Manuel Gago e a divulgación cultural na rede

A última aula do Curso foi conducida por Manuel Gago, profesor de xornalismo na USC, director de culturagalega.gal (o portal divulgativo do Consello da Cultura Galega), fundador de patrimoniogalego.net e autor do blog decano da rede en Galicia: Capítulo Cero, con información sobre arqueoloxía, gastronomía ou viaxes.

Gago dividiu a súa exposición en dúas partes ben diferenciadas: unha primeira dedicada a analizar a divulgación cultural en Galicia, e unha segunda arredor da función e significación do patrimonio (os castros) na actualidade.

Para Manuel Gago a xestión cultural é un oficio en constante reinvención, e que por tanto precisa da I+D e require dunha actualización permanente. Para ilustrar ese proceso de renovación, serviuse da historia do portal web culturagalega.gal. Os diferentes deseños de culturagalega.gal ao longo do tempo pódense consultar na web archive.org, que preserva a memoria da rede.

Pois ben, nun principio culturagalega.gal (por entón “.org”) estaba ateigado de contidos, mostrando todo o material do que dispuñan da redacción. Dando os primeiros pasos, observaron con sorpresa como as visitas se incrementaban notablemente ás 03:00 AM. Tempo despois repararon en que se trataban de visitas desde Arxentina, podendo comprobar a vizosidade e o carácter global da comunidade galega. Paréntese: a día de hoxe, con ferramentas máis precisas para identificar a orixe das visitas, pódese constatar como *s principais usuari*s da páxina atópanse en (por esta orde): A Coruña, Santiago, Madrid, Vigo, Londres, Pontevedra, Barcelona, Lugo e Ourense.

Pasado algún tempo decatáronse de que debían pasar de ser xornalistas a expertos en documentación, poñendo a disposición da xente os seus fondos dunha maneira sinxela e atractiva. O último dos cambios no deseño da web foi provocado pola confirmación de que lograran pouco engagement (non se interactuaba nin se xeraban debates nin retuiteos). Preguntáronse por entón se non estarían a producir demasiada información, indixerible pola audiencia.

Desde hai poucas semanas dispoñen dun novo deseño onde tratan un tema semanal e as noticias se reducen (menos e de menor extensión), nun afán de posicionarse con maior intensidade nas redes sociais.

Ligado a isto, Manuel Gago explicounos que cada vez menos persoas acuden aos medios directamente, e cada vez máis buscan un contido concreto a través de facebook ou twitter. Así mesmo, está caendo a audiencia dos medios de comunicación en papel, pero tamén nas súas versións dixitais. En canto á presencia da cultura nos medios galegos, 3/4 das noticias refírense a contidos non galegos, e na meirande parte deles a sección de cultura estase a diluír en seccións máis amplas (entretemento, xente, tendencias…). En xeral os medios galegos resisten polo seu vínculo territorial, polo cal as redaccións de “local” dificilmente se achicarán.

E rematou Manuel a primeira parte cuestionándose se existe un público da cultura per se. Ao seu xuízo, máis ben hai áreas específicas de interese (literatura, ciencia, arte contemporánea, música, audiovisual…) que son moi pouco porosas entre si.

Na segunda parte, Gago falounos do seu traballo na ciencia arqueolóxica, máis en concreto arredor dos castros e de como estes se foron significando popularmente ao longo dos séculos. Do seu punto de vista, os castros deberan ser considerados como un equipamento público máis, cun papel na vertebración da comunidade local e da súa memoria colectiva, alén da súa mera utilidade turística. O tramo final da clase dedicouna a mostrar algúns exemplos de dinamización comunitaria a través da recuperación de castros, como nos casos da Torre dos Mouros (Lira), Castro de Mallou (Carnota) e Croas de Niñóns (Ponteceso).

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*