Outra visión da produción cultural
Por Mercedes Pose
Na aula do pasado 14 de febreiro contamos de novo con Marcos Vázquez, responsable de proxectos en Esmerarte Industrias Creativas e presidente de Clubtura, a Asociación Galega de Salas de Concertos, que na actualidade aglutina á meirande parte das salas galegas. Ademais tamén é responsable de La Fábrica de Chocolate Club.
Un festival musical: un desafío loxístico
Nesta ocasión, Marcos compartíu con nós os elementos máis importantes a ter en conta na programación de eventos culturais (neste caso musicais) de gran formato. Calquera manifestación cultural en vivo (especialmente no caso dos festivais musicais) supón un importante desafío loxístico e de organización que require dunha planificación extremadamente meticulosa e na que non se debe deixar espazo para a improvisación.
Este tipo de producións culturais de grandes formatos moitas veces teñen un enfoque máis empresarial que cultural. Sen embargo, non por ter un perfil máis orientado ao ámbito da industria deixan de ser culturais.
Tomando como exemplo dous dos seus proxectos musicais máis destacados (O Son do Camiño e o PortAmérica), Marcos pasou a enumerar os elementos imprescindibles para poder levar a cabo con éxito eventos destas características. Imos a comentar os máis destacados.
A produción dos festivais: elementos a ter en conta
Os dous festivais teñen moitas cousas en común pero un espíritu moi diferente. Mentras O Son do Camiño é un festival grande (supera as 40.000 persoas) cun enfoque máis empresarial e que xa é un happening en si mesmo, un activo publicitario, o PortAmérica, a pesar de contar tamén cunhas dimensións considerables (arredor de 20.000 persoas de público) ten moito máis presente a comunidade e a proximidade, cunha clara vocación de cara á cohesión co seu territorio, e con implementación de medidas como a reforestación dos arredores, limpeza do embalse da zona e que ademais conta cun sobresainte informe de sostibilidade e moita implicación da veciñanza.
Unha vez definido o tipo de evento, un punto fundamental a ter en conta é o do seu público obxectivo. O Son do Camiño é un evento fundamentalmente dirixido á mocidade mentras que o PortAmérica é de corte máis familiar. De feito, ofrece moitas facilidades para levar nenos e conta con espazos exclusivos para eles. Tamén resulta imprescindible ter presente o público para o que se programa no momento de fixar as datas do evento, tendo en conta factores decisivos como por exemplo, que non coincida co calendario escolar, no caso de eventos dirixidos á mocidade.
Tamén os artistas, por suposto. O departamento de booking é o encargado da súa selección, tendo en conta a dispoñibilidade que ofrecen. Hai moitos criterios que se poden ter en conta á hora de confeccionar un cartel dun festival, e no caso do PortAmérica sempre hai un espazo para bandas do outro lado do Atlántico, por exemplo. Moitos festivais tamén buscan elementos diferenciadores que marcan a distancia. A música é o principal activo cultural e pero tamén hai espazo para o entretemento e outros elementos de tipo máis lúdico.
E se hai un elemento que non pode faltar na organización dun festival ese sería o cronograma, que debe incluir todas as fases do proxecto (pre-produción, produción e post-produción) debidamente definidas.
A localización tamén resulta de vital importancia, especialmente neste caso, xa que non hai moitos recintos en Galicia con características adecuadas para acoller públicos tan numerosos. Hai que ter en conta moitos aspectos prácticos e loxísticos, dende a accesibilidade ata a acústica, o aparcamento, etc…O Son do Camiño por exemplo, na beira da AP9 ofrece un acceso adecuado para as súas dimensións.
A burocracia ten un peso importante neste tipo de eventos xa que hai que contar con numerosos permisos e licenzas de todo tipo. O arranque dos preparativos pasa por obter os necesarios permisos urbanísticos, aprobación dos plans de seguridade, proxecto de actividade, estruturas, seguros…e en eventos moi masivos incluso se require un posto de mando avanzado, con presenza permanente e coordinada de policía, bombeiros, etc…para así poder responder de forma rápida e efectiva ante calquera eventualidade relacionada coa seguridade do festival.
Para organizar todo isto é preciso dispoñer dun sólido equipo de traballo, cun alto nivel de especialización. Departamentos de comunicación, administración, booking, produción técnica, deseño gráfico,…traballan todo o ano nos preparativos. A medida que a data do festival se aproxima o número de persoas implicadas vai medrando, sumando nos días de celebración do evento persoal de seguridade, montaxe, técnicos, camareiros, etc…
E xunto cos recursos humanos, os técnicos: equipamentos de son, iluminación, escenarios, etc…un complexo entramado de recursos que deben contar coas garantías pertinentes.
E como se consigue todo isto? Dispoñendo dun orzamento adecuado. As fontes de financiamento poden ser diversas: axudas de administracións públicas, patrocinios privados, a propia venta de entradas…os gastos son moi elevados e precísase dunha solvencia económica importante.
A comunicación entre o equipo técnico e os artistas é fundamental para poder ofrecer un espectáculo de calidade e para iso hai unha serie de ferramentas de uso habitual que facilitan ese entendemento:
– O rider técnico: recolle as necesidades técnicas dos artistas
– A folla de ruta: cronograma detallado do día do concerto: inclúe horarios, indicacións…
– O contra rider: recopila os equipamentos do festival a disposición dos artistas
Normalmente é preciso facer axustes entre o que solicitan os artistas e os equipamentos dispoñibles pero mediante un diálogo fluido chégase a un acordo. Finalmente é recomendable contar cunha memoria de fotos e videos do festival, que permitirá evaluar o funcionamento de múltiples aspectos e abrir unha porta á mellora en edicións futuras.
A sostibilidade na produción cultural: un futuro mellor
En definitiva, a produción dun evento cultural, máis no caso de formatos macro, implica un camiño moi longo e complexo, cheo de desafíos de todo tipo e que require dun equipo humano moi especializado para poder desempeñar todas as tarefas da forma máis eficiente posible.
A pesar de tratarse de eventos masivos é factible incluir obxectivos de desenvolvemento sostible adaptados, como no caso do PortAmérica, e sería o recomendable para todas as producións deste tipo. Un esforzo adicional que mostre un compromiso coa sostibilidade, imprescindible para o noso futuro.
*Próximas edicións dos festivais:
- O Son do Camiño: Santiago de Compostela, do 12 ao 14 de xuño de 2025
- PortAmérica: Portas, do 3 ao 5 xullo de 2025
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!