Produción cultural: o eido expositivo. Con Agar Ledo e David Barro
Cando visitamos unha exposición se cadra non temos conciencia do traballo que hai detrás: creativo, en canto á mensaxe que iso que estamos vendo quere trasladar, e de loxística, en termos de produción. Ambas cuestións van da man e tratan de ofrecer ao público unha experiencia artística, cultural, que dalgún modo impacte.
Non é sinxelo e, ademais, é un traballo que se pode abordar dende diversas perspectivas e ámbitos. Este xoves no CEUXiC coñecemos o eido expositivo formulado dende o público e dende a iniciativa privada, da man de dous profesionais que son unha referencia do comisariado de arte: Agar Ledo , actualmente técnica de investigación do Museo de Pontevedra, e David Barro, director da fundación Didac. Fixémolo, precisamente, no magnífico espazo que a fundación ten en Compostela e no que tan xenerosamente David exerceu de anfitrión da sesión.
Como se deseña unha exposición?
Neste xoves treboento escoitamos con moita atención o que Agar e David nos contaron sobre o seu traballo. A través dunha retrospectiva da súa traxectoria, explicáronnos como afrontaron o enfoque de diversas exposicións e coleccións.
Nun relato por momentos común, xa que ambos comparten algúns fitos da súa traxectoria profesional, aprendemos cuestións prácticas, relacionadas co comisariado e coa produción cultural, e coñecimos anécdotas que nos achegaron a un ámbito -o expositivo- que se desenvolve nun círculo moi concreto. E cunhas lóxicas e dinámicas mois específicas.
Para o alumnado formado en artes ou próximo ao mundo do coleccionismo foi unha sesión especialmente gratificante. E para todas, unha sesión amena, interesantísima e moi clarificadora. Agora, cando percorramos unha exposición, seguro que saberemos vela con outros ollos. E se no o noso percorrido profesional nos leva a ese ámbito, de entendelo dun modo máis profundo.
Grazas, David e Agar, por #aprendercompartindo connosco! 😊
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!