Programación e mediación cultural: cinema e música. Con Ángel Sánchez e Vítor Belho
Por Paulo Bouzas
Na aula do 24 de Xaneiro tivemos a primeira parte das sesións destinadas a programación e mediación cultural, e comezamos con audiovisual e música. Para isto contamos con Ángel Sánchez, co-director do festival de cinema documental Play-doc de Tui, e con Vítor Belho, produtor e fundador de Nordesía.
A primeira quenda foi para Ángel Sánchez, que despois dun repaso pola súa experiencia persoal e profesional comezou a súa exposición recalcando a importancia da autenticidade nos proxectos culturais, de facer as cousas dun xeito persoal, deixando a nosa pegada e fuxindo de imitar o feito anteriormente.
O Play-doc ten a súa primeira edición en 2004, despois duns anos 90 nos que o cinema independente e o documental de autor comezan a ter percorrido nos festivais, e coa redefinición do Sundance Film Festival como fito deste tipo de cinema e de descuberta de novas creadoras. Ademais, coincidiu co ano no que Michael Moore gañou en Cannes cun documental, cousa que aínda non pasara no mundo dos festivais.
Outros feitos de importancia na creación e distribución audiovisual do momento foron a creación de Arte TV en Francia no 1991, que apostou polo apoio á creación e ás culturas emerxentes en Europa, ou, no caso galego, de figuras como Margarita Ledo dentro da produción audiovisual de documentais. Tempos nos que a propia definición de documental de autor ou cinema documental resultaba difícil. E como adoita ser nestes casos, téndese a partir da definición dende a negación: sabían que non eran documentais de animais, nin reportaxes televisivos. Non pretendían facer biopics nin eran propostas de divulgación científica. Era cinema en estado puro.
Aínda que foron tempos de cambio, o certo é que non existían plataformas onde intercambiar e partillar documentais independentes. E por este e outros factores nace a asociación sen ánimo de lucro que lanzará a primeira edición do Play-doc en 2004. Comezos e actualidade que Ángel define como de “pratos chineses”, nun continuo traballo de equilibristas con moita fraxilidade, dende a trincheira e radicalmente independente.
Así que nun contexto de cambio, pero no que aínda quedaba e queda moita caspa, alfombra vermella, photocall e reparto de premios en grandes cidades con moitas luces de neon, xorde a idea romántica de facer un festival de cinema documental nunha pequena vila do sur da Galiza. E isto parecía unha tolemia, por diferentes motivos. Na balanza semellaba haber máis cousas negativas que positivas, entre as que destacaban dirixirse a un público pequeno e descoñecedor deste tipo de audiovisual, a escasa posibilidade de atopar vías de financiamento ou a falta de contacto cos medios de comunicación nunha época na que aínda non existían as redes sociais.
Pero tamén existían factores positivos como o feito de que ao ser un festival pequeno, en comparación cos existentes, podían permitirse ter unha liña editorial máis clara en contraposición á incoherencia discursiva na programación dos grandes festivais con centos de títulos. Ademais nos festivais grandes, ao rematar as proxeccións, o público disólvese e non hai espazo para o debate ou para o contacto, cousa que si se pode conseguir en festivais pequenos ao aumentar a sensación de estar vendo cinema na casa, en comunidade. Ademais é un factor positivo o propio contexto territorial do festival, cunha gran capacidade de sedución para realizadoras que se poidan sentir atraídas por espazos así. E no 2003 o Concello de Tui, de onde é Ángel, inaugura un gran auditorio con 500 butacas, sen existir programación nin ter idea de como encher este espazo de contido, coa proxección en directo da voda de Felipe e Letizía.
E así comeza o reto de entender o contexto e o espazo, e a importancia de dimensionar correctamente o festival. Dende o tamaño, a estrutura, os obxectivos e a esencia mesma do proxecto. Un festival destinado a persoas non cinéfilas; e neste sentido apóstase, por exemplo, pola realización de actividades paralelas, que non son exactamente de cine, e atraer así a artistas doutras disciplinas, ou mesturando as propias historias dos documentais coa visita ou actuación en directo (no caso de docus sobre artistas) das protagonistas. Entendendo que o principal obxectivo do festival é que se mire este tipo de cinema procúrase fuxir das alfombras vermellas, dos photocalls ou da obsesión doutros festivais por contar con estreas.
Con respecto á programación, o primeiro dilema é pensar en programar para o público ou en programar o que realmente queres, asunto que tamén foi central no discurso posterior de Vítor Belho. Neste sentido o criterio foi o de atopar un equilibrio partindo da idea base de non subestimar ao público e de buscar unha labor pedagóxica educando a mirada e dirixíndose a unha audiencia non necesariamente especializada dende o respecto. Apostaron dende o principio por un reducido número de títulos, entre 40 e 50 dunhas 800 propostas que chegan por ano mediante unha pre-inscrición gratuíta. Ademais fan traballo de investigación en filmotecas, outros festivais, programan pensando en efemérides ou buscan algún tipo de escusa temática para darlle sentido á programación que reparten en diferentes seccións como Cinéma direct, Wrong Revolution ou diferentes retrospectivas, entre outras.
Neste sentido foron evolucionando e transformando a programación cara unha aposta cada vez máis arriscada a medida que ía evolucionando a mirada do público e achegándose ao obxectivo de xerar unha marca propia con identidade. Puxo como exemplos de festivais de referencia na Galiza que conseguiron esta consolidación con máis ou menos problemas, como Festival de Cans, o Curtocircuíto e o S8 da Coruña.
Para levar adiante todo este traballo contan con un equipo humano moi reducido que consta de dúas persoas durante todo o ano e que vai aumentando a medida que se achega a data do festival con persoal de produción, prensa, administración, persoal técnico, comités de selección de filmes… e procurando responsabilidades multitarefa optimizando así os recursos humanos cos que contan.
A evolución do festival en cifras
Para financiar todo isto pasaron dunha primeira edición en 2004 con pouco mais de 3.000 € de orzamento a unha media de 60.000 nos últimos anos. Este orzamento finánciase nun 50% con fondos públicos de diferentes administracións, 25% con patrocinios ou colaboracións privadas e outro 25% con recursos propios como a venda de entradas ou merchandising. Ademais chegan a acordos con embaixadas de países estranxeiros ou con outros festivais de cine, procuran potenciar o intercambio de recursos con outros eventos e a optimizacións dos propios. A maioría deste orzamento destínase a gastos de loxística, transportes, subtitulados, equipos que teñen que alugar, contratación de persoal e asesoría xurídica.
Con respecto á asistencia de público no primeiro ano chegaron a ter unhas 1.500 asistentes, que en parte conseguiron cunha estratexia publicitaria baseada en achegarse a eventos cinematográficos, libreta en man, e anotar correos electrónicos das persoas asistentes, xerando así unha base de datos con mais de 400 contactos aos que foron informando da programación do festival. Actualmente contan cunha asistencia media de 16.000 persoas.
En xeral o Play-doc conseguiu converterse nun dos referentes no que a festivais de documentais se refire ao longo do Estado, cunha aposta arriscada, romántica e valente que é moi de agradecer. Un exemplo de como facer as cousas tanto dende o punto de vista da profesionalidade como dende a utilidade social e artística e a naturalidade e paixón depositadas.
Vítor Belho e a programación cultural como ferramenta transformadora
Despois da presentación inicial, Vítor fálanos de que comezou no mundo da música acompañando a artistas en diferentes tarefas e que, despois de ser consciente de que as súas habilidades musicais non permitían outra maneira de achegarse aos escenarios, comeza a súa experiencia de programación cultural na Casa das Crechas, e no activismo cultural.
Neste sentido, Vítor entende a música como ferramenta para este activismo despois de participar de actividades políticas nun inicio que pouco a pouco foron perdendo peso, mais alá das conviccións persoais de cada un. Entende a importancia da diversidade cultural como ferramenta de loita anti-imperialista.
Da Casa das Crechas e da asociación de comerciantes da zona vella de Santiago nace o festival Cidade Vella como mostra de artistas noveis. Cunha dupla dimensión de procurar a consolidación do talento local mesturado coa mostra de apostas internacionais.
Despois da desaparición de Cidade Vella en 1995 nace, de mans de Vítor e de Paco de Pin, a produtora Nordesía. Nome inspirado polo concepto poético de Manuel Antonio que fai referencia aos ventos frescos do norte, entendendo este concepto cunha clara intencionalidade innovadora e de facer as cousas de maneira diferente a como se viñan facendo.
Teñen diferentes campos de traballo e obxectivos. Unha das súas tarefas mais importantes é a de management de artistas da Galiza mirando cara o resto do mundo e, por outra banda, atraer talento doutras partes do mundo a Galiza. Un dos seus principios fundamentais é o de poñer as persoas no centro á hora de pensar na programación, mirando cara o público potencial e xerando con este unha relación de confianza.
Un dos proxectos do que nos falou foi Sons da diversidade como ciclo de música pensado, unha vez máis, no intercambio cultural. Conseguiron un grande éxito de público, cunha media de 750 asistentes por concerto no Auditorio de Galicia, xerando unha fidelidade nas asistentes e unha boa relación de feedback. En cada concerto, como introdución, soaba unha voz en off que cumpría a dobre función de presentar á artista e de poñer o foco na diversidade.
Falou brevemente de Cantos na Maré como proxecto en pleno proceso de cambio e buscando un maior asentamento da programación sostida ao longo do ano. De cara ao Xacobeo 2010 realizaron a Festa dos Mundos, unha vez máis, e como con todos os anteriores proxectos, pensando na diversidade e no intercambio cultural. Neste caso conseguiron o maior éxito de público nun evento musical até o momento na Galiza, con ó redor de 120.000 asistentes nun concerto en Oleiros en 2004.
Falounos do Festival dos Abrazos facendo fincapé na importancia que tivo nel a relación entre arte e espazo, contexto e contedor, penetrando coa arte en espazos que teñen un gran valor patrimonial pero que non foran usados até ese momento con este obxectivo.
Falou tamén do Mercado Atlántico de Creación Contemporánea como evento centrado na creación e na innovación e do Womex como a gran feira de músicas do mundo.
Despois de presentarnos estes proxectos entrou a analizar o traballo na cultura tal e como el o entende. Con respecto á programación cultural, existe a dúbida de se a programación debe enfocarse a responder á demanda como “á carta”, ou se pola contra, debe ser responsabilidade da programadora funcionar como axitadoras para xerar algo a nivel de intervención social, discurso ideolóxico ou transformación do territorio. Neste sentido Vítor ten clara esta responsabilidade e cre na programación musical como ferramenta para estar no mundo, e polo tanto axitadora. A mediación cultural entendida como detonante.
Vítor ofreceunos a súa particular definición da programación: “Programar é comprometerse coa transformación do teu entorno, activar conciencia crítica e dar solución ás necesidades mediante a conceptualización, a elaboración dun relato, a selección de contidos, a selección dun lugar para o encontro, a identificación, comunicación e diálogo cos públicos potenciais, o deseño do ritual e a facilitación do encontro para alcanzar o éxtase.”
Súmalle a isto diferentes motivacións máis alá das vinculadas á intervención social e ao territorio como son o feito de xerar discurso, a diversión, a sensación de poder ou simplemente gañar diñeiro. Entende que a construción de contextos, especialmente na Galiza entendida como periferia, e activar outros mecanismos como animar á creación de contedores que permitan a democratización do talento, facilitan a circulación do mesmo. Neste sentido fai especial fincapé na importancia dos espazos.
Con respecto á programación dálle moita importancia á ollada e experiencia da profesional, aínda que sempre baseándose nunha análise metodolóxica para detectar as carencias e necesidades existentes, ademais das oportunidades que se nos abren. Fai unha análise crítica da xestión que se ten actualmente dende os concellos á hora de deseñar propostas musicais ou culturais no contexto das festas populares e bota de menos a figura de profesionais da cultura que se encarguen do deseño deste tipo de eventos.
En resumo, a visión de Vítor é a da música como ferramenta de transformación social e xeradora de discursos e cambios, da diversidade como freo ao imperialismo e da importancia do contexto para a circulación do talento. Todo insto sustentado pola especialización e profesionalidade na cultura.