Contas claras e pés na terra: a receita para un orzamento cultural viable

Por Greta Marí

A sesión deste venre 7 de marzo estivo dedicada á xestión orzamentaria, financeira e laboral, impartida por Cristina R. Labandeira, profesional do sector cultural e licenciada en Ciencias Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade, exerce como responsable da área económica e directora de proxectos na cooperativa cultural O Cable Inglés, entidade centrada no desenvolvemento e comunicación de proxectos culturais.

Esta sesión enmárcase nun momento crucial do curso, coincidindo coa última semana para a entrega dos traballos de deseño de proxectos que o alumnado está a desenvolver. Neste contexto, resulta fundamental centrar a atención nun dos aspectos finais e máis relevantes: o orzamento e o plan financeiro.

A través da reflexión sobre cuestións como: Que queremos facer?, Que implicacións temporais ten?, e Que implica en termos de planificación?, buscouse proporcionar ao alumnado as ferramentas necesarias para listar os recursos materiais e humanos requiridos para a execución dos seus proxectos. Este proceso permite discernir a viabilidade dos mesmos, marcando o inicio da fase de elaboración orzamentaria.

A sesión abordou a elaboración e xestión orzamentaria, así como aspectos da contratación laboral, con especial foco na aplicación práctica destes conceptos ao desenvolvemento de proxectos culturais.

Elaboración dun orzamento

Requisitos previos:

  • Proxecto ben definido con obxectivos e accións claras.
  • Previsión realista de ingresos (axudas, patrocinios, vendas) e gastos (directos, indirectos, imprevistos 5% recomendado).

Estrutura do orzamento:

  • Organización por partidas (deseño, produción, comunicación) ou por actividades (actividade 1, actividade 2, etc.).
  • A estrutura por actividades, recomendada por Cristina R. Labandeira, facilita axustes orzamentarios en caso de desviacións nos ingresos.

Tipos de orzamento:

  • Interno: para avaliar a viabilidade do proxecto.
  • Externo: para administracións ou clientes, con nivel de detalle adaptado e aclaracións sobre o incluído.

*Importante ter en conta o IVE tanto nos gastos como nos ingresos. Negociar en bruto e sen IVE.

1.1 Cálculo de Custos Laborais:

  • Estimación do prezo por hora:
    • Cálculo das horas de traballo efectivas anuais (horas semanais x 52 semanas – festivos e vacacións).
    • División do salario anual desexado polas horas efectivas.
    • Inclusión de gastos adicionais (alugueres, subministracións, etc.) e adaptación aos prezos de mercado.
  • Contratación laboral:
    • Diferenciación entre salario bruto, salario neto e custo total para a empresa.
    • Cálculo do custo total (salario bruto + seguridade social a cargo da empresa), con asesoramento profesional.
    • Negociación en termos de salario bruto e consideración de pagos adicionais (seguridade social, IRPF, finiquito).

1.2 Aplicación Práctica:

A sesión finalizou cunha actividade grupal de reformulación dos orzamentos dos proxectos dos alumnos, aplicando os conceptos aprendidos.

A tesourería

É fundamental ter unha visión clara dos ingresos e gastos previstos. O uso dunha folla de cálculo (Excel) permite levar un control preciso do fluxo de efectivo. Débese realizar unha previsión de cobros e gastos. Débese levar un control constante dos ingresos e gastos reais.

O financiamento

Hai varios tipos de financiamento que podemos valorar para os nosos proxectos:

  • Autofinanciamento (recursos propios).
  • Subvencións e axudas públicas.
  • Contratos menores e licitacións públicas.
  • Patrocinios privados.
  • Pólizas de crédito bancarias.
  • Venda de entradas ou tickets.
  • Venda de merchandising.

Formas xurídicas: estruturas legais

  • Autónomos (empresario individual).
  • Cooperativas de traballo asociado.
  • Sociedades de responsabilidade limitada laboral (S.L.L.).
  • Sociedades limitadas agrarias (S.L.A)
  • Asociacións.
  • Sociedades de responsabilidade limitada (S.L.).
  • Sociedades anónimas (S.A.).

Esta sesión sobre xestión orzamentaria, financeira e laboral marcou o peche do segundo bloque do curso, facendo fincapé na importancia de orzamentos dinámicos e adaptables á realidade dos proxectos culturais.

Exploráronse aspectos esenciais como a previsión de ingresos e gastos, o cálculo de custos laborais, a elección da forma xurídica máis axeitada e a xestión da tesourería. As participantes aprenderon a importancia de manter unha visión realista e precisa da planificación financeira, subliñando a necesidade de revisar e axustar os orzamentos de forma contínua.

A sesión consolidou ferramentas prácticas para garantir a viabilidade dos proxectos culturais, destacando a importancia da revisión constante e a adaptación ás condicións do mercado.

Este encontro tamén serviu como punto de transición, despedindo a compañeiras e preparando o terreo para o inicio do terceiro e derradeiro módulo. Con entusiasmo, os alumnos e alumnas están a ultimar os seus proxectos para a entrega, mentres se preparan para recibir novas compañeiras do seguinte módulo Mediación, Comunidades e comunicación cultural.

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*