Curso de Expert* Universitari* en Xestión e Innovación Cultural na Universidade de Santiago de Compostela (2022-23)

Sesión do CEu en Xestión e Innovación Cultural da USC adicada ao traballo en equipo e a dinámicas grupais

A USC amplía o prazo de inscrición no Curso

A USC vén de ampliar o prazo de inscrición na 7ª edición do CEU en Xestión e Innovación Cultural, unha xestión sinxela á que aínda podes acceder dende aquí.

 

O Curso de Expert* Universitari* en Xestión e Innovación Cultural é unha titulación propia da Universidade de Santiago -incluída na súa oferta de Posgrao e Formación Contínuade especial interese para profesionais culturais que queren actualizar ou acreditar os seus coñecementos, así como para conectar profesionalmente co eido e novas tendencias na xestión cultural. Isto inclúe tamén a persoas recén graduadas ou en proceso de formación que buscan un eido de especialización; persoas emprendedoras ou creadoras que queren auto-xestionar os seus proxectos; ou persoas de ámbitos próximos ao cultural, para as que as metodoloxías e coñecementos que aborda o Curso resultan útiles.

O Curso aborda a proceso de converter unha idea nun proxecto viable e sostible, incorporando coñecementos que van dende o deseño e a organización dun traballo en equipo ata o financiamento e a produción, pasando por dinámicas participativas e de mediación comunitara, coñecemento e xestión de públicos, comunicación ou estratexias dixitais.

Podes ver aquí o programa completo! E tamén podes consultar aquí, polo miúdo, o equipo docente desta sétima edición.

As aulas comezan en outubro

O CEUXiC ofrece unha formación práctica e titorizada, baseada no intercambio de coñecementos con profesionais en activo e no deseño en equipo dun proxecto cultural.

As sesións celebraranse na Facultade de Ciencias Económicas do campus compostelán todos os venres lectivos e un xoves ao mes -habitualmente o último- en horario de 16:30 a 20:30. As aulas comezarán en outubro e rematarán a finais de maio de 2023.  A parte non presencial estará apoiada na titorización mediante ferramentas telemáticas, de uso habitual en contextos profesionais. En total, a formación desenvólvese en 300 horas, que supoñen 30 créditos.

O Curso ofrece tamén a posibilidade (ata o 30 de setembro de 2023) de prácticas profesionais, de carácter voluntario, en empresas e entidades de referencia no sector.

Non deixes de solicitar a túa praza! 😉

En marcha unha nova edición do Curso!

O Curso de Expert* Universitari* en Xestión e Innovación Cultural convoca a súa sétima edición na USC. Trátase dunha proposta formativa de especial interese para todas as persoas que queren conectar profesionalmente co sector cultural. Un espazo no que tecer rede entre profesionais en activo, alumnado e novas tendencias na profesión, e no que teñen cabida perfís diversos.

Persoas recén graduadas que buscan un eido de especialización; profesionais do sector -público ou privado-que precisan actualizar coñecementos e acreditalos; persoas emprendedoras ou creadoras que queren saber como auto-xestionar o seu proxecto ou persoas cun ámbito de traballo ou formación próximo ao cultural (social, pedagóxico, divulgativo,…) para as que as metodoloxías e coñecementos que abordamos resultan útiles.

Sexa cal sexa o teu caso, a ocasión de formarte de maneira profesional neste ámbito chega de novo no vindeiro curso 2022-23 e o prazo para reservar matrícula xa está aberto.

O Curso mantén o seu carácter semi-presencial, con sesións que se celebrarán todos os venres lectivos e un xoves ao mes (16:30-20:30) na Facultade de Ciencias Económicas do campus compostelán. A parte non presencial baséase na titorización telemática, mediante ferramentas dixitais habituais en contextos profesionais, dun traballo grupal. E, coma en anos anteriores, está aberta a posibilidade de desenvolver prácticas de maneira voluntaria en empresas e entidades de referencia no sector.

Unha cousa que cambia…

Se non é a primeira vez que te interesas por esta formación, seguro que xa te decataches de que o nome do Curso mudou un pouquiño. Agora é Curso de Expert* Universitari* en Xestión e Innovación Cultural, fronte ao habitual Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural.

Isto débese á convivencia, na oferta de titulacións da USC, co novo Grao en Xestión Cultural que desenvolve o Campus de Lugo. Unha cuestión formal que non afecta ao noso enfoque nin á filosofía de aprendizaxe de sempre.

…e outras que evolucionan!

O programa do Curso mantén a súa estrutura habitual, na que o contido das aulas se relaciona coas distintas fases da ideación e desenvolvemento dun proxecto cultural. Un proxecto que, coma sempre, terá carácter grupal e suporá o traballo final a avaliar.

Como unha consecuencia lóxica de adaptarse a novos contextos e necesidades do sector, no programa desta sétima edición hai novas sesións e novos enfoques. Cuestións como financiamento, comunicación e estratexia dixital, que por suposto non son novas, terán especial presencia neste Curso. Podes botarlle un ollo ao programa clicando aquí.

En canto ao equipo docente, tamén hai caras novas, que se suman ás docentes que, ano tras ano, comparten coñecementos e experiencias connosco. E a un equipo de titoras xa consolidado, formado por Diego V. Meizoso, Diego Parajó, Beatriz Fontán, Sonia Díaz e Sergio Lago, coordinador do Curso. Podes saber máis delas na páxina de equipo docente desta web!

 

Agardamos #aprenderfacendo e #aprendercompartindo a partir de outubro contigo! 😉

 

A información xeral e o formulario de reserva de praza para a sétima edición do CEU en Xestión e Innovación Cultural está xa dispoñible nesta web. Podes acceder dende aquí.