Conectando cultura con educación, benestar e saúde. Con Roser Sanjuan

Por Miguel Rodríguez

“Nuestras experiencias vitales nos definen como profesionales”. Con esta idea, Roser Sanjuan resume os 22 anos de proxectos e iniciativas desenvolvidas polo Centre d’Art La Panera, do que é directora en funcións e responsable de Programas Públicos.

Fundado en 2003, La Panera é unha institución que adica parte dos seus recursos á dirección e promoción de proxectos de co-creación artística en contextos sanitarios, apostando pola mediación cultural, a inclusión social e a colaboración interdisciplinar. A súa programación inclúe intervencións artísticas, actividades educativas e proxectos que conectan a Arte con ámbitos como a educación e a saúde.

Nesta sesión puidemos ver como os proxectos culturais poden ser unha ferramenta de coidado e benestar comunitario, polo que atenderemos algunhas das cuestións sinaladas exemplificadas nos proxectos deste centro artístico.

 

La Panera e a introdución ao contexto asistencial sanitario

Como nace un centro con estas características? No inicio, as súas fundadoras atopáronse cun folio en branco de posibilidades, e decidiron comezar polo ámbito educativo e da formación regrada. Ao desenvolver proxectos e materiais formativos, detectaron unha necesidade específica transmitida pola propia sociedade de forma directa: a atención á diversidade. Ante a escasa oferta institucional, recibiron solicitudes para crear formacións e proxectos que abordasen este ámbito.

A partir destas primeiras experiencias, o centro consolidou un compromiso ético e pedagóxico, promovendo a creación de espazos de coidado e participación a través da Arte. Inspirándose en experiencias internacionais propias vividas no caso francés, detectaron que a cultura e a sanidade están alí máis integradas entre sí, polo que orientaron La Panera cara unha función de descentralización cultural e de acompañamiento social.

Os proxectos debían apoiarse en catro elementos fundamentais: investigación, co-creación, produción e avaliación. Primeiro, era necesario identificar necesidades e problemáticas mediante a escoita activa e o traballo con distintos axentes: persoal sanitario, pacientes, familiares e artistas. Despois, cos destinatarios e participantes definidos, podíase deseñar unha estratexia e unha planificación para acadar os obxectivos, así como definir o equipo de traballo do proxecto. A fase de produción implicaba a execución tanto material como inmaterial dos proxectos, e, finalmente, a avaliación permitía revisar e mellorar os procesos.

Un exemplo pioneiro desta etapa inicial foi “Arte Contemporáneo en el Hospital”, nacido da experiencia da Red de Intercambios entre Programas de Educación Especial de Centros de Arte Contemporáneo da Eurorexión Pirineos-Mediterráneo (2008-2009). O obxectivo foi o de achegar a arte contemporánea a pacientes en hospitais como o Hospital de Santa Maria de Lleida e o Hospital Arnau de Vilanova, a través de obradoiros con artistas como Francesc Ruiz e Javier Peñafiel. Esta primeira etapa marcou un punto de inflexión para La Panera, consolidando a súa vocación de conectar arte e saúde a través da mediación cultural.

 

As redes de colaboración, a interdisciplinariedade e a escoita activa

Unha vez consolidada a súa presenza no ámbito sanitario, Roser destacou un aspecto esencial para o éxito de calquera proxecto: a creación dun equipo de traballo forte e unha rede de colaboración dinámica. Comprenderon que a Arte podía humanizar os espazos sanitarios e complementar a atención clínica, converténdose nunha ferramenta fundamental para o coidado e acompañamento das pacientes.

O enfoque interdisciplinar foi clave. Os equipos debían integrar perfís diversos, onde cada disciplina achegase unha perspectiva propia para acadar un resultado óptimo. Como sinalou Sanjuan: “De buenas voluntades el infierno está lleno. Yo sé de gestión cultural, pero no de otros campos como el de los servicios sociales o el de la salud. Tienes que montar un equipo de colaboradores que tenga sintonía con tus prácticas. Crear un grupo motor que te garantice buenas prácticas desde diferentes disciplinas y que camine hacia un objetivo común”.

A aposta por esta polifonía de voces e eidos profesionais permitiu que os proxectos de La Panera foran punteiros en materia de humanización de contextos e espazos sanitarios, converténdose en ferramentas de mediación, diálogo e transformación social. Un exemplo claro foi o proxecto Radiació+++ (2017-2022), levado a cabo no Servizo de Oncoloxía do Hospital Arnau Vilanova, dirixido polo Dr. Moisés Mira. O proxecto buscaba mellorar o acompañamento dos pacientes e reforzar os coidados desde unha perspectiva complementaria á clínica. Desta forma, apostou por procesos participativos nos que pacientes, familiares, persoal hospitalario, artistas e estudantes de Medicina que fixeron prácticas na institución teceran pontes entre ambos mundos.

 

 

Unha mostra disto foi “Mapear emocionalmente” o espazo hospitalario, documentando a experiencia dos pacientes durante o tratamento para coñecer en que áreas se sentían mellor ou peor, e poder mellorar esta siutación. Outra delas foi “Componer Saberes” en Radiació+++, que destacou por crear un espazo de diálogo entre estes axentes partícipe do espazo hospitalario, favorecendo a transferencia de coñecementos entre o mundo cultural e o sanitario, que derivou na publicación do libro “Compendio colectivo sobre cancer”. Algúns dos artistas participantes nas distintas fases do proxecto foron Lara Costafreda, Josune Urrutia ou Albert Barqué-Duran.

O proxecto Lupe da artista Lara Fluxá é outro dos exemplos de escoita activa e acompañamento. O seu obxectivo foi a creación dun espazo de comunicación simbólica entre os diferentes axentes do sistema sanitario, no que se incluiu ás propias pacientes, aos profesionais clínicos e ás familias e acompañantes. O resultado foi a creación dunha colección de esculturas interactivas que funcionan como ferramentas mediadoras entre pacientes e persoal sanitario.

 

 

Acompañamento da morte

Outro dos temas abordados na sesión foi o acompañamento no proceso final da vida. Como sinalou Sanjuan, “no queremos abrir cajas de Pandora que no podamos cerrar”, polo que era fundamental tratar o tabú da morte con sensibilidade e un enfoque pedagóxico.

Así naceu La Bona Mort (2020-2025), unha iniciativa colaborativa co artista Albert Potrony. Este proxecto interdisciplinario involucrou artistas, profesionais sociosanitarios, especialistas en duelo e educadores sociais. A través de actividades e obradoiros, buscouse sensibilizar á cidadanía sobre a importancia dos coidados paliativos e a dignificación da morte. Inspirado na tradición medieval da ars moriendi, que ofrecía orientacións sobre como afrontar unha “boa morte”, o proxecto promoveu o diálogo sobre a fin da vida en diferentes contextos.

Unha das iniciativas máis destacadas foi a colaboración cun grupo de nenos de 8 e 9 anos da Escola Vic Centre. A través de materiais audiovisuais como “Morir i jugar” ou “Perdre i retrobar“, exploráronse cuestións relacionadas coa perda, a memoria e o paso do tempo. Estes traballos permitiron abordar o tema da morte desde unha perspectiva creativa e emocionalmente segura.

 

Os retos e as formas de financiamento

A sesión tamén permitiu afondar en cuestións menos visibles pero fundamentais para a xestión cultural, como o financiamento dos proxectos. Comentáronse diferentes vías de apoio, desde fundacións privadas como La Caixa ou Daniel e Nina Carasso, ata subvencións públicas. A clave está en diversificar recursos e comprender as limitacións de cada modelo, xerando certa sorpresa entre as presentes con determinadas liñas vermellas comentdas pola ponente.

Tamén foron sinalados os desafíos da integración da arte en contextos clínicos. A falta de interese ou resistencias por parte dalgúns axentes, directos ou indirectos, pode dificultar a implementación dos proxectos. Un exemplo disto foi o de Lúa Coderch, que buscaba acompañar ás pacientes nas probas de TAC con relatos en formato audio, pero que non se puido executar debido á falta de implicación do persoal sanitario. as. Se non hai unha sintonía de obxectivos, a actividade pode ser retrasada ou incluso cancelada.

 

Conclusións

A sesión puxo de manifesto a importancia dunha boa xestión do tempo e da necesidade de evitar a dilatación innecesaria dos proxectos. Nun centro como La Panera, con só catro persoas no equipo, a planificación e a priorización de proxectos resultan esenciais para garantir que as iniciativas sexan viables e teñan un impacto real. Definir obxectivos e prazos con claridade permite optimizar os recursos, evitar sobrecargas e asegurar un desenvolvemento sostible de cada un e do centrp. Observar isto nunha institución de referencia como La Panera supón unha aprendizaxe valiosa, aplicable aos nosos propios proxectos.

Relacionado con isto, considero especialmente positivo desta sesión abordar a presentación dun proxecto desde unha perspectiva pragmática. Non só se expuxeron os éxitos, senón tamén as restricións e limitacións que adoitan quedar ocultas trala comunicación oficial. Comprender estas dificultades permítenos anticiparnos a elas e deseñar estratexias máis realistas e efectivas á hora de definir novas iniciativas.

A sesión tamén evidenciou que a xestión cultural non pode entenderse de forma illada, senón en diálogo con outras realidades territoriais. Catalunya, cun ecosistema cultural consolidado e unha maior estrutura de financiamento en comparación con outros territorios do Estado, serve como referencia para analizar os desafíos e oportunidades do noso propio contexto. Observar modelos alleos axuda a identificar boas prácticas e a adaptar solucións ás nosas necesidades. E relacionado con isto, vexo un acerto a escolla de artistas e da lingua catalá para os seus proxectos, que facilita a conexión co contexto sociocultural do territorio e reforza a identidade local dos mesmos.

Por último, cómpre destacar a dinámica participativa da sesión. Máis que unha conferencia unidireccional, favoreceuse un intercambio enriquecedor entre todas as persoas presentes, dando lugar a un diálogo fluído e construtivo. Ao ser só a segunda aula na que participo, descoñezo se todas seguen este formato, pero quería resaltar este aspecto como unha das fortalezas do encontro.

 

Outras iniciativas relacionadas:

Art-Based Learning in Palliative Care (RAAK-PRO): Proxecto que explora como a aprendizaxe baseada na arte pode mellorar a comunicación e a comprensión dos procesos de final de vida en coidados paliativos. Localizado en Países Baixo, destaca pola súa colaboración entre artistas, profesionais da saúde e pacientes, na que busca crear novas formas de expresión e reflexión sobre a morte e o coidado.

La Casa Encendida: Centro social e cultural localizado en Madrid que ofrece unha programación variada que inclúe exposicións de arte contemporánea, talleres educativos e actividades sociais, co obxectivo de fomentar a participación cidadá e a integración social a través da cultura.

Un exemplo noutro contexto foron as xornadas “La Casa de los Cuidados. Jornadas sobre y para los Cuidados Comunitarios”, centradas na necesidadede poñer o foco na responsabilidade colectiva dos coidados nos barrios

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*