Estratexias e metodoloxías na cultura: patrimonio, con Manuel Gago e Clara Reigosa
Por Ana Fariña
Na sesión deste xoves abordamos o Patrimonio desde diferentes perspectivas. Da man de Clara Reigosa coñecemos o Museo das Peregrinacións e de Santiago; máis ca unha visita foi o escenario onde se trataron temas sobre museística, a lexislación asociada e as prácticas ideais e as prácticas reais. Na segunda parte Manuel Gago contounos historias.
O Museo das Peregrinacións atópase no que foi a sede do Banco de España na Praza das Praterías en Santiago, a onde se mudou en 2015 desde a Casa Gótica sita en San Miguel. Este edificio remodelouse entre 2009 e 2012 para acoller o museo e adaptar a súa arquitectura ás necesidades das exposicións e instalacións.
É curioso que cando visitamos un museo poucas veces reparamos na idoneidade da construcción para albergar e difundir o patrimonio alí custodiado. A pertinencia da información, a distribución dos obxectos ou o deseño dunha exposición son máis susceptibles de ser valorados, pero a intención dunha arquitectura como elemento facilitador do discurso dun museo é algo sobre o que poucas veces reflexionamos.
Os museos son espazos onde acudimos a ver exposicións ou coleccións, instalacións ou performances, e como legos en museística, non consideramos todo o traballo de planificación, deseño, loxística e administración que hai detrás de bambalinas.
Clara diseccionou o Museo das Peregrinacións, e en certa maneiara todos os museos. Explicounos o que é un Plan Museolóxico e súa relevancia, explicounos o que ten que ter un museo para ser museo, e falounos da Lei de Museos e Centros Museísticos de Galicia e o recentemente publicado informe Análise da situación dos museos e outros centros museísticos en Galicia do Consello da Cultura Galega.
A presentación de Clara deu pé a preguntarnos cuestións controvertibles, como pode ser se os xestores políticos teñen que ter un coñecemento profundo sobre museística para facer unha xestión óptima das institucións, ou o museo como espazo de promoción de artistas.
Pero un dos feitos que para min foi interesante, entre outras cousas porque se pode aplicar noutros contextos, é a falta de especialización que Clara sinalou sucede nos museos autonómicos e estatais, en comparación a outras tradicións, como poden ser as anglosaxonas. Mentres que desta banda se agarda que todos saiban facer de todo, da outra os roles están máis definidos e son máis estancos. E apuntou outra cousa: a pouca frecuencia coa se convocan oposicións para museos, e as poucas prazas ofertadas, o que se traduce nun cadro de persoal pouco renovado. E isto, desde o meu punto de vista abre debates interesantes, como pode ser o equilibrio entre renovación ou experiencia, ou a versatilidade e especialización dos equipos.
A visita rematou no espazo dedicado ao que debera ser a cafetería do museo, pechado ao público na actualidade, pero que ofrece a través das cristaleiras unha das mellores vistas que se pode ter da cara sur da Catedral: o museo integrando a Catedral dentro da súa narrativa. E coa foto de grupo de rigor.
O patrimonio a través da divulgación
De volta na aula, Manuel Gago falounos doutras narrativas, das que nos contan un obxecto patrimonial. Di el que comunicar patrimonio é contar historias. É preciso establecer vínculos co receptor, explicar códigos que axuden a descifrar as mensaxes que un obxecto esconde.
E mentres el explicaba esta idea, eu non puiden evitar pensar nunha cita de Toni Morrison (La fuente de la autoestima. Ensayos, discursos y meditaciones (p.423). Lumen, 2020) que inspirou a outros: “La tinta invisible es lo que reside debajo de las líneas, entre ellas, fuera de ellas, lo que se esconde hasta que el lector indicado lo descubre. Al referirme a un lector «indicado» quiero decir que, como es evidente, determinados libros no son para todo el mundo. Es posible admirar a Proust pero no implicarse ni emocional ni intelectualmente en su lectura. Incluso alguien que esté fascinado con el libro podría no ser el mejor lector o el más indicado. El lector «hecho» para el libro es el que está en armonía con la tinta invisible.”
Explicaba Gago que un obxecto patrimonial componse de varias capas (espacial, material, interpretativa e simbólica), que se escribirían do seguinte xeito:
- Espacial – contorno, topografía, paisaxe, acceso, escenificación.
- Materiais – arquitectura, dimensión, elementos construídos, complexidade.
- Interpretativos – que se ve, que se sabem que se interpreta.
- Simbólica – que memoria, que sentido ten para as persoas e comunidade, que rol interpreta na cabeza da xente, como dialoga coa xente.
Estas capas poden adquirir unhas ou outras maior trascendencia no significado dese obxecto. Tendo isto en mente, revisamos diferentes elementos do patrimonio analizando cal das capas tiña máis relevancia en cada caso para comprendermos como se conforma cada obxecto: o castro de Baroña (factores espacial e simbólico), a Victoria de Samotracia (espacial e simbólico), Pedra do Destino (espacial e simbólico), Casco de Leiro (material), etc.
A capa simbólica é especial porque fala coa comunidade cara a acara e esta comunidade está cambiando constantemente creando unha nova identidade, polo que este simbolismo é igualmente dinámico. Como exemplo, a figura das Dúas Marías, Coralia e Maruxa. De simbolizar o excéntrico e a loucura, pasaron a ser símbolo da represión franquista para máis recientemente selo da Compostela Diversa.
E do mesmo xeito que a sociedade dá un valor simbólico ao patrimonio, o patrimonio cultural é unha ferramenta que axuda a construir a cohesión social en comunidades que se están transformando. A sociedade muda. A simboloxía muda. Aparece a posibilidade de crear un novo foco e escribir unha nova narrativa.
Hai multitude de obxectos patrimoniais que funcionan porque están intrínsecamente ligados ao colectivos, moitos outros non o fan porque nos son alleos. E esta condición abre as portas a traballar sobre estes obxectos que non son tan significativos para o grupo coa intención de crear novos públicos. Isto faise empregando ferramentas diversas: cando se busca construir un obxecto cultural desde cero, involucrar a comunidade na súa elaboración ou relacionalo con simbolos xa existentes dentro desta aseguran que ese novo obxecto adquira un significado para o grupo.
A comunicación do patrimonio xoga un papel predominante nesta elaboración do imaxinario. E é evidente que para Gago esta é a ferramenta principal da posta un valor dun obxecto cultural. Explicou que cando se desenvolve un proxecto hai que ter en conta todas as capas e ir facendo unha unha interpretción e difusión de cada fase dese proxecto. Falou tamén de como a difusión dun proceso de investigación constrúe unha propia audiencia, e o emprego de de técnicas de narrativa de ficción como ferramenta de comunicación.
Vendo o traballo de Manuel Gago temos moitos exemplos de como el emprega esta estratexia. Poderíamos dicir que é o que o caracteriza, a mestría de contar o patrimonio creando na audiencia a expectación como se dunha película se tratase. Atrévome a dicir que é a versión do s. XXI dos xoglares que ensalzaron as fazañas de Rolando ou do Rei Arturo. E o grande contacontos das historias do patrimonio.
Recomendacións da autora para ampliar información:
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!