Avaliación de proxectos culturais. Con Eloísa Pérez

Por Antonio Gómez Vázquez

O pasado venres, 21 de febreiro, a formación do curso de Xestión e Innovación Cultural correu a cargo de Eloísa Pérez Santos, licenciada e doutora en psicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid (UCM), experta en estudos de público, e docente universitaria na súa alma mater. Pertence, entre outros, ó grupo de investigación de Xestión do Patrimonio Cultural da mesma universidade, e ten traballado en proxectos da altura de MUSACCES (arte, acesibilidade e museografía integradora).

Durante a tarde, Eloísa achegounos a realidade do proceso de avaliación no ámbito da cultura, dende a súa importancia vital á hora de xerar boas prácticas na xestión cultural até exemplos prácticos que amosaban o seu importante papel. Porén, non todo é positivo, xa que o rol da avaliación ten sido moitas veces menosprezado ou directamente negado, polo que tamén nos ilustrou con exemplos non tan afortunados.

A ponente conseguiu integra-la participación do público dende o primeiro intre, xa que comezou a súa exposición precisamente cunha avaliación inicial: canto sabe o alumnado do posgrao acerca da avaliación nos proxectos culturais? O certo é que, no meu caso, ben pouco. Despois das preguntas, houbo un intre para calcula-las nosas puntuacións e, malia non estar orgulloso, recoñecerei que a miña foi un cero. Na rúbrica desta actividade, ós que acadáramo-las máis baixas puntuacións, correspondíanos a frase: “non sei moi ben que facedes aquí, mais tentarei convercervos”, e abofé que o conseguiu.

A actitude é máis importante que os recursos

 Esta frase, a modo de bisagra entre este primeiro test e a ponencia en si, veu a recolle-lo testigo precisamente desas rúbricas: había esperanza para os peor parados na avaliación inicial. Segundo Eloísa, considerar que avaliar é importante e xa un paso moi importante e, portanto, a actitude é máis importante que os recursos. A avaliación axuda a planificar un proxecto, xa que ó incluírmo-la avaliación dentro do plantexamento dos obxectivos o resultado muda radicalmente. A avaliación non debe entenderse coma un fin, senón coma un medio e un sistema de traballo que axuda durante todo o proceso de planificación e execución dun proxecto.

Para qué sirve a cultura?

 Un dos problemas máis importantes ó que nos enfrontamos á hora de avaliar un proxecto cultural é a dificultade de sinalar para qué sirve a cultura. Ó falarmos, maioritariamente, de experiencias intanxíbeis, non sempre é doado extrae-lo seu valor. Porén, as experiencias culturais teñen, cando menos, e segundo Holden, tres tipos de valores diferentes. En primeiro lugar está o seu valor intrínseco, é dicir, o que lle é inherente. Ademáis, ten un valor institucional, xa que son as institucións as que producen ou encargan boa parte da produción cultural. Por último, e a vertente con máis forza nos últimos tempos, témo-lo valor instrumental, é dicir, a cultura entendida coma un instrumento para lograr fins no ámbito social e económico. Do mesmo xeito, a cultura e maila arte teñen unha serie de aportes sociais importantísimos. Mesmo a nivel de saúde, a Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñece que a arte axuda en ámbitos tan diversos como a saúde mental, os trastornos neurolóxicos ou incluso os coidados paliativos.

En consonancia con este auxe da valoración institucional e instrumental da cultura, cómpre menciona-los esforzos lexislativos que se están a producir nos últimos anos no estado español. un exemplo disto é a lei 2022 de Institucionalización da Avaliación de Políticas Públicas na Administración Xeral do Estado, que establece a obriga de incluí-la avaliación nos proxectos das administracións pública. Este tipo de normativas veñen a tentar mitigar unha tradición de escasa avaliación das políticas culturais; motivadas fundamentalmente pola falta de enfoque en dereitos culturais, sumado ó pouco interese da cidadanía e a unha maioría de xestores que evitan avaliar.

“Avaliar é planificar ó revés”

Esta cita do catalán Eduard Miralles introduce un novo capítulo acerca de cómo avaliar. Deste xeito, e con esta frase na mente, poderiamos resumi-lo proceso do seguinte xeito:

Concretar criterios de éxito -> desenvolver indicadores de cambio -> recoller datos -> interpretar resultados.

A avaliación debe ser unha práctica reflexiva, comprometida, transversal, aplicábel, tolerante e sistemática; asi como un proceso participativo (empática, ética e socialmente comprometido). Debe, ademáis, sistematizarse e ser sostíbel no tempo, de xeito que esté integrada de pleno no proceso de xestión de proxectos culturais. A avaliación, por tanto, é parte inseparábel da xestión estratéxica.

Eloísa fai neste punto especial énfase na necesidade de incluí-la avaliación nos orzamentos dos proxectos. Malia que non se cobre por realizala, debe estar correctamente orzamentada, para deixar constancia do seu rol no proceso de xestación e desenvolvemento do proxecto. En verbas da docente “o que non se orzamenta non existe”.

 

Avaliación a medida. O modelo dos seis pasos.

 Após o descanso, e até o fin da sesión, a ponencia versou sobre consellos e recomendacións para avaliar, fundamentalmente seguindo o modelo dos 6 pasos porposto pola propia Eloísa. De xeito resumido, este sistema de avaliación consta dunha serie de etapas a cumplir, que son:

  1. Defini-lo propósito e os participantes: Antes de inicia-la avaliación, é esencial definir claramente o seu propósito: para que se realiza? Que se espera obter? Ademais, cómpre identifica-los actores implicados na avaliación, tanto internos (equipo do proxecto) como externos (público, institucións, financiadores). Tamén se debe avaliar a viabilidade da avaliación en termos de recursos e tempo dispoñible.
  2. Formular obxectivos e criterios de éxito. Neste paso establécense os obxectivos xerais e específicos da avaliación, aliñados cos propósitos do proxecto. Estes obxectivos poden centrarse en diferentes áreas, como impacto social, calidade da experiencia, aprendizaxe, inclusión ou participación. Para cada obxectivo defínense indicadores de cambio, que permitirán medi-lo éxito do proxecto.
  3. Planificar a avaliación. Nesta etapa determínanse os métodos e técnicas de avaliación a empregar, incluíndo ferramentas de recollida de datos (enquisas, entrevistas, observacións, etc.). Tamén se establece a mostra de participantes e as variábeis a analizar. É clave escoller unha metodoloxía que se axuste ós recursos dispoñíbeis e que permita obter información fiábel e relevante.
  4. Recoller datos. Lévase a cabo a estratexia de recollida de datos segundo o planificado. Isto pode incluír técnicas cuantitativas (estatísticas, enquisas) e cualitativas (entrevistas, grupos de discusión, análise de comportamento). É importante controlar posíbeis sesgos e erros na recollida para garanti-la validez dos datos.
  5. Analizar e interpretar datos. Unha vez obtído-los datos, procédese á súa análise e interpretación. Búscanse padróns, contrástanse os resultados cos obxectivos formulados e identifícanse áreas de mellora. Dependendo do tipo de avaliación, pódense aplicar análises estatísticas ou cualitativas para extraer conclusións significativas.
  6. Comunicar resultados. Finalmente, elabórase un informe cos achados da avaliación. A difusión dos resultados debe adaptarse ós distintos públicos interesados (equipo do proxecto, patrocinadores, público xeral) e pode incluír informes escritos, presentacións ou materiais gráficos. A comunicación efectiva dos resultados facilita a toma de decisións e a mellora continua do proxecto.

Por último, a modo de peche, Eloísa procedeu a analizar polo miúdo exemplos de boas e malas prácticas á hora de avaliar proxectos culturais, o que servir para ilustrar de forma moi clara a importancia de implementar de xeito completo e integral a avalación neste tipo de procesos de xestión.

Para concluírmos

Falo agora a título persoal, mais gustaríame destaca-lo interesante que me resultou esta sesión do curso. A priori, e dende o meu absoluto descoñecemento do tema, non pensaba que a avaliación tivese un rol tan relevante. De feito, para min, a avaliación era pouco máis que un par de enquisas ou gráficos de datos feitos ó rematar un proxecto para medi-la participación ou a afluencia de público.

O saír da aula ese día, porén, marchei para casa cunha perspectiva completamente nova sobre un tema que nunca reflexionara en profundidade. Agora eu, e penso que falo por tódolos presentes ese día na sesión, coñecemos de xeito máis ou menos intensivo cómo empregar ó noso favor a avaliación como unha ferramenta útil e sobretodo imprescindíbel ó longo de todo o proceso de creación de proxectos culturais.

 

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*