Da idea ao proxecto: a importancia da estrutura e a metodoloxía nos proxectos. Con Diego V. Meizoso

Por Beatriz González

Abrimos a primeira parte da sesión sobre estrutura e planificación de proxectos cunha reflexión: que é un proxecto cultural? Nas primeiras respostas, tímidas, falouse sobre intervención e impacto social, arte, coñecemento, entretemento… pero tamén sobre planificación e decisión. E precisamente nesa liña estaba o foco da sesión proposta por Diego V. Meizoso; na importancia da estrutura e a metodoloxía nos proxectos culturais.

Así, nesta parte expositiva da sesión profundamos sobre isto para establecer unha nomenclatura e tamén unha estrutura e planificación viables, que poidan ser positivas en calquera proxecto cultural. Despois, na segunda parte da aula, xa de xeito máis práctico, a dinámica de traballo foi en grupos e consistiu en facer unha planificación express dos nosos proxectos.

O proxecto non é o contido

Se algo nos quedou claro da sesión con Diego é que a estrutura é o máis importante nun proxecto; a estratexia de comunicación, a súa viabilidade, etc. Non tanto os contidos en si, que poden gustar ou non. Neste sentido, mencionou como exemplo o festival FIOT de Carballo.

A pregunta inicial, antes de entrar en materia, pechouse con dúas citas de David Roselló sobre este tema e unha definición: “Un proyecto es un conjunto de decisiones tomadas acerca de unas tareas y unos recursos, encaminadas a conseguir unos objetivos en un determinado contexto y condiciones” (David Roselló Cerezuela, Diseño de proyectos culturales)

E agora si, falemos da estrutura: unha vez feito o proceso de diagnose dos traballos, que ten que ver coa dimensión interna, o seguinte paso na metodoloxía dun proxecto é ver que precisa o contexto no que nos queremos mover: a dimensión externa, fora no noso grupo de traballo, que abrangue a administración, público, colaboradores, etc. Así, atopamos aspectos descritivos e operativos a ter en conta.

Apartados descritivos

 Son o soporte do proxecto, a fundamentación teórica.

  • Título. O escaparate. Claro, directo e adaptable. Sobre nomes e identidade de marca, Sergio tamén nos compartiu esta liña de traballo de Beatriz Fontán: https://serapornombres.com/
  • Que. A introdución. Un texto breve que explique con exactitude que é o proxecto. Debe ser de lectura rápida e fácil. Exemplo: texto do WOS Festival
  • Quen. Unha pequena descrición do grupo impulsor e o tipo de entidade. Isto pode ser unha fortaleza ou unha debilidade, se é algo recente.
  • Por que. A orixe e fundamentación. Enfocado a unha lectura máis lenta. Deriva da diagnose e explica en detalle o proceso.
  • Para que. Os obxectivos. Que queremos facer e onde queremos chegar. Poden ser xerais (metas e ideas centrais) ou específicos (detallan os procesos). De cada obxectivo xeral deberían desprenderse dous específicos.
  • Para quen. Público destinatario. O máis segmentado posible, do xeral ao particular. Nunca é para todos os públicos nin lle gusta a todo o mundo.

Con respecto aos públicos e o contexto, Diego recuperou o concepto de xestión situada do que xa nos falara José Luis Pérez Pont para explicar o caso do Festival de Cans e o seu traballo co contexto como valor do proxecto, en contraposición con propostas que son para outros públicos, como algúns musicais ou obras que poden contar sen embargo cun valor de produción, un concepto máis ben usado nas artes escénicas e no audiovisual.

En ambos casos, de novo o pouso que nos queda é a importancia que debemos darlle ao valor intrínseco de cada proxecto e aos seus públicos, para que a proposta sexa o máis clara e directa posible.

Apartados operativos

 Teñen unha dimensión máis práctica, na que aterrar e estruturar todo o contido do proxecto. Enlazan coa próxima sesión sobre produción cultural con Marcos Vázquez e abranguen outras cuestións.

  • Como. É o plan de desenvolvemento, a metodoloxía e a explicación do proceso que imos levar a cabo.
  • Viñeta de Luis Davila

    A través de que. Son accións, contidos, actividades e procesos deseñados tendo en conta todas as fases previas.

  • Cando. É importante traballar con calendarios e respectar todas as fases, obxectivos e tarefas.
  • Onde. As localizacións. Debemos analizar os espazos e o que implican na produción, non só describilos. O contexto físico tamén pode influír nas accións e isto é, de novo, xestión situada.
  • Con que. Os recursos dispoñibles e os necesarios. Poden ser materiais, técnicos ou de prestación de servizos.
  • Con quen. O equipo e colaboracións. Hai que definir ben as características do posto e as funcións. Aquí é moi importante a especialización.
  • Canto. O orzamento. É o marco económico, tendo en conta os recursos e necesidades. A estratexia de financiamento debe incluír fluxos de caixa, calendario de cobros, pagos, etc.
  • Plan de financiamento: pode ser público, privado, con recursos propios ou de venda directa. Con respecto ao financiamento público, Diego recomendounos ler o informe de extemporaneidade das axudas públicas, da rede Acieloabierto. Así mesmo, o financiamento privado é moi importante no ámbito cultural, atendendo en moitos casos á RSC da que tamén nos falou Beatriz Fontán.

Outras recomendacións a ter en conta a nivel económico pasan por contar sempre cunha previsión mínima do 10% do gasto para imprevistos e traballar con varios escenarios posibles nun plan de continxencias, mantendo sempre unhas condicións dignas dos traballadores e cumprindo os convenios.

 

 

Unha vez explicada a dimensión externa dun proxecto cultural, na segunda parte da aula traballamos en grupos cunha dinámica que Diego organizou do seguinte xeito:

  1. Planificación express. Acción, por grupos, na que pensamos nunha estrutura de planificación para os nosos proxectos, atendendo sobre todo a temporizar as tarefas e contando cun calendario
  2. Parte expositiva. Unha persoa de cada grupo explicou o seu modelo ao resto das compañeiras.

A importancia de socializar o proxecto

Despois de cada pequena exposición, Diego V. Meizoso, Sergio Lago e Diego Parajó, abriron un pequeno espazo de diálogo para aportar o seu feedback como equipo docente e guiar, acompañar e aportar ideas a cada un dos proxectos, corrixindo os aspectos necesarios e aproveitando para explicar os conceptos que foron xurdindo. O resto das alumnas tamén participaron con preguntas e aportando exemplos ou pequenas reflexións.

Deste xeito, pechamos a sesión con este espazo de diálogo e posta en común no que xurdiron algúns tips e suxestións a ter en conta á hora de elaborar proxectos:

  • A viabilidade temporal das fases e dos procesos de xeración de confianza en cada contexto. O tempo tamén se traduce en cartos.
  • Pensar sempre dende a realidade previa e a necesidade do proxecto. ¿Para que o facemos?.
  • A importancia do “proxecto mínimo viable”.
  • Poñer o foco na mediación cos públicos e na experiencia de usuario.

Por último, Diego mencionou algúns exemplos que poden ser interesantes de consultar e que fan unha división “quirúrxica” dos públicos por universos:

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*