitos Culturais de Navarra quixo poñer en valor a relación entre as políticas culturais e os dereitos culturais, para ter un campo normativo que marcara a política cultural da administración pública en Navarra con independencia da situación política que houbera en cada momento. Marcaron un precedente establecendo un contexto, un marco, que traza liñas de traballo a longo prazo.

María Camino Barcenilla, xefa de desenvolvemento estratéxico da Dirección Xeral de Cultura, expón fronte o alumnado a súa parte da sesión sobre dereitos culturais. No seu caso, falando da experiencia arredor da Lei Foral de Dereitos Culturais de Navarra, pioneira no EstadoQuixéronse recoñecer con esta lei os dereitos culturais como dereitos de carácter fundamental (somos culturais por natureza, repite Mª Camino), establecer oportunidades de igualdade de acceso á cultura, constatar que os dereitos culturais son a base indispensable para o desenvolvemento integral do ser humano e que os procesos participativos quedaran recollidos e asegurados nesta norma.

No comezo da súa exposición, Mª Camino fixo fincapé na importancia de adquirir coñecementos profundos das teorías culturais que son claves para despois levar a cabo as praxes. Saber de onde partimos, ter en conta o pasado, o histórico, o recorrido, o contexto no que nos movemos para chegar a dicir que o noso marco actual é o dos dereitos culturais. Tamén recalcou a importancia de ter en conta o contexto e o alcance da lei para lexislar. O contexto, a diversidade cultural, a idiosincrasia… Non vale a mesma lei para tódolos territorios, o que sirve nun lugar non quere dicir que se vaia poder implementar noutro.

Explicounos que a política cultural ten dúas formas: directa e indirecta. A indirecta é o campo normativo, aquel que podemos xerar dalgunha maneira para que non sexa cortopracista, que xere uns marcos de traballo (relación entre as políticas culturais e o mundo xurídico). E así, os mecanismos de acceso e participación nos procesos poidan quedar asegurados. A política cultural indirecta é clave para crear ecosistema.

Remata María Camino admitindo que o proceso de creación da Lei de Dereitos Culturais de Navarra foi custoso pero que están (e poden estalo) orgullosas da creación. Xa que a día de hoxe tanto as entidades locais, coma o departamento de cultura ou o asociacionismo, todo o mundo, se está acollendo ó que está recollido na lei para aplicalo, permitindo así unha mirada de futuro.

 

*O departamento de Cultura fixo unha diagnose das profesións da cultura; actualmente están traballando nunha lei para as profesións da cultura. Interesante traballo ó que seguirlle a pista.

 

Da experiencia navarra á máis recente de Canarias

 

A segunda intervención foi da man de Tony R. Murphy, que nos achegou outra lei que se atopa na súa fase final de tramitación de emendas parciais e que se votará en pleno a mediados de decembro deste ano 2022, a Lei do Sistema Público de Cultura de Canarias. Comezou a intervención cunha reflexión crítica do modelo de política cultural dominante en Occidente: este modelo non dá máis de si, está esgotado. Úrxenos superalo canto antes. Considera que este modelo non dá máis de si porque é inxusto, ineficaz e ineficiente.

Destacou a incompetencia da política cultural pública coma unha das máis notables carencias deste sistema. “É unha política difusionista e de oferta cultural”. Este modelo, de democratizaciónO consultor Tony R. Murphy expón na sesión sobre dereitos culturais a súa experiencia no proceso da Lei do Sistema Público de Cultura de Canarias cultural, formúlase en termos de acceso e difusión de bens culturais escasos mais non de diversificación das formas culturais, expresións  culturais das maiorías culturais ou de promoción da creatividade. Aboga Tony por unha lectura máis expansiva dos dereitos culturais non limitándoa só ó acceso e á participación.

No traballo que están levando a cabo coa Lei do Sistema Público de Cultura de Canarias buscan agora unha lei puramente administrativa que asegure unha eficacia e unha eficiencia no impacto na vida das persoas; que fixe obrigacións precisas ás administracións culturais e dea garantías precisas á cidadanía.

O Dereito permite e ancora os dereitos na vida real. Esta é unha lei de articulación do sistema e de garantías, non de dereitos sociais. A idea clave da lei é a idea de sistema: rede de colaboración, coordinación, cooperación e cogobernanza regulado xuridicamente. Na que cada unha das partes son relevantes pero o todo, o conxunto, é o máis importante.

Esto pareceume moi interesante: os diferentes poderes públicos prestan multitude de servizos pero só os que se consideran realmente relevantes para a vida social se organizan como sistemas. Toma como referencia de reflexión e de traballo o funcionamento dos outros dous grandes sistemas públicos: o educativo e o sanitario.

Para Tony, a precondición para que unha política cultural sexa efectiva é a capacidade cultural. Esto son as condicións nas que as persoas teñen a liberdade substancial de producir cultura, de moldear o seu entorno cultural e de interpretar as expresións culturais do outro. Porque, conclúe, “a cultura é relevante se é valiosa vitalmente nas experiencias das persoas normais vivindo normalmente”.

Recoñeceulle Tony á Lei Foral de Dereitos Culturais de Navarra que conseguiu mover o centro de gravidade das institucións á cidadanía (fin do Estado como ofertante e difusor), centrando o foco na cidadanía como suxeito de dereitos, fixando garantías específicas para esta por medio da lexislación cultural.

 

Finalizamos a sesión concordando en que os dereitos culturais son dereitos humanos. Que non podemos facer o mesmo unha e outra vez e esperar resultados diferentes (citando a Einstein), temos que cambiar o paradigma. Para iso Mª Camino dinos que sempre hai que buscar aliados, non renderse (algo no que coincide de pleno cunha das ideas da sesión anterior cando Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, nos falaba da importancia da negociación, da escoita activa, da empatía, da procura de aliados). A cultura é transversal, invítannos a traballar con esto, a abrir as miradas, a mente; a que subministremos servizos de excelencia para que a xente faga e veña facer.

 

3 replies

Trackbacks & Pingbacks

  1. […] semanas después, recibimos a María Camino Barcenilla, Jefa de Desarrollo Estratégico de la Dirección General de Cultura de N…. Una sesión que nos permitió conocer la experiencia de legislación sobre derechos culturales en […]

  2. […] da Dirección Xeral de Cultura de Navarra, e o consultor e investigador Tony R. Murphy, sobre os dereitos culturais da cidadanía. Unha sesión que nos permitiu coñecer a experiencia da lexislación de Navarra e Canarias, […]

  3. […] de Jerez -Hacen muchas cosas más con Culturalink, la consultora que dirige Tony R, Murphy, (estuvo con nosotros la semana pasada) que se lo salta y ahora va a la parte […]

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*