Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural na Universidade de Santiago de Compostela (2014-15)

Participación con Ana Lorenzo de Cidadanía | Foto de Alicia Padín

Ana Lorenzo: identificación de necesidades e participación social

Na pasada sesión (17 de outubro), Ana Lorenzo introdociunos na fase inicial de todo proxecto cultural: a identificación de necesidades, a elaboración dun diagnóstico e o fomento da implicación das comunidades e destinatari*s no deseño e execución dos proxectos.

Comezou a clase desvelando a súa intención de refutar a célebre pirámide de necesidades sociais de Maslow. Seguindo unha táboa de Max-Neef argumentou que as necesidades humanas son iguais para todas as persoas, o que difire son os medios para alcanzalas (os denominados “satisfactores”). Así mesmo, mostrou como as necesidades, sexan materiais ou morais, están ligadas entre si e non se poden disociar.

A continuación, ensinounos algunhas técnicas de investigación social útiles para o traballo dunha xestora cultural. A comezar pola enquisa, que nos prové de datos, seguida da entrevista, que nos facilita as explicacións sobre os fenómenos que acontecen nunha colectividade, e das técnicas participativas, que empoderan aos destinatarios dos proxectos culturais ao darlles voz e facelos cómplices e parte activa nos mesmos.

A terceira parte da clase (Ana dividiu a sesión en “6 movementos”) consistiu nunha análise de datos secundarios a partir do Anuario de Estatísticas Culturais do Ministerio de Cultura. Coas conclusións que fumos tirando sobre a evolución recente do sector cultural en España, elaboramos un DAFO (unha táboa que permite diferenciar elementos positivos e negativos, internos e externos, baixo as etiquetas “Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades”).

O cuarto movemento foi unha análise de discurso a partir de fragmentos de entrevistas reais realizadas pola cooperativa Cidadanía, da que Ana é socia-traballadora.

Participación con Ana Lorenzo de Cidadanía | Foto de Alicia PadínEn quinto lugar, procedimos a debuxar un Mapa de Axentes relevantes para un proxecto hipotético de valorización da cultura rural. Así, trazamos un eixe no que as abcisas mostraban a maior ou menor afinidade co obxectivo perseguido, e as ordenadas o grao de poder deses axentes.

E por último, o sexto movemento foi de contraste coa aula, para testar canto tiñamos aprendido na sesión e se o viamos útil para o noso desempeño profesional.

En termos pedagóxicos a sesión foi moi práctica, centrada en dinámicas na aula, e onde os equipos que realizarán os proxectos do Curso tiveron oportunidade de comezar a trabar relación.

 

* (As fotos son da nosa compañeira Alicia Padín).

 

Teatro Valle Occupato | Foto: Claudio Marrucci

Juan Freire, cultura colaborativa e innovación cidadá

Nesta segunda sesión do Curso recibimos a Juan Freire, experto en estratexias de innovación e actualmente un dos promotores de Teamlabs. O obxectivo desta aula era achegarnos ao concepto de innovación aplicado á xestión cultural, así como analizar o potencial da cultura colaborativa e a innovación cidadá.

Juan comezou expoñendo algúns exemplos da crecente distancia entre as institucións e a xente, o que se acaba traducindo en moitas ocasións nun pulso entre o legal e o lexítimo. Comentamos diversos exemplos tanto de economía colaborativa coma de espazos autoxestionados. Un exemplo significativo é o Teatro Valle Occupato, o máis antigo de Italia e que en 2011 unha ocupación cidadá salvou dun incerto futuro.

 

“Algúns destes pulsos gáñanse, outros non, pero estamos ante indicios de cambio”.

 

Entrando xa no termo innovación, destacou que actualmente conviven contornas onde todo é innovación con outras onde aínda existe un departamento ou persoal compartimentado. Tamén mostrou a súa preferencia pola denominación innovación cidadá, aínda que se atope máis estendida a de innovación social, xa que “estamos nun momento onde a cidadanía está a sentirse protagonista da innovación“.

Defendeuse a innovación cidadá como marco xeral onde xorden novas innovacións tecnolóxicas. A maior forza da primeira, máis posibilidades de que apareza a segunda e a menor custe. Paradóxicamente, o poder político e económico desconfía da innovación cidadá e concibe de xeito illado o desenvolvemento tecnolóxico, aínda que para iso teña que recorrer á inxección económica directa e continua para inflar esta innovación tecnolóxica artificialmente.

 

Design Thinking, Ideo

Lugares de confluencia onde xurde a innovación (gráfico de Ideo)

 

Este fío levounos a falar dos novos espazos públicos, onde a xente se está a reunir, non para consumir ou discutir simplemente, senón para facer cousas xuntos.

Juan expuxo tres exemplos de laboratorios cidadáns, neste caso en Madrid:

  • Dende o impulso colectivo e o asociacionismo falamos de Makespace, arredor da cultura maker (e que en Galicia ten o seu reflexo nas iniciativas reunidas en OSHWDem)
  • Curiosamente o Makespace Madrid xurdiu doutro espazo que está promovido por unha institución pública, o Medialab-Prado, un lugar que comezou orientado á arte dixital, evolucionou e agora é un centro de relacións entre comunidades de todo tipo.
  • Xa como iniciativa privada, menciónase a rede de espazos de coworking Impact Hub.

 

“Os contedores están por aí, eu podo escoller o contedor, non é el o que me limita”, referíndose ás relacións clásicas con espazos institucionais e ás posibilidades de novos espazos para a cultura.

 

A mención ao Rijksmuseum deunos pé a falar xa de datos abertos. Pechado durante anos por obras, os seus traballadores dedicáronse a dixitalizar a colección, “inicialmente como mera alternativa a estar de brazos cruzados”. Co tempo convertéronse na referencia mundial en técnicas de dixitalización de obras artísticas, pero o salto cualitativo estivo na decisión de abrir os seus datos, xa que a xente comezou a desenvolver numerosas aplicacións que os profesionais do museo nin imaxinaran.

 

Regresando ás novas culturas e ás multitudes intelixentes, a cultura hacker achegou uns valores e unhas regras de goberno que marcaron as bases para as seguintes, como a maker ou a do prototipado e para novas formas de participación cidadá:

  • O consenso aproximado, que permite facer algo “simplemente se estamos de acordo en facelo”.
  • A posibilidade de facer “fork
  • Os elementos da cultura dixital, como a meritocracia, o sustento na acción, o P2P ou a conciencia de rede

Un exemplo deste traspaso dende a cultura dixital ao proxecto físico, podemos atopalo no Campo de Cebada, un proxecto veciñal de reactivación dun solar baleiro, que no 2013 recibiu o prestixioso premio Golden Nica na categoría de “Comunidades Dixitais”. Na súa xustificación, o xurado sinalaba que era un modelo onde existía un uso intensivo do dixital, pero que sobre todo consideraban que era herdeiro da cultura dixital. Xa en 2014, o proxecto galego Montenoso recibiu tamén unha mención de honra nestes mesmos premios.

 

Captura da web Montenoso

Captura da web Montenoso

 

O último bloque da participación de Juan Freire estivo xa dirixido ás dinámicas de equipo, ferramentas e posibles fases á hora de afrontar un proxecto… pero os detalles quedan xa reservados para o alumnado do Curso  ;)

Sinalar simplemente que, en contraposición á clásica estratexia de construír “dende a intuición”, a recomendación principal á hora de emprender un proxecto foi comezar “dende a evidencia”, dende a detección de necesidades, problemas e oportunidades a través dun proceso de investigación previa sobre a realidade do contexto onde imos a intervir.

Precisamente, na vindeira sesión traballaremos con Ana Lorenzo, socia de Cidadanía, sobre a  identificación de necesidades e oportunidades, descubrindo tamén como achegarnos á realidade a través da análise de datos, de discursos e das técnicas de investigación-acción-participativa.

 

Sesión inaugural do Curso: Fátima Anllo

O pasado venres, 3 de outubro, inauguramos o Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural, na Facultade de CC. Económicas da USC. Logo da presentación oficial, a cargo de Isabel Neira, Sergio Lago e Marcos Lorenzo, a primeira das profesoras convidadas, Fátima Anllo, impartiu unha clase maxistral sobre os piares teóricos da xestión cultural.

Ao longo da súa exposición, Fátima lembrounos que o traballo d* xestor/a cultural se desenvolve nun contexto social e no seo dunha organización (sexa empresa, administración pública ou asociación), e que por tanto debe ser rigoroso, partir dun diagnóstico e estar debidamente planificado. É un labor creativo, si, pero ao servizo dun interese colectivo e non (só) das nosas propias apetencias.

Durante a sesión xurdiron moitos asuntos de interese, en ocasións mesmo sorprendentes. Así, Fátima fixo fincapé en que a programación cultural non é un fin en si mesmo senón unha ferramenta máis para acadar un obxectivo cultural. Do mesmo xeito, cuestionou esa visión tan extendida segundo a cal a cultura é boa de seu, e que, en consecuencia, o gasto público en cultura está plenamente xustificado e non é preciso avalialo. Tamén argumentou que en España, contra o que se pensa, o sector cultural vive en moita menor medida dos fondos públicos que nos países anglosaxóns (o gasto liquidado en cultura das administracións españolas apenas chega ao seu verdadeiro destinatario: a cidadanía). E remarcounos que unha das funcións esenciais do xestor/a cultural consiste en dar sentido á organización na que opera.

Unha primeira xornada intensa, á espera do segundo dos nosos convidados, Juan Freire e o seu “Manifesto Crowd

Comeza o curso 2014-15!

O vindeiro venres 3 de outubro comeza, coas prazas completas, o Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural na Universidade de Santiago de Compostela.

Todas as semanas publicaremos neste blog unhas breves anotacións sobre a evolución do Curso e compartiremos taméns algunhas das achegas máis interesantes sobre xestión cultural, tanto do equipo docente coma do alumnado.

 

fatima-anlloNesta primeira sesión, ademais da presentación oficial do Curso por parte do grupo promotor (Isabel Neira, Marcos Lorenzo e Sergio Lago) visitaranos Fátima Anllo, fundadora e directora xeral do Observatorio de Creación y Cultura Independientes e durante moitos anos co-directora do Master en Gestión Cultural: Música, Teatro y Danza de la Universidad Complutense de Madrid.

Fátima achegará os fundamentos básicos da xestión cultural, así como unha panorámica da evolución recente e os desafíos de futuro da profesión de xestor/a cultural.