Chegamos ao final das aulas da sétima edición do Curso
Este venres celebramos a derradeira aula desta sétima edición. Cos traballos dos equipos xa feitos e valorados polo equipo de titores e o programa académico xa finalizado, a sesión tivo un enfoque especial. Para iso contamos con Diego Parajó, docente e titor, quen liderou unha xornada orientada á reflexión, persoal e colectiva, sobre os últimos meses. E na que puidemos todos testar a nosa evolución respecto ás expectativas iniciais e ao resultado final.
Esta posta en común debuxou un mapa-balance colectivo no que cadaquén aportou a súa evolución. Houbo tempo para a posta en común de vivencias persoais e, como non, para tecer rede de maneira colectiva. Por aquilo de non deixar de #aprenderfacendo facéndoo, ademais, de xeito divertido, cunha dinámica creativa na que participou o alumnado e tamén parte do equipo do Curso.
Que, como vedes nas fotos (aí están Isabel Neira, Sergio Lago, Sonia Díaz, Marcos Lorenzo e Beatriz Fontán), tamén tivo que traballar.
Como segue a sétima edición?
Claramente, o peche das aulas marca un punto e aparte no Curso. Para parte do noso alumnado, esta sétima edición chegou xa ao seu fin, aínda que, oficialmente, o curso non rematará ata o vindeiro 30 de setembro. Ata entón, outra parte do alumnado desenvolve prácticas en diversas empresas e entidades culturais galegas.
O CEU en Xestión e Innovación Cultural ten carácter bienal. Isto significa que o vindeiro curso 2023-24 non formará parte da oferta de estudos propios e formación contínua da USC. Esta sétima edición, coma todas as que xa celebramos, déixanos realmente contentas: xunto co noso alumnado e todas as docentes que pasaron polas nosas aulas, fomos quen de aprender facendo e aprender compartindo. E de seguir tecendo esta comunidade, que curso a curso vai medrando, arredor da cultura.
Como vos contamos, esta última aula do Curso foi especial, divertida, emotiva…e musical! Por iso, que mellor peche para esta entrada no noso blog que a nosa alumna María López Faltri, facéndonos cantar 😊
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!