Sesión final do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural 2014-15
O CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) acolleu a última sesión desta primeira edición do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural na USC, na cal o alumnado presentou e contrastou os proxectos e estudos de caso nos que estiveron a traballar durante os últimos meses.
Unha parte importante da experiencia do Curso baséase en “aprender facendo” e na colaboración en equipo. Seguindo esta premisa, dende o comezo das aulas unha parte do alumnado estivo a deseñar varios proxectos dende cero, co apoio dos titores do Curso. Así, despois de defender en decembro unha primeira proposta ante docentes e expert*s en activo, durante este 2015 definiron unha estratexia de financiamento para facelos viables, contrastaron a súa viabilidade e presentaron agora os plans de comunicación e lanzamento.
Os proxectos que se deseñaron foron: Moe o Son, intervención cultural en muíños rehabilitados de Porto do Son; En-vite un proxecto audiovisual e sociocultural de posta en valor da historia do barrio de Vite, en Santiago de Compostela; Terra Loba, proposta transmedia e de turismo cultural arredor das lendas previas ao Camiño de Santiago; e Cóntocho, que persegue o obxectivo de rescatar o patrimonio inmaterial dunha bisbarra, a través do diálogo interxeracional e empregando as tecnoloxías móbiles. No tramo final incorporouse tamén un proxecto de recuperación dunha sala autoxestionada en Santiago de Compostela, #euvoltoáYago e un proxecto gráfico cultural, o Galeguipsum.
Outra parte do alumnado realizou estudios de caso sobre as estratexias de comunicación de diversos proxectos e entidades, como son o Marco de Vigo, Festival de Cans, Museo do Pobo Galego e as Festas do Barrio de San Pedro (Compostela).
Posteriormente, compartimos reflexións sobre o traballo no sector cultural en Galicia nunha conversa aberta na que nos acompañaron Clara Rodríguez de 7H Cooperativa Cultural, Quique Costas e Fran P. Lorenzo.
E xa para rematar, dixemos adeus definitivamente a esta primeira edición do Curso indo tod*s de xantar (e festa) de despedida!! ;)
* A foto de cabeceira é de Xela Rodríguez de 7Hcoop e a do corpo do post do compañeiro Raúl Marín.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!