Algunhas breves notas sobre os equipamentos de proximidade en Compostela

Reflexión dunha alumna do Curso

É un día soleado de primavera, así que sales de casa e camiñas en dirección ao parque máis próximo. Pasas pola Almáciga e séntaste nunha das tres mesas fronte ás hortas comunitarias do barrio. Xa anoitece ás nove, así que hai tempo dabondo para ler. Soa a música. Ao teu lado hai unha clase de salsa no Centro Cívico da Almáciga. Anímaste a pasar, Ola?

Entrar no espazo físico ou navegar pola web para atopar información semella un vía crucis do que se sale escaldado. Salvo a de baile, as salas están baleiras e mentras, a páxina oficial da Rede de Centros Socioculturais de Santiago está tomada pola publicidade. A súa actividade apenas se pode seguir nas redes sociais ou nos taboleiros de cada centro, xa que tan só de luns a xoves e de 10 a 12, – en plena xornada laboral-, alguén se achega a este recuncho do barrio para ofrecer información.

No caso que nos ocupa, é a Asociación de Veciños Francisco Asorey quen se encarga de xestionar este equipamento de proximidade cuxo servizo atendería “en teoría” a un barrio coma outro calquera da cidade, coas súas características e problemáticas concretas. Pero, cun vistazo rápido á programación unha pensa que non responde tanto a Almáciga coma a un lugar indefinido, e que a asociación fai o que pode. Debe unha asociación facerse cargo disto? É competencia das organizacións veciñais xestionar un equipamento público?

A resposta máis honesta é: non sempre. Porque un centro cívico non é só unha sala con mesas e outra con ordenadores. É unha infraestrutura complexa que, ben xestionada, pode converterse nun catalizador de comunidade, de cultura, de democracia. Non basta coa boa vontade. Precísase persoal técnico, recursos continuos, metodoloxías participativas e, sobre todo, visión a longo prazo.

E aquí entra o contraste. Se unha mira cara outro tipo de equipamentos públicos de proximidade como aqueles da Rede de Bibliotecas de Galicia, o escenario cambia. Alí hai planificación estratéxica, ambición cultural, programas de fomento lector, innovación dixital, e sobre todo, unha estrutura sólida que apoia todo iso. Por que o que funciona tan ben nas bibliotecas non pode replicarse, adaptarse, contaxiar aos centros cívicos? Por que uns equipamentos enténdense como servizos culturais de calidade, e outros como meros contenedores de actividades?

O que nos leva a un tema central: a falta de xestión, recursos e fe na potencia deste centros por parte do Concello. Non só se trata de prestar servizos sociais. A súa misión —se se toma en serio— é tamén a de fomentar a transformación social a partir das prácticas artísticas en todas as súas formas. A creación colectiva, o tecido social, a arte que nace da xente e non só do museo. E iso require unha programación que non estea suxeita ás dinámicas do precario ou aos cambios de humor de quen goberne en cada lexislatura.

Un equipamento de proximidade non pode funcionar como unha concesión política nin como un apéndice burocrático. Necesita unha estrutura profesional, independente, con capacidade real de diagnóstico da súa contorna, con equipo técnico propio, dirección recoñecida, recursos asignados e autonomía para desenvolver o seu proxecto. Debe escoitar ao barrio, recoller os seus pulsos e devolver propostas vivas. E iso, por moito que se tente, non pode xestionalo unha única persoa á que se lle encomenden vinte centros á vez, ou seis técnicos para toda a rede de centros. Non é xestión, é abandono.

Quizais, para o caso de Santiago de Compostela, o meollo do asunto estea na distancia entre o que se agarda dos centros cívicos e o que realmente están a ofrecer. Entre a resignación co que hai (tan nosa) e o refuxio noutros espazos autoxestionados ou privados antes ca nos públicos. Non esperamos máis dos centros? Conformámonos con isto?

Anoitece na Almáciga e as veciñas das hortas falan mentres limpan os seus arados despois da xornada. A proximidade non se mide en metros, senón en vínculos.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*