Mediación e programación cultural. Audiovisual, con Ana Estévez, e musical en espazos singulares, con Belén Bermejo
Por Eva Triñanes
O antigo convento de Santo Domingo de Bonaval é o lugar onde da comezo o noso encontro nesta nova sesión do Curso de Expert* Universitari* en Xestión e Innovación Cultural. A nosa primeira sesión corre a cargo de Ana Estévez como directora da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE).
Ana recíbenos na entrada do Museo do Pobo Galego e tras unha breve explicación da historia do museo pasamos á sala dedicada a patrimonio marítimo, onde Ana continúa explicando que moitas das salas do museo atópanse estancadas no tempo, xa que o museo pertence a unha asociación privada que conta cuns recursos limitados polo que é máis complicado poder acometer actualizacións nas exposicións e nas diversas salas do museo para que estas poidan plasmar o evolución histórica de Galicia.
A continuación, saíndo da sala dedicada a patrimonio marítimo, continuamos de cara á sala onde Ana fará a súa exposición sobre o seu traballo na MICE, non sen antes pasar pola escaleira helicoidal, unha insignia do museo, onde non podiamos pasar sen sacarnos unha foto de grupo na escaleira.
Acomodadas xa, dispoñémonos a dar comezo á exposición de Ana. Tal e como contamos anteriormente, Ana comeza falando dos inicios da MICE e a razón pola que se pensou en facer un festival deste tipo dende o departamento de educación e acción cultual do museo. Ana considera que é preciso facer unha revisión das salas e como iso é complicado comezaron a cavilar en actividades para mellorar e actualizar a presenza e o papel do museo na sociedade galega actual, polo que dende o departamento de Educación comezaron a crear actividades diversas buscando mellorar a situación do museo.
Como nace e crece a MICE
Ana comeza a degrañar os pasos que dende o departamento de Educación deron para deseñar a MICE. Ana guíanos chanzo a chanzo polo proceso. Así, poñemos o pé no primeiro chanzo e comezamos o ascenso pola escaleira helicoidal que nos levará a coñecer a Mostra.
A MICE, mostra internacional de cine etnográfico, nace coa idea de abrir e estender o discurso que o Museo daba a través das súas salas. Sobre os inicios, Ana conta que, ao comezo, para deseñar o festival estableceron unhas bases para poder comezar co deseño. Decidiron a identidade da mostra, a elección do nome, o promotor da mostra, as datas e os filmes e os espazos onde se levaría a cabo.
Sobre o nome, Ana comenta, que ao comezo; Mostra Internacional de Cine Etnográfico, pareceulles ben mais ao longo do tempo quedou o nome de MICE. Dentro do proceso para crear o festival foi importante falar con directoras do novo cinema galego, buscar cooperación con outros festivais,… neste senso Ana comenta que cando comezou a MICE tiveron a complicidade e o apoio de Espiello, festival internacional de documental etnográfico, e tamén colaboraron con escolas de audiovisual e centros de formación.
Outra das cuestións a definir á hora de crear unha mostra deste tipo é a lingua vehicular do festival, xa que esta determina saber que filmes hai que subtitular e en que lingua. Na MICE todos os filmes están subtitulados xa que isto facilita o acceso de todas as persoas, tanto xordas como persoas con problemas de audición.
A competición oficial do festival conta con dous apartados: Galicia e Internacional. Case todas as películas van subtituladas en galego agás algunha excepción que está en castelán porque son estranxeiras e non teñen subtítulos en galego.
A mostra conta tamén con liñas de Responsabilidade Social Corporativa e cun plan de sustentabilidade. Están subscritos ao plan de cultura sustentable, a través da coordinadora galega do cinema. Unha das pedras angulares do proxecto é contar cun regulamento claro e preciso onde se especifiquen as condición para proxectar unha peza, para que non futuro non se xeren malentendidos entre a mostra e as produtoras ou creadoras das pezas presentadas.
No referente á imaxe do festival, é importante definir unha imaxe de base sobre a que se traballará cada edición para modificala e adaptala.
Coas liñas xerais da mostra establecidas xa se pode comezar a perfilar a programación e as liñas básicas da mesma e a partir de aí buscar os filmes que poden encaixar con esas liñas xerais e comezar a buscar espazos e sedes para levar a cabo as proxección e as actividades paralelas e pensar na organización e no equipo de traballo. O departamento do que parte o festival so ten a dúas persoas traballando todo o ano mais na época do festival precisan reforzar o equipo para sacar adiante o festival.
Estratexia a medio prazo da MICE
Na primeira edición o obxectivo era botar a andar o festival, sobrevivir e perdurar. Practicamente, tal e como comenta Ana, estes obxectivos foron os que guiaron a vida do festival os seus primeiros cinco anos de vida. A partir da terceira edición da mostra a programación xa foi exclusiva da MICE, ata aí era Espiello quen lles axudaba coas pezas audiovisuais.
Os seguintes anos os obxectivos centráronse en asegurar o financiamento e comezaron a colaborar con escolas, a saír do espazo do museo. Unha das primeiras saídas da mostra do museo foi unha colaboración coa residencia Porta do Camiño, onde se proxectou “O Carro e o Home” xa que o museo é propietario dos dereitos en herdanza por parte de Xaquín Lorenzo.
No caso da MICE o seu promotor principal é o Museo do Pobo Galego, polo que ao comezo non tiñan moitos recursos e comezaron traballando con directoras que cedían os seus dereitos nas primeiras edicións para poñer as súas películas, este apoio foi fundamental para poder sacar adiante a mostra. Tamén hai que destacar as aportación das socias e socios do museo, xa que parte das súas aportación ao museo van para a financiación da MICE, e incluso algunhas socias amplían as súas aportación de cara a apoiar de xeito explícito a organización da mostra.
Co paso dos anos o financiamento da MICE foise aumentando a través do patrocinio privado, axudas, a universidade… Tamén teñen o apoio da Asociación Galega de Antropoloxía que apoia ao festival cun premio e xurado propio dentro do festival.
Ana considera que para o crecemento da MICE tamén axudou moito a súa asistencia a outros festivais, ben para tecer redes de coñecemento, ben para buscar filmes para as proxeccións.
Equipo básico do festival
Dirección, produción, comunicación e programación son as áreas nas que se reparte o equipo da MICE. Ana conta que no seu caso hai unha soa persoa en cada área, excepto no caso da produción que son dúas persoas, e no da programación que poden ser entre tres e catro persoas xa que traballan coma un comisariado.
Entre os espazos colaboradores coa MICE están o Teatro Principal e Numax. É moi importante ter en conta a dotación dos espazos onde se vai leva a cabo o festival. Segundo Ana, é mellor que un filme se proxecte a que non se proxecte, pero os espazos deben cumprir uns mínimos de calidade; que se vexa e se escoite ben. Tamén compre prestarlle atención á elección dos formatos dos arquivos, blueray, arquivos dixitais de alta calidade ou ir ao cinema dixital que é o ideal pero é a máis cara e complicada porque só hai un, o numax, e precisa persoal especialista para isto.
A imaxe gráfica da MICE, parte do traballo de Lolita Díaz Valiño. Todos os anos se lle encarga a imaxe a unha deseñadora gráfica diferente, muller e nova. Ana fai fincapé en que a MICE é un festival feminista e tenta por en valor o traballo das mulleres en todos os eidos posibles dentro do festival. Este ano será a decimo oitava edición e decidiron que a peza e a promo da MICE elaborouna unha creadora nova e galega, así mesmo, todos os carteis de todas as edicións, con excepción da primeira, foron deseñados por mulleres.
Ana destaca tamén que é importante ter unha estratexia de cara a os media partner. Do mesmo xeito que tentan traballar con empresas por sustentabilidade, tamén intentan colaborar con medios locais e establecer con eles un intercambio. No caso da MICE, os medios locais son os primeiros que teñen toda a información e teñen acordos con Praza e con Nós, que son os medios cos que teñen maior relación, onde os medios publicitan o festival e tamén fan sorteos do merchandising do festival, de entradas… deste xeito aseguran a colaboración dos medios coa mostra.
O regulamento é a pedra angular do festival, o regulamento e coma un contrato, para inscribir un filme hai que ver o regulamento e se inscribes unha película significa que aceptas as condicións. No regulamento debe quedar claro:
- Apertura e peche de inscricións.
- Os formatos nos que se reciben os filmes.
- A duración dos filmes cun mínimo e un máximo. No caso da MICE o seu máximo está en 100 min, aínda que a media das películas andar sobre os 70 ou 80 minutos.
- Cantas veces se vai exhibir o filme. Isto debe estar claro no regulamento. Na MICE só se proxectan unha vez.
- Hai que especificar que unha copia dese filme vai quedar no arquivo do festival se é seleccionado, o festival pode usalo con fins non lucrativos e avisando previamente á autora.
- A obriga dos filmes que se inscriban con opción a ser seleccionados deben mandar subtítulos, como mínimo en inglés, para que o grupo de preselección dos filmes poidan ver as películas. Unha vez seleccionadas, teñen que mandar subtítulos en castelán ou en galego.
- Tamén se marcan os prazos nos que se notifica ás películas que van a ser seleccionadas. Como hai moitas inscritas non se pode notificar unha a unha ás que non foron seleccionadas, así que se establecen as prazos nos que, no caso de ser seleccionadas, serían notificadas.
Comeza a conta atrás
Para chegar a completar unha edición da mostra o traballo comeza entre dez e oito meses antes. A MICE levase a cabo a finais de marzo, dependendo de cando cae a Semana Santa. Por exemplo, Ana está a compartir connosco este tempo de sesión a tres días apenas de inaugurar a Mostra. Hai que fixar as datas o antes posible, porque os espazos colaboradores deben sabelo canto antes, sobre todo espazos como o Teatro Principal para poder reservar as datas.
Neste tempo hai que definir o tema do que trata cada edición, na MICE hai un tema en cada edición. O tema deste ano é a reurbanía. A reurbanía ten que ver con levar os usos da cidade ao rural. De entrada, soa a conflito, mais é un tema que acontece en todo o mundo e non so como algo negativo xa que se teñen creado novos usos do patrimonio etnográfico e puntos de encontro nos que nacen espazos de creación. No caso de Compostela a reurbanía léese como a memoria recente dos lugares próximos a Santiago polos que pasa o camiño, onde case non existe poboación pero contan con grandes albergues, o que significa un cambio ata no tipo de traballo dos seus habitantes e que modifica a súa vida.
Na seguinte fase, oito meses antes do comezo da mostra, hai que intensificar a procura dos filmes, esta faise en arquivos e cinematecas onde se pode conseguir filmes. As pezas máis recentes son as que se conseguen a través da inscrición aberta do festival. Para a inscrición de pezas a MICE emprega diversas plataformas como Filmfreeway ou Click for festivals. . A MICE conta coa súa propia plataforma onde carga as películas e é a que usan os xurados. En algúns festivais a organización prefire que o xurado non vexa os filmes antes do festival, pero no caso da MICE si que facilitan os filmes ao xurado tres semanas antes do comezo da mostra para que poidan coñecer as pezas a concurso. Ademais das plataformas de inscrición a MICE tamén recibe películas a través do correo electrónico para o que teñen que entregar unha ficha propia para inscribir do festival.
O xurado internacional está conformado por un representante do cinema, unha persoa vinculada coa antropoloxía audiovisual e a terceira persoa do xurado elíxea a asociación galega de antropoloxía. A demais deste xurado, a MICE conta cun premio que entrega a Asociación Galega de Antropoloxía e que conta tamén co seu propio xurado que é elixido pola asociación e que conta con tres membros.
A MICE conta tamén con actividade paralelas, nas que traballan con filmotecas, co cineclub de Santiago e teñen unha sección chamada IMPROPIAS que é unha liña dedicada ao cine antropolóxico de mulleres que este ano esta comisariado por Ainhoa Rodríguez directora de “Destello Bravío”, e que sempre está comisariado unha muller.
Ana explica que na realidade están buscando filmes todo o ano e vendo películas todo ano e ás veces convidan a algúns filmes directamente ao festival, teñen que entrar por convocatoria, pero son convidadas polo festival.
Entre oito e seis meses antes, incorporase ao traballo o equipo de comunicación do festival, comezase a detallar o programa escolar se o houbese. Nos escolares teñen dúas liñas de traballo, por unha banda proxección nas escolas de filmes que escolle o profesorado, e a outra liña máis creativa na que se traballa cun número de escolas moi reducido e vai unha persoa do equipo da MICE que sabe de cine e antropoloxía e ten unhas titorías en cada centro, primeiro unha parte teórica e logo co móbil teñen que facer unha peza de oito ou dez minutos, para estas acción contan coa colaboración do Festival Escolar Audiovisual “ Olloboi”.
A estas alturas comezase a convidar a todas as entidades que poidan ter interese na mostra, por exemplo, á Revista de cine galego “Cuarta Parede”. Tres meses antes do festival é preciso intensificar o visionado dos filmes, incorporar ao equipo o persoal técnico de produción para poder organizar a recepción das copias de proxección das seccións paralelas, organizar traducións e subtítulos, definir actividades paralelas: mesas, presentacións , visionadas para profesionais… meses antes do festival pecha a convocatoria e faise a selección definitiva, deixar de novo claro as condicións e preparar arquivo para que o teñan dispoñible o xurado e a prensa.
Dous meses antes, preparase o cronograma do festival, planificación de viaxes e estancias, rematase o dossier do festival e intensificase estratexia de comunicación e o deseño do material promocional.
Un mes antes do festival é preciso asegurar e revisar as copias e ter sempre copias de respaldo por se algunha non funciona. Normalmente teñen tres copias de cada filme. Cun mes de antelación tamén se envían os convites para a sesión inaugural e preparase as plataformas de acceso ás entradas.
E finalmente chegan as datas do festival e comezan as proxeccións dos filmes. Neste punto é importante contar con alguén que presente a película antes de comezar, au ben alguén do equipo do filme e senón é posible do equipo do festival. Ana destaca neste punto que considera fundamental a presentación xa que considera que é dos puntos diferenciadores de ver unha película nun festival.
Cando remata o festival o traballo non remata xa que hai que facer o tratamento das copias segundo as condicións acordadas. Tamén é importante realizar unha reportaxe final do festival que pode valer ben como promo ou como xustificación para axudas ou patrocinios. Mandar agradecementos, punto que Ana destaca, xa que considera que é moi importante para o mantemento das relación da mostra coas súas colaboradoras.
E avaliar. Despídese Ana e despois do descanso para a merenda recibimos a Belén Bermejo.
Outro enfoque da mediación e a programación: música e espazos singulares
Belén Bermejo é avogada de formación e a súa carreira estivo vinculada á súa labor como investigadora de dereito cultural nas universidades de Compostela e Coruña. Belén conta que Fuco Santiago, profesor de Economía Aplicada especializado en economía cultural, díxolle algo que a impresionou, porque lle afectaba: el dicía que un xestor cultural ten que saber moito de economía e algo de dereito. Isto axudoulle moito na súa segunda etapa profesional dedicada á xestión cultural coa súa empresa Sirgo Torcendo.
Con estas bases, Belén conta que aber moito de dereito axudoulle a levar a cabo a súa faceta de xestora cultura xa que ela non ten unha formación específica en xestión cultural, mais todo o que aprendeu na súa vida e na súa formación foille moi útil na súa empresa de xestión cultural.
Como axentes dentro do mundo da cultura a súa recomendación é abrir ben os ollos, hai que levar unha ollada crítica a todos os proxectos aos que nos enfrontamos e sempre manter o espírito crítico xa que non todo o que nos están contando é sempre así.
Conta que é a terceira vez que participa neste curso, mais quéixase de que non lle gusta a denominación que ten a súa propia presentación no curso. A razón é que Belén considera que ser singular non aporta nada, ela prefire dicir que traballa en espazos con algún valor cultural. Cando lle encargaron a primeira edición de Espazos Sonoros, falábase de espazos singulares pero conseguiu cambialo por música en espazos de interese cultural.
Os inicios de festival
O festival Espazos Sonoros naceu hai 15 anos e é dos poucos festivais que quedan de música clásica en funcionamento, e ademais tamén é singular no sentido de que se afasta no seu concepto de outras programacións de música clásica que son máis ortodoxas.
A programación do festival lévase a cabo en espazos normalmente de culto relixioso. Belén conta que existen poucos edificios de arquitectura civil cun interese cultural. A programación lévase a cabo en igrexas, mosteiros, conventos… E salienta que para traballar neste tipo de espazos é preciso contar cunha especial sensibilidade. Hai un frase que ela considera inspiradora e que a axudou na creación deste proxecto: “So os que arriscan por chegar demasiado lonxe, poden descubrir ata onde se pode chegar”.
No ano 2008, Belén recibe o encargo de botar a andar unha programación en espazos singulares de música clásica, conta que para comezar trazou uns obxectivos do que quería facer, era moi importante que o proxecto fose galego e feito en Galicia e para Galicia e que contribuíse ao desenvolvemento do país pero tamén tiña que ser un festival que se situase no mundo con identidade propia. Xerar un constante intercambio de ideas e as persoas, eran fundamental para elas.
Sobre obxectivos e retos
Sobre os obxectivos específicos atopábanse: aliñar a programación coas estratexias de desenvolvemento sostible, contribuír á cohesión social, xerar un turismo sostible e unha convivencia cívica. Espazo Sonoro non pretende crear un turismo masivo, xa que os espazos nos que traballan son moi reducidos, o aforo máis grande que manexan é de cen persoas.
Por todo isto, é moi complicado para o proxecto sacar financiación pública xa que a administración guíase maiormente polas cifras de asistencia. O festival traballa sempre en clave local, tentando contribuír ao desenvolvemento local e fomentar un lecer de calidade e non consumista. Tamén formar aos públicos en música clásica, xa que non é un tipo de música que se programe habitualmente e non é un tipo de música que estea de moda. Espazo Sonoro tenta tamén eliminar os prexuízos e conceptos elitistas que existen sobre a música clásica e fomentar o aprecio polo patrimonio.
Fomentar o talento e a creatividade local, o festival contribúe á descentralización para que non todo pase nas capitais de provincia e en épocas do ano nas que non hai moita oferta cultural e abrir a programación a un público amplo e interxeracional. Neste punto, Belén recoñece que, este é dos puntos máis complicados para o festival xa que o seu público é eminentemente feminino e maior e non tiveron relevo xeracional no festival.
Traballar modelos de pequeno formato e de proximidade co público como fundamento da sustentabilidade do propio proxecto, non so dende o formato senón tamén dende as actividades paralelas que se fan ao redor do festival. Ao longo dos anos tamén se foi creando programación para nenas e nenos, aínda que Belén recoñece que é moi pouca xa que este non era un dos obxectivos do festival.
Espazos Sonoros naceu coa intención de ser unha programación feita dende Galicia e para Galicia, pero que as colocase non mundo e Belén considera que é algo que conseguiron ao longo dos anos porque sen ter practicamente medios; na mellor época do festival ata a actualidade quedaron co 10% do orzamento co que traballaban na época que máis orzamento tivo o festivas mais, aínda así, conseguiron atraer a atención de formacións musicais moi importantes de fóra de Galicia e que querían participar no festival, a singularidade do festival fai que Belén reciba ofertas de grupos de recoñecido prestixio mundial que non lles importaba vir aquí a tocar reducindo moito o seu caches.
Preguntas clave: que queremos facer e de que medios dispoñemos?
Sobre o que queremos facer temos que decidir que queremos programar e para quen e que obxectivos se pretende acadar. O festival conta cunha dirección artística que neste caso recae en Belén, que é a encargada de deseñala.
Belén quere incidir en dúas cuestións, por unha banda o tempo para pensar a programación, para non precipitarse, mais isto é moi complexo xa que os rigores administrativos e as decisión políticas non permiten poder programar con tempo, teñen que vivir sempre na indefinición e na absoluta inseguridade xurídica. Para poder contar coa programación desexada deben reservarlles as datas aos grupos mais non poden asegurarlles nada ao cen por cen, xa que dependen de vontades políticas para acadar a financiación e se finalmente a actuación non sae quen se ve prexudicada é a reputación do festival e a da súa empresa como organizadora.
Belén comenta que todo isto fai que vivamos nunha situación de escravitude persoal, dende a que é complicado levar unha vida normal e poder planificar a túa vida persoal.
Belén lembra cando a compañeira Ana falaba de prazos e de como empezaban a planificar o seu festival e pregunta como nos imaxinamos que deberían ser os prazos e o cronograma no caso de Espazos Sonoros que se celebra no mes de setembro. Unha compañeira considera que o óptimo sería rematar unha edición e comezar a traballar na seguinte. Iso sería un escenario ideal, máis Belén cóntanos que a estas alturas aínda non teñen nada da presente edición do festival, a razón disto é o que comentaba anteriormente da dependencia das administración públicas e ademais no seu caso, a todo isto, engadese que dentro das programación culturais en xeral as programación de música clásica son das máis maltratadas. Neste tempo de incerteza sobre a financiación do festival eles seguen a traballar pola súa conta e risco visitando espazos e reservando as datas dos grupos pera a estas alturas aínda non teñen compromisos adquiridos por parte da administración polo tanto as reservas cos grupos e cos espazos están no aire.
Dende o seu punto de vista, e respondendo á pregunta antes exposta, Belén di que o ideal sería estar traballando a dous anos vista para poder traballar con tempo. Neste punto, fai fincapé nunha afirmación que sempre lle trasladan os políticos da imposibilidade de poder adquirir compromisos que se axusten a estes prazo xa que aducen que a lei non llo permite. Como xurista, Belén considera que as leis poden ser modificadas, as leis poden cambiarse para poder adaptarse ás necesidades do sector e deste xeito poder resolver este problema que obriga a traballar deste xeito tan pouco fiable.
Belén continúa expoñendo que todo o sistema non esta pensado para nós, pero so nós podemos modificalo porque os políticos non están para isto nin van mudar isto por eles mesmos. O tempo e a financiación deste tipo de proxectos é moi complexa e os prazos de traballo e incluso os prazos das subvencións non se adaptan aos prazos de realización das actividades e provocan situacións nas que hai que traballar sen saber se finalmente as van a conceder ou non.
Belén reclama que a asociación de xestores deberían reclamar sobre isto, que non ten lóxica como funcionan as subvención e que é preciso facer unha reflexión profunda sobre o funcionamento disto xa que pensa que non se está facendo nada ao respecto. A planificación e as fases do proxecto veñen moi marcadas pola mala xestión administrativa da que somos pasto.
As fases do proceso
Para comezar, o primeiro que se fai é o deseño da programación e a pre-produción, seleccionar os espazos e grupos e acordar datas dos grupos e espazos así como ver as necesidades de cada un dos espazos, xa que son espazos que no están adecuados para facer unha programación musical aínda que si teñen unha boa acústica.
Despois pásase á fase de produción que é cando se desenvolve o festival e por último á post produción onde se presenta a xustificación e valoración do proxecto.
No referente á comunicación, esta debe estar presente durante todo o proceso. A comunicación que fixeron elas sempre foi minimalista porque non tiñan cartos para facela e considera que a partida de comunicación, no caso do seu festival, debe ser mínima, xa que considera que para elas funciona mellor a comunicación a pé de rúa. O festival conta cunha web moi informativa que funciona para o seu público que é un público de mediana idade co que sofren da chamada fenda dixital porque o público obxectivo do festival non están moito nas redes sociais e ata lle costa facer unha inscrición online para a entrada. No referente aos medios máis tradicionais, Belén conta que case non lles fan caso, isto tamén é debido a que nos medios a música clásica case non ten cabida. A web é un medio de comunicación constante co seu público a través do formulario e ademais contan co que lle chaman a BIBLIA do festival que é un libreto con moita información é un programa moi amplo e que considera que é a súa ferramenta máis efectiva debido á idade media do seu público. Espazos Sonoros conta tamén con redes sociais mais non son para eles unha ferramenta que sexa demasiado útil.
Como eixo central da súa estratexia de comunicación, Belén considera que é moi importante crer un relato sobre o festival xa que teñen un público moi fiel dende o principio e este síntese parte dunha comunidade. Vese de ano en ano que o público agrandase, hai xente que ven pola música, xente que vai polo espazo e tamén é moi importante o público novo que se achega ao festival a través das actividades paralelas.
Podemos ver imaxes de algunhas das actividades que se fan antes dos concertos, como por exemplo, unha xornada que se fixo en Santo Estevo de Fiz na Ribeira Sacra, organizaron unha ruta que chegaba ata unha igrexa que foi trasladada ata ese lugar xa que a antes estaba situada onde agora está o encoro, con motivo disto ese día fixeron un monográfico sobre a Galicia asolagada e dar a coñecer os crimes que se cometeron nesa época en espazos de interese cultural.
Ese tipo de actividades suman atractivo ao festival ademais de aportar un valor engadido á proposta cultural do mesmo.
A modo de reflexión
Belén non quere rematar a súa intervención sen poñe sobre a mesa dúas cuestión; por unha banda considera que como xestores culturais temos a obriga de ser máis molestos co poder, a lexislación tal e como está non funciona e senón funciona o máis normal sería facer outra pero non sabe porque na cultura hai unha tendencia de pensar que unha inflación lexislativa vai a solucionar a cuestión, senón funciona hai que reformalas e moitas veces o que fan e sacar outra lei mais esta nova lei non cambia os problemas da vella, unha nova lei non vai xerar outros contextos ou outros problemas, os problemas nosos non se van solucionar cunha lei nova. A maior parte das obrigas que xera esa nova lei vainos corresponder cumprir a nós, é normal é o xogo xurídico, pero temos que telo en conta, cando se fala de dereitos culturais, por exemplo a a lei de dereitos culturais de Navarra, sendo unha lei fantástica considera que os dereitos culturais non son os que están máis fortalecidos porque non se poden reclamar, a Lei Navarra non ten contido real para cambiar a realidade, para facer realidade os dereitos culturais o que se precisa son cartos e vontade política, senón hai un investimento real en política é imposible que se fagan real. Que se invistan cartos en cultura.
Por outra lado o tema que lle preocupa é o do desenvolvemento sustentable. Carlos Amoedo falaba deste fenómeno de transversalidade invertida na cultura, é dicir é unha política que debería estar en moitas outras políticas. Na práctica, a cultura non está presente en outras políticas, en calquera proxecto de outras políticas como traballo, economía, medioambiental… non se chama á cultura para que estean presentes nos procesos. Non estamos presentes porque nós cando facemos un proxecto temos que ter presento todo o espectro de políticas sectoriais das demais cuestións pero non é un movemento igual.
Hai que ter en conta que nos están aplicando como colectivo moitas políticas que é imposible cumprir, somo o sector máis maltratado e infravalorados e con menos diñeiro.
“Manteñamos os ollos abertos”, di Belén: “hai que ler estudiar porque necesitamos defendernos con argumento racionais e para iso hai que saber do que se está a falar”.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!