Financiamento cultural, unha ollada ás sesións de presentación de proxectos con patrocinadores
Aínda que estamos xa inmersos no último trimestre, facemos unha pausa para recuperar a experiencia do recente peche do segundo módulo do Curso, o dedicado ao financiamento cultural.
Na primeira parte da sesión, na aula da Facultade de Económicas, os equipos expuxeron os seus proxectos para sometelos ao contraste avaliador do resto de compañeir*s.
Unha parte importante da experiencia do Curso baséase en “aprender facendo” e na colaboración en equipo. Seguindo esta premisa, dende o comezo das aulas unha parte do alumnado está a deseñar catro proxectos dende cero, co apoio dos titores do Curso. Despois de defender en decembro unha primeira proposta ante docentes e expert*s en activo, durante este comezo de 2015, definiron unha estratexia de financiamento para facelos viables.
Os proxectos en marcha actualmente son Moe o Son, intervención cultural en muíños rehabilitados de Porto do Son; En-vite un proxecto audiovisual e sociocultural de posta en valor da historia do barrio de Vite, en Santiago de Compostela; Terra Loba, proposta transmedia e de turismo cultural arredor das lendas previas ao Camiño de Santiago; e Cóntocho, que persegue o obxectivo de rescatar o patrimonio inmaterial dunha bisbarra, a través do diálogo interxeracional e empregando as tecnoloxías móbiles.
Outra parte do alumnado realizou estudios de caso sobre as estratexias de financiamento de diversos proxectos e entidades, como son o Marco de Vigo, Festival de Cans, Museo do Pobo Galego e tamén unha comparativa entre o financiamento en espazos auto xestionados en Galicia e noutras experiencias foráneas.
Ao día seguinte desprazámonos ao Centro Sociocultural de Vite, onde nos acompañaron María Garrido, directora de marketing de Bodegas Martín Códax; José Luis Maestro, director de competitividade na Axencia de Turismo de Galicia; e Teresa Otero, animadora sociocultural no CSC de Vite.
Durante a primeira hora, celebramos unha mesa redonda onde coñecemos as liñas de traballo das persoas convidadas e debatemos sobre os principais criterios á hora de tomar a decisión de apoiar un proxecto.
Xa para finalizar, realizamos unha serie de simulacións de entrevistas con María, José Luis e Teresa como responsables de potenciais entidades colaboradoras, nas cales tres dos equipos tiñan que presentar o seu proxecto e intentar pechar unha proposta de colaboración.
O exercicio permitiunos traballar sobre moitos aspectos deste tipo de entrevistas, así como contrastar posteriormente coas persoas convidadas como vían os proxectos que está a desenvolver o alumnado. O equipo de Terra Loba apostou por unha presentación con pantalla ante José Luis Maestro, Moe o Son e En-vite desenvolveron un formato de entrevista de despacho ante María Garrido e Teresa Otero, respectivamente.
Con todo este retorno, os equipos deberán agora afinar os seus proxectos e deseñar unha estratexia de marketing e comunicación para o seu lanzamento. Seguimos!
* Parte das fotografías (as boas) foron realizadas polo compañeiro Raúl Marín ;)
Trackbacks & Pingbacks
[…] unha primeira proposta ante docentes e expert*s en activo, durante este 2015 definiron unha estratexia de financiamento para facelos viables, contrastaron a súa viabilidade e presentaron agora os plans de comunicación […]
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!