Equipamentos de proximidade: centros socioculturais e cívicos

Por Sylvia Cives

Na sesión de hoxe, Yovana Quintana -durante moito tempo responsable do Centro Sociocultural de Vite guíanos por este espazo e amósanos tódolos equipamentos e as actividades que teñen lugar. O centro ten un salón de actos amplo, no que se realizan actividades como pilates, a coral tamén se reúne aquí, fan eventos, etc. A primeira planta conta con varias aulas polivalentes, coa biblioteca e tamén coa aula de informática. Non todas estas aulas dependen directamente da xestión do centro senón que están afectados á outras entidades privadas mediante licitación, como pode ser a biblioteca ou a aula de informática. As actividades realizadas e xestionadas polo propio centro, como poden ser pilates, son sen ánimo de lucro e abertas a calquera membro da veciñanza.

Yovana introdúcenos no contexto social que levou á creación deste centro social nos anos 70. O barrio de Vite foi o primeiro polígono de vivendas creado en España, en 1970. As autoridades levaron a cabo esta intervención co obxectivo de “limpar” os arredores da catedral, debido ao auxe turístico, levando a cabo expropiacións e reubicando á veciñanza neste barrio en vivendas de protección social. Este feito ademais uníose á situación social que se vivía en toda España nese momento, coa desindustrialización de certos sectores moi potentes, a maior tasa de paro da historia do país, así como a aparición da pandemia das drogas, que se viviu intensamente neste barrio.

A todo esto sumábase que o polígono estaba rodeado de zonas verdes, mais sen ningún tipo de servizos, como un centro médico, unha escola, etc. A veciñanza mobilizouse e creou unha asociación de barrio, hoxe Coordinadora de Barrio. Grazas a este asociacionismo e á presión veciñal construise no ano 1991 a escola, os polideportivos e o espazo sociocultural que hoxe visitamos. O centro sociocultural foi construido polos propios traballadores do Concello, pois a xestión era algo diferente nesa altura e pertencía directamente ao Concello.

Isto todo quedou reflectido no proxecto Vite Arquiva – Futureando en común desde 1987, que se pode consultar en liña. Outra referencia moi interesante para ler tamén é a monografía de Joel Gómez Vite de Compostela, promovida polo INCIPIT, que se pode atopar aquí.

Actualmente Vite é un barrio accesible, bonito, limpo, con zonas verdes, e ao carón do campus norte e isto é o que quere resaltar Yovana. Debemos coñecer o pasado pero sobre todo valorizar o presente do barrio e a súa función actual. Para dinamizar o barrio, cunha poboación bastante envellecida, a mocidade do barrio levou a cabo unha intervención moi ben recibida pola veciñanza. Algunhas veciñas tamén participaron no vídeo proposto e realizado por Lúa Gándara, co título V de Vite e que vos aconsello ver.

Unha vez creado o primeiro CSC, o de Vite, fóronse creando o resto de centros pertencentes á rede, cun total de 45 no Concello de Santiago. Isto representa a nivel burocrático e de xestión un auténtico monstro complicado ás veces de xerir. A xestión dos centros é municipal, máis está parte externalizada.

As actividades están licitadas en 4 pregos:

  • Animación
  • Bibliotecas
  • Porterías
  • Aulas de informática

A xestión de todas estas actividades conleva un grande orzamento. Para dármonos conta do que implica xestionar a cantidade de actividades en tódolos centros, unhas 140, pódese consultar en liña o PDF  do programa de actividades de tódolos centros e asociacións municipais.

Respecto á participación e ao tipo de usuarios habituais dos CSC, Yovana partíllanos unha reflexión: a miaioría dos usuarios actuais son cativos e maiores, por unha cuestión de horarios e dispoñibilidade do tempo de lecer. Mais moi ao seu pesar non conseguen que a mocidade acoda ao centro como un lugar de encontro. A partir dos 12 anos perden a maioría deses usuarios que viñan acudindo desde cativos. Isto é unha cuestión que se está a intentar resolver e traballar en proxectos que poidan resultar máis atractivos para esta franxa de idade. Esperemos que nun futuro próximo a mocidase volte ao centro social como lugar de encontro e de desenvolvemento de actividades.

Certo é que hai casos excepcionais no referido á mocidade e á súa implicación nos centros, como é o caso do CSC de Conxo. Isto débese á propia idiosincrasia do barrrio, onde tódalas franxas de idade están moi vencellados ao centro e son moi participativos, especialmente en datas sinaladas coma o Antroido, ou o banquete de Conxo, festividades con forte arraigo no barrio.

Isto lévanos tamén á outra reflexión conxunta. Debe haber unhas liñas comúns para tódolos centros, pero é certo que o funcionamento de cada un está ligado ao propio barrio con cadansúas características.

A organización interna dos centros socioculturais

Algo que tamén é complicado de reflectir a nivel burocrático no Concello e que se poida entender as necesidades de cada un deles.

A xerarquía burocrática habitual para que un proxecto sexa aceptado é:

  1. Primeiro paso: a(s) animadora(s) do centro fan unha proposta, por exemplo “O museo máis pequeño da cidade” que se levou a cabo no CSC de Vite.
  2. Segundo paso: os técnicos especialistas en Xestión cultural deben aproba-lo proxecto. . Moitas veces os proexectos saen adiante pero acabánse topando co muro ddo orzamento dispoble.
  3. Xefe (concello), responsable de aprobar a proposta e o orzamento.

Tódolos centros funcionan do mesmo xeito, malia teren diferentes necesidades e niveis distintos de implicación por parte da veciñanza. Outro punto importante na xestión dos centros é o das contratacións.

Tódolos centros deben ter un animador sociocultural. Alén diso, tamén existirá un coordinador e un equipo de técnicos, estes xa pertencentes ao Concello.

Para a xestión cotiá dun centro, o Concello saca unha licitación para externalizar os servizos. A licitación outórgase por dous anos e é prorrogable outros dous. Os traballadores contratados quedan subrogados á licitación despois de 8 meses. Cada centro ten autonomía na programación, e para iso teñen en conta o feedback dos usuarios e a propia dinámica dos barrios. A coordinadora da rede de centros fai, ás veces, propostas liñais entre todos os centros.

Yovana fai fincapé en que o uso de espazo de centro é para todo o mundo, algo moi importante de trasladar á veciñanza. Pódese solicitar unha sala unhas horas á semana, por exemplo, para unha actividade dunha asociación en particular, máis esta actividade será sen ánimo de lucro.

O  plan comunitario faino a Asociación de veciños de Vite xunto coa coordinadora do centro. É colectivo, non institucional. Por outra banda está Vite Rede, unha xuntanza dos diferentes axentes involucrados como son os servizos sociais, os colexios, asociacións como Cáritas, o Secretariado Xitano, a Coordinadora de Centros, etc. Reúnense para buscar solucións para o barrio, pero non está estandarizado. É importante salientar que o traballo colectivo na animación sociocultural é básico para a mellora de tódolos implicados.

Para os 45 centros hai 8 coordinadores, unha delas é a nosa anfitriona de hoxe, Yovana Quintana, que como xa comentamos leva Vite, Fontiñas, Amio e Almáciga e que recalca a urxencia de estandarizar entre os 8 coordinadores as mesmas liñas de actuación en tódolos centros, especialmente para algunhas áreas.

Yovana fainos ver que o centro cumpre unha función social moi importante. Para a xente maior mais que o feito de facer unha actividade o que buscan é relacionarse, sair da casa, un lugar de encontro. O centro é un punto de referencia, de servizo público a demanda. Yovana recalca os vínculos afectivos que se chegan a establecer cos usuarios habituais, xa que moitos acoden a ela e aos compañeiros para pedir axuda para outro tipo de xestións burocráticas, que se deben facer de forma dixital, nas que se senten perdidos, especialmente os máis maiores.

 

As bibliotecas

Esta parte da sesión estivo facilitada por Mar García, que actualmente é auxiliar de biblioteca na BPM Xosé Neira Vilas de Vigo onde é a experta en Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura, e a responsable do Departamento de Programación e Actividades da biblioteca.

A(s) biblioteca(s) José Saramago está descentralizada e inclúe as bibliotecas de Vite, Conxo, Santa Marta e Fontiñas. A biblioteca José Saramago fundouse grazas a unha doazón de 500.000 pesetas en 1999. A súa decisión de doar a este barrio fíxoo simplemente porque preguntou cal era o barrio máis popular e con máis necesidade nese intre, que era Vite.

A biblioteca grazas a esa doazón inicial foise equipando moi ben co tempo. As actividades lévanse a cabo nas 4 aulas que conforman a biblioteca e son:

  • 9 clubes de lectura, semanal ou quincenal
  • escrita creativa
  • animación á lectura
  • eventos culturais
  • charlas
  • coloquios
  • visitas culturais
  • roteiros guiados sobre escritoras/escritores.

A vida cultural da biblioteca tamén se adapta ás necesidades do barrio, así como xa vimos para os centros socioculturais. Por exemplo, en Vite hai unha actividade específica na biblioteca para a xente maior, xa que o barrio ten unha poboación bastante envellecida. As bibliotecas teñen moito dinamismo e vida, a pesar de que nunha primeira ollada poida parecer que non é así. Ademáis tódalas actividades teñen sempre moi boa acollida. Como reflexión para concluír, o máis importante dos centros socioculturais e bibliotecas dos barrios é a función social que fan, como lugar encontro e referencia para varias xeracións do barrio.

Recomendacións de lectura de Mar García:

  • Os libros e a beleza, Michèle Petit, Ed. Kalandraka
  • Bibliotecas – una historia frágil, Andrew Pettegree & Arthur der Weduwen, Ed. Capitán Swing.
  • Aprender en la biblioteca guía, Labs bibliotecarios.
  • La cultura es mala para ti, Orian Brook & Dave O’Briend & Mark Taylor, Ed. Liburuak

 

 

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*