Os marcos e retos do sector público galego, con Carlos Lorenzo e Encarna Lago. Accesibilidade e inclusión, con Ángeles Miguélez

Por Sonia Miralles

Nesta xornada achegámonos ao traballo da xestión cultural dende a perspectiva do sector público galego. Foi un privilexio poder escoitar de primeira man a tres profesionais cun longo percorrido neste ámbito, que compartiron con nós a súa experiencia de moitos anos. Transmitíronos a complexidade do contexto no que desenvolven o seu traballo, os retos que afrontan, as limitacións coas que se atopan. Mais tamén ás ilusións e motivacións que lles levan a seguir adiante, convencidos da importancia que ten a cultura como elemento de transformación social.

 

O primeiro en intervir foi Carlos Lorenzo e falounos do seu traballo dentro da administración pública a nivel municipal. Os concellos son os maiores inversores en cultura. Actúan como mediadores entre a creación e o público, fomentan e propician hábitos culturais, fortalecen o tecido económico da cultura. Son, polo tanto, creadores de patrimonio.

Un problema recorrente na administración municipal é o cambio de uso dos orzamentos de cultura en momentos de crise. Isto acontece porque as liñas de actuación en política cultural non sempre están claras. Estamos ante o que Carlos Lorenzo denomina “a área pobre da administración”. A xestión no sector público debería ser moi diversa, pois tratándose de diñeiro público, o nivel de responsabilidade tería que ser máximo, “ter sempre presente que o noso xefe é a cidadanía”.

Respecto ás funcións do técnico de cultura nun concello pequeno como Carral, estas son moi diversas. Debe desempeñar múltiples tarefas, tanto de xestión como de protocolo, comunicación, etc. O ámbito de actuación está moi vencellado á programación de actividades e eventos nos auditorios e casas de cultura municipais. Tamén é importante o traballo coas asociacións e, dende hai uns anos, coas empresas culturais.

Conclúe Carlos Lorenzo dicíndonos que o maior reto para a xestión cultural a nivel municipal é poder ter unha planificación estratéxica.

 

Encarna Lago, pola súa banda, achegounos o seu traballo como xerente da Rede Museística Provincial de Lugo. Relatounos como foi o inicio da Rede, como se atreveron a mudar o modo de traballar, se activaron, insistiron nas súas ideas ata crear unha nova museoloxía posta ao servizo das persoas. Non querían traballar de maneira allea ao territorio, como nun laboratorio. Querían una cultura para as persoas, para a vida. Así pois, os marcos dende os que se traballa deben poder moverse para dar resposta a novas narrativas e relatos, dar novos froitos e permitir o acceso á cultura por riba de todo.

Hai que poñer no centro as persoas, o seu benestar, traballar as igualdades, facelo dun modo sustentable, transversal, creando vasos comunicantes. Buscar que te lexitimen organismos externos mediante avaliacións ou auditorías, que analicen se as estratexias levadas a cabo son as correctas.

Encarna Lago defende que é posible unha xestión cultural socio-afectiva, para isto é necesario crear una rede baseada na maxia, na ilusión, na emoción. Créanse afinidades, cohesión social. Despois o cambio é posible. A cultura non representa egos, senón colectivos.

Un exemplo que ilustra a filosofía de traballo de Encarna Lago é a colocación da rampla de acceso no Museo Provincial de Lugo e que Ángeles Miguélez (educadora na Rede Museística Provincial de Lugo e especialista en avaliación e asesoramento a entidades culturais) pasou a relatar ao inicio da súa intervención.

 

Accesibilidade e inclusión na cultura

Segundo nos explicou Ángeles, o primeiro punto para unha “Cultura accesible e inclusiva” é a accesibilidade, seguida pola integración, a inclusión e a igualdade. Dábase a circunstancia, que pese a contar cunha entrada na parte traseira do museo adaptada ás persoas con mobilidade reducida, estas persoas non entraban no museo. Sentían que era un espazo no que non se lles tiña en conta ou eran admitidos soamente pola porta de atrás. A catalogación BIC do edificio facía imposible unha intervención na fachada e ningún político se molestaba en encontrar unha solución, así que se tomou a resolución de acabar con esta discriminación: fabricouse en secreto unha rampla de madeira que foi colocada de noite pola Asociación de Carpinteiros. Ao día seguinte, Día das Persoas con Discapacidade, o museo amañecía cunha rampla disposta a acoller a todas a persoas sen diferenciación. (Só anos despois poido ser instalada a definitiva).

Ángeles Miguélez falounos igualmente da transformación do Museo do Mar no museo máis accesible de Galicia e doutras medidas que foron acometidas baixo o seu asesoramento, tendo en conta que a accesibilidade é “o grado no que un servizo/espazo pode ser usado por calquera persoa”. É máis, a cadea de accesibilidade ten que ser completa, dende a recepción da información, aos medios de transporte, as webs, etc. “A discapacidade é a relación da persoa co seu entorno. Se o entorno é accesible a discapacidade desaparece”.

Estas medidas son imprescindibles para o 10% da poboación. Necesarias para o 40%. Confortables para o 50%. Polo tanto o conxunto da sociedade sae beneficiado.

Na integración, córrese o perigo de limitar ás persoas nun “gueto”, polo que este concepto non lle  gusta demasiado, e prefire traballar no sentido da inclusión (cando derribamos as barreiras mentais, propias e alleas e deixamos que os destinatarios destas accións sexan suxeitos activos e non simples receptores. Ex.: Proxecto “Fotografía a cegas”) e da igualdade (Todos somos axentes transformadores. Ex.: Intervención na Capela de Santa María).

 

Estas tres intervencións abriron espazos de reflexión sobre o dereito de todos os cidadáns a ser partícipes na vida cultural e nos procesos culturais e creativos; sobre as limitacións actuais e retos das administracións públicas e sobre o rol dos xestores culturais.

1 reply

Trackbacks & Pingbacks

  1. […] paradigma. Para iso Mª Camino dinos que sempre hai que buscar aliados, non renderse (algo no que coincide de pleno cunha das ideas da sesión anterior cando Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, nos falaba da importancia da […]

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará


*