Participación con Ana Lorenzo de Cidadanía | Foto de Alicia Padín

Ana Lorenzo: identificación de necesidades e participación social

Na pasada sesión (17 de outubro), Ana Lorenzo introdociunos na fase inicial de todo proxecto cultural: a identificación de necesidades, a elaboración dun diagnóstico e o fomento da implicación das comunidades e destinatari*s no deseño e execución dos proxectos.

Comezou a clase desvelando a súa intención de refutar a célebre pirámide de necesidades sociais de Maslow. Seguindo unha táboa de Max-Neef argumentou que as necesidades humanas son iguais para todas as persoas, o que difire son os medios para alcanzalas (os denominados “satisfactores”). Así mesmo, mostrou como as necesidades, sexan materiais ou morais, están ligadas entre si e non se poden disociar.

A continuación, ensinounos algunhas técnicas de investigación social útiles para o traballo dunha xestora cultural. A comezar pola enquisa, que nos prové de datos, seguida da entrevista, que nos facilita as explicacións sobre os fenómenos que acontecen nunha colectividade, e das técnicas participativas, que empoderan aos destinatarios dos proxectos culturais ao darlles voz e facelos cómplices e parte activa nos mesmos.

A terceira parte da clase (Ana dividiu a sesión en “6 movementos”) consistiu nunha análise de datos secundarios a partir do Anuario de Estatísticas Culturais do Ministerio de Cultura. Coas conclusións que fumos tirando sobre a evolución recente do sector cultural en España, elaboramos un DAFO (unha táboa que permite diferenciar elementos positivos e negativos, internos e externos, baixo as etiquetas “Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades”).

O cuarto movemento foi unha análise de discurso a partir de fragmentos de entrevistas reais realizadas pola cooperativa Cidadanía, da que Ana é socia-traballadora.

Participación con Ana Lorenzo de Cidadanía | Foto de Alicia PadínEn quinto lugar, procedimos a debuxar un Mapa de Axentes relevantes para un proxecto hipotético de valorización da cultura rural. Así, trazamos un eixe no que as abcisas mostraban a maior ou menor afinidade co obxectivo perseguido, e as ordenadas o grao de poder deses axentes.

E por último, o sexto movemento foi de contraste coa aula, para testar canto tiñamos aprendido na sesión e se o viamos útil para o noso desempeño profesional.

En termos pedagóxicos a sesión foi moi práctica, centrada en dinámicas na aula, e onde os equipos que realizarán os proxectos do Curso tiveron oportunidade de comezar a trabar relación.

 

* (As fotos son da nosa compañeira Alicia Padín).

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*