Curso de Perfeccionamento en Financiamento Cultural: Inscrición Aberta – Prazas Limitadas

 

Ata o vindeiro 8 de xaneiro de 2015 permanecerá aberto o prazo para solicitar praza e matricularte no Curso de Perfeccionamento en Financiamento Cultural da Universidade de Santiago de Compostela, cunha duración de 50 horas e que se desenvolverá do 09 de xaneiro de 2015 ao 07 de marzo de 2015. As prazas son limitadas.

 

Neste Curso teremos acceso aos fundamentos da Economía da Cultura, ao tempo que estudamos as distintas canles de financiamento dun proxecto cultural e as técnicas para a captación de fondos. O enfoque será eminentemente práctico, impartido por expertos universitarios e profesionais en activo e coñeceremos as novas canles e ferramentas para viabilizar os nosos proxectos culturais.

Os contidos están dirixidos a profesionais do sector cultural (traballadores de empresas e industrias culturais, técnicos de cultura das administracións, responsables asociativos, xerentes de eventos, autónomos, etc.) que queiran actualizar os seus coñecementos, así como a traballadores ou emprendedores doutros sectores que desexen formarse na xestión integral de proxectos.

Tamén poderán ser admitidos os licenciados e graduados universitarios, alumnado de últimos cursos e en xeral aquelas persoas con interese no mundo da cultura.

Non se precisa titulación universitaria previa para o acceso ao curso.

 

Información do Curso

Programa

  • 09-Xan-15 Masterclass. Marco Teórico da Xestión Cultural. Introdución á Economía da Cultura.
  • 16-Xan-15 Marco Teórico da Xestión Cultural. Novos horizontes no financiamento da cultura.
  • 23-Xan-15 Financiamento privado (I). Elaboración dossier e negociación Patrocinio e Mecenado.
  • 30-Xan-15 Financiamento privado (II). Vías de Ingresos dos Públicos da Cultura: Taquillas, merchandising, etc
  • 30-Xan-15 Financiamento privado (III). Deseño de Plans de Financiamento Colectivo (crowdfunding).
  • 06-feb-15 Financiamento privado (IV). Dereitos e produtos culturais.
  • 13-feb-15 Financiamento privado (IV). Cooperación empresarial intersectorial e novas vías de financiamento.
  • 20-feb-15 Financiamento institucional de proximidade: as administracións públicas
  • 27-feb-15 Financiamento institucional exterior: Fondos UE e cooperación cultural internacional
  • 06-mar-15 Presentación (Pitching) e debate sobre os proxectos do alumnado
  • 07-mar-15 (Sábado) Visita guiada a espazo cultural, mesa redonda e presentación (elevator pitch) ante profesionais expertos

Modalidade

Semipresencial:

  • Na aula (80%): clases e traballo en grupo.
  • Traballo persoal (20%): Desenvolvemento do proxecto final, con apoio telemático dos titores.

Emprazamento

Facultade de CC. Económicas e Empresariais, USC – Campus de Santiago de Compostela.

Horario

As aulas presenciais celebraranse todos os venres lectivos, de 16:30 a 20:30 horas.

A última sesión do módulo (07-mar-2015) celébrase en sábado, de 10:30 a 14:30 horas.

Idioma

Galego e Castelán.

Avaliación

A avaliación realizarase a través da formulación por parte do alumnado dun Plan de Financiamento ou Dossier de Patrocinio.

Este proxecto desenvolverase seguindo a secuencia temática das aulas, contando ademáis coa titorización dos coordinadores do Curso e co apoio dos expertos e profesionais convidados.

A sesión de avaliación final realízase no marco dunha visita a un espazo cultural, onde se realizará unha breve presentación ante profesionais expertos en activo.

 

Equipo promotor

Isabel Neira

Isabel Neira

Directora Académica USC

Doutora en Ciencias Económicas e Profesora Titular de Economía Aplicada (Econometría) na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Investigadora en capital humano, capital social e emprendemento.

Actualmente é presidenta de AEDE (Asociación da Economía da Educación), membro do Consello Galego de Estadística, directora do equipo de investigación GEM-USC e directora do Curso de Experto en Coaching na USC.

Actúa tamén como asesora da ANECA (Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación) para a avaliación das TIC nas Universidades españolas e da ACSUG (Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia).

Marcos Lorenzo

Marcos Lorenzo

Contidos do Curso e Titorías

Economista e antropólogo, realizou estudos complementarios en xestión cultural, urbanismo e cooperación internacional.

Na actualidade é consultor independente e asesor da Cidade da Cultura de Galicia, onde recentemente dirixiu o I Encontro Internacional de Economía e Cultura, así como, entre outras actividades, o ciclo de cultura contemporánea NEXOS. Ao longo da súa traxectoria profesional foi responsable da política cultural do Concello de Ferrol, director da empresa de xestión cultural e-Burbulla S.A., xerente da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia, coordinador de proxectos europeos na Fundación Galicia Emigración e fundador da empresa social Cidadania S. Coop. Galega.

Autor de diversas investigacións e ensaios, imparte docencia en materias relacionadas coa xestión de proxectos, a creatividade e o desenvolvemento territorial.

Sergio Lago

Sergio Lago

Contidos do Curso e Titorías

Formado en Gráfica Publicitaria, dende 2003 ven participando na creación e dirección de proxectos no ámbito cultural galego. Ten traballado tamén en iniciativas do eido TIC, especialmente na implantación de estratexias dixitais, na creación e deseño de contidos web e no lanzamento de iniciativas de comercio electrónico.

En 2011 foi escollido como director de Culturgal, a Feira Galega das Industrias Culturais, desenvolvendo xunto ao equipo de nócomún e ata maio de 2013, o proceso de reformulación estratéxica do modelo de feira, así como a organización integral do evento anual.

Actualmente colabora en diversos proxectos, entre eles a coordinación técnica e xestión de contidos na Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.

Profesionais e expert*s convidad*s

Pau Rausell

Pau Rausell

Profesor da Universidade de Valencia. Experto en Economía da Cultura.

Profesor titular do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Valencia, onde dirixe “Área de Investigación en Economía Aplicada á Cultura” (ECONCULT). É un dos maiores expertos de España en economía da cultura.

Participa como investigador principal en numerosos proxectos europeos e iberoamericanos, onde é requirido como relator de numerosos cursos, seminarios e conferencias. Colabora asiduamente en prensa escrita (El País) e radio (Cadena Ser, programa La Ventana).

Fuco Sanjiao

Fuco Sanjiao

Profesor da USC. Experto en Economía da Cultura.

Doutor en Dereito e profesor titular do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.

Patrón numerario do Padroado do Museo do Pobo Galego, da que actualmente é secretario da Xunta Reitora.

Os seus campos de investigación principais son a Economía da Cultura e Xestión Cultural, con especial atención a Museos, Teatro e Lingua, Análise Económica do Dereito e Elección Pública.

Beatriz Fontán

Beatriz Fontán

Experta en marketing e patrocinio cultural.

Máster en Dirección Comercial e Marketing e Máster en Producción e Xestión Audiovisual. Educadora infantil. Especializada en marketing cultural.

Desenvolve a súa carreira nas áreas de comunicación, produción, xestión e mercadotecnia. Entre outras compañías ten traballado no Grupo Prisa, El Mundo e as produtoras galegas Filmax, Ficción Producións, Milú Films e Continental Producións, coordinando tamén o Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela “Curtocircuito”. Durante os últimos anos colaborou estreitamente coa banda galega “Berrogüetto” asumindo as tarefas de management e contratación de xiras a nivel nacional e internacional.

Actualmente desenvolve temas de estratexia e comunicación efectiva para profesionais independentes e PEMES como consultora asociada de iuni consulting.

Julio Gómez

Julio Gómez

Co-director en Sinsalaudio. Presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.

Historiador e investigador sonoro. Iniciou a relación coa música a finais dos oitenta como crítico nos medios de comunicación Faro de Vigo e Radio 4 de Radio Nacional de España. En 1994, comenza a exercer a súa actividade de programador musical e no ano 2000 funda a promotora Sinsalaudio.

No ano 2003, bota andar a primeira edición do Festival Sinsal onde se presentan propostas musicais, de diversos estilos, inéditas en Galicia. Un festival estacional, itinerante e con localizacións en varios espazos como a extensión de Sinsal San Simón.

Ademáis, participa desde o 2005 no proxecto de paisaxe sonora escoitar.org e colabora coa web mediateletipos.net. Na actualidade, é presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.

Marcos López

Marcos López

Responsable da Área Audiovisual de OQO editora, OQO filmes.

Membro da Xunta Directiva da Asociación Galega de Produtores Independientes (AGAPI), é Graduado Social pola Universidade de Santiago de Compostela.

Actualmente traballa como Produtor Executivo da serie de animación en Stop Motion Cocorico coproducida por Televisión de Galicia, ademais de coordinar os programas culturais de alfabetización audiovisual e animación á lectura de OQO para numerosas entidades.

No eido internacional programou e coordinou as actividades de OQO editora/OQO filmes no Brasil (Brasilia, São Paulo e Rio de Janeiro) e en México (México DF e Guadalajara).

No eido docente, é colaborador do curso de Posgrao Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo e participou en numerosos foros internacionais.

Roberto Gómez de la Iglesia

Roberto Gómez de la Iglesia

Consultor experto en cultura e innovación. Director de c2+i e de Conexiones improbables.

Economista e consultor, foi durante 25 anos conselleiro delegado do grupo Xabide, unha das empresas pioneiras na península ibérica en xestión cultural.

Especialista na colaboración entre os mundos da cultura e da empresa, foi coordinador do proxecto Disonancias, e agora da iniciativa Conexiones Improbables, a través da súa nova empresa c2+i (culture + communication + innovation).

Profesor de formación de posgrao en xestión cultural na Universidade Complutense de Madrid, e nas universidades de Deusto e de Córdoba (Arxentina). Publicou media ducia de libros sobre economía, cultura e comunicación.

Paulo Rodríguez

Paulo Rodríguez

Director Teatro Rosalía, vicepresidente AGPXC e presidente de RED (Rede Española de Teatros).

Licenciado en Filoloxía Hispánica e Dea en Galego-Portugués e Estudos Románicos. Ampliou a súa formación como especialista en Teatro na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo da Universidade do Porto (Portugal) e en Xestión Cultural na Universitat Oberta de Barcelona.

No ámbito da xestión ocupou o cargo de técnico de cultura na UDC e foi director e coordinador da Aula de Teatro do Campus de Lugo da USC. Desde decembro de 2006 ata maio de 2011 ocupou o cargo de Director-Xerente do Auditorio de Galicia, organismo autónomo local que ten encomendada a xestión da Área de Cultura do Concello de Santiago de Compostela e integra o Consello Municipal de Cultura como secretario e o Consello Municipal de Turismo. En maio do 2011 tomou posesión da praza de Director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Na actualidade, ademais dos seus cargos en RED e a AGPXC, tamén forma parte do Consejo Estatal de las Artes Escénicas y de La Música, do Comité Ejecutivo de Mercartes, da Comisión Artística da Rede Galega de Teatros e Auditorios (AGADIC) e coordina a Comisión de Ballet, Danza y artes del Movimiento de La Red Española de Teatros Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública.

Fundou a súa propia compañía de teatro e traballou con varias compañías profesionais de teatro, como actor e director.

Susana Marques

Susana Marques

Setepés

Licenciada en Xestión do Patrimonio Cultural polo Instituto Politécnico do Porto e Máster en Xestión de Servizos pola Universidade Católica Portuguesa.

É fundadora e directora da empresa de consultaría e xestión cultural Setepés desde hai 15 anos. Consultora da Unión Europea e membro de “A Soul for Europe EEIG”, así como profesora convidada na Escola Superior Artística do Porto. Experta en estratexia e desenvolvemento das industrias creativas e en cooperación intersectorial.

(*)

Debido á extensión do curso, a nómina de docentes poderá verse modificada. Ditas modificacións non alterarán en ningún caso a súa excelencia curricular.

Ao finalizar a túa formación contarás coas ferramentas precisas para deseñar, planificar e coordinar proxectos culturais dun xeito integral.

 

1 reply

Trackbacks & Pingbacks

  1. […] Aínda que estamos xa inmersos no último trimestre, facemos unha pausa para recuperar a experiencia do recente peche do segundo módulo do Curso, o dedicado ao financiamento cultural. […]

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará


*