Paulo Rodríguez e Sole Felloza, xuntos nun descanso da sesión. Paulo falou de teatro e artes escénicas, dende a súa experiencia á fronte do Rosalía de Castro, e Solo de narración oral, dende o festival Atlántica

Mediación e programación cultural: artes escénicas e letras e oralidade. Con Paulo Rodríguez e Sole Felloza

Por Xandre Marín

Xa perdida por completo a pouca palabra que tiña, máis de dous meses despois de comprometerme a redactar esta entrada para o blog do curso, e un mes despois de xurarlle a Ruth Sousa polo máis sagrado (os meus gatos) que o faría, aquí van as miñas impresións sobre a sesión do día 03/03/23, que, dentro do bloque sobre mediación e programación cultural, se centrou nas artes escénicas e na oralidade (no teatro e na narración), para o que tivemos a fortuna de contar coa testemuña experiencial de Xosé Paulo Rodríguez (do Teatro Rosalía de Castro) e Sole Felloza (do Festival Atlántica).

En realidade, eu pretendía contar aquí que cando cheguei á Coruña a comezos de século, o Rosalía de Castro era un dos símbolos do coruñesismo máis… coruñés. Tiña daquela unha compañeira de traballo que sacaba abono cada tempada para non ir nunca, só porque telo implicaba unha certa distinción. Logo caín en que este blog é público e, ademais, vai asinado, e non é a miña pretensión meterme nos xardíns de Méndez Núñez, así que pecharei este tema agradecendo infinito a todas esas persoas que mercan o abono para non ir (ou pasar polo teatro só cando vén Juan Diego Botto) e emprestan a entrada ás súas amizades para ver teatro menos convencional, por chamalo dalgunha maneira, ou, aínda peor, en galego. Isto contáronmo, que eu pago entrada sempre.

O teatro Rosalía de Castro dende dentro

Xosé Paulo Rodríguez accedeu á praza de director do teatro Rosalía de Castro no 2011. Non quixera eu verme nese traballo hercúleo que ten que ser conxugar a liña de programación que trae de anos atrás o Rosalía cun orzamento cada vez máis axustado (sendo optimistas), cunha situación política municipal en constante cambio (tres gobernos diferentes desde que está no cargo), cun público cada día máis esixente e cunha oferta artística cada vez máis ampla e diversa. E podemos sumar aí moitas outras variables que complican o labor: o prezo das entradas e a competencia directa, sobre todo no caso de teatro galego, con salas e auditorios municipais da contorna que ofrecen as mesmas obras a prezos simbólicos, cando non manteñen esa idea rancia do gratis para todas que se instaurou coa democratización cultural e que tan pouco axuda a valorar o traballo das profesionais do teatro.

Xosé Paulo falou de moitas outras cousas: da historia do Rosalía, das presións á hora de programar, da familia que conforman xunto aos habituais do teatro, da renovación de público que se está a vivir tras a pandemia, da xente que marcha contrariada cando hai función de Matarile Teatro (non dixo que fosen Matarile Teatro, pero tampouco creo que ande eu desencamiñado) e tamén do programa de mediación do TRC Danza, do que xa nos falara Caterina Varela unhas sesións antes e que, como a estas alturas xa saberedes, foi motivo de polémica pouco despois.

A arte da narración e Sole Felloza

Na segunda parte da sesión, Sole Felloza fixo a que recordo como mellor ponencia de todo o curso. Xogaba, claro, coa vantaxe de ser contadora e ter unha bagaxe inigualable en dominar todo tipo de situacións. E nós tampouco somos un público complicado, aínda que a clase dese día comezara coas nosas queixas pola falta de aprendizaxe de metodoloxías durante o curso, ás que, por cerro, Xosé Paulo respondeu que na xestión cultural, cando alguén chega a conformar algo parecido a unha metodoloxía, xa non serve e hai que buscar outra.

Teño que confesar que, a pesar de saber do Festival Atlántica desde hai anos, descoñecía a magnitude e as implicacións que tiña, probablemente porque vivía instalado no prexuízo de que as contadas son, a nivel organizativo, un que se pon a contar e marcha cando acaba.

Sole Felloza falou da forma en que o festival foi crecendo desde as orixes ata a actualidade, sen perder nunca de vista o compromiso co patrimonio e coas asociacións culturais (para as que poden chegar a programar actuacións de balde se así se lles presta), trufando o camiño con anécdotas e historias de encontróns, problemas resoltos con creatividade, eivas que se converten en oportunidades e improvisacións varias. Unha metodoloxía, efectivamente, en constante cambio, pero, por fin, explicada paso a paso, con detalle, con gana, con paixón e con graza.

Que non é por safar de escribir máis, pero realmente a intervención de Sole Felloza é das que tedes que ver se non estivestes na clase ese día e nada do que eu poida engadir aquí vai aproximarse o máis mínimo a escoitala a ela contalo.

Así que, xa para rematar, vai aquí outra valiosa aprendizaxe que saquei desta sesión grazas a compartir coñecementos e saberes coas marabillosas compañeiras coas que tiven a sorte de compartir curso: Sara Baras é palíndroma.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*