Momento da sesión de Fran Quiroga sobre cultura comunitaria e ruralidades

Ecosistemas culturais: a perspectiva da ruralidade e da cultura comunitaria. Con Fran Quiroga

Por Estela Barbeito

Durante esta sesión Fran Quiroga acompañounos para afondar na cultura comunitaria e a perspectiva da ruralidade dentro dos ecosistemas culturais. A través dunha charla distendida, fixemos un percorrido por algúns dos seus proxectos e investigacións para comprender os procesos participativos e a importancia do papel da mediación nos mesmos.

Citando a Donna Haraway e o seu concepto de saberes situados, Fran danos un esbozo das claves que percorreran o seu discurso e das preguntas que se fai ao encarar os proxectos. Se os coñecementos están condicionados pola nosa realidade e cosmovisión, entón deberíamos facernos preguntas como: dende onde falamos? coma nos relacionamos en común? como é a gobernanza nos nosos espazos? e a toma de decisións?

A palabra “coidado” vírase imprescindible e transversal en todo proceso que propoñamos. Debemos ter a sensibilidade de aprender a  observar e recoñecer a realidade concreta, situar o territorio, o seu pasado e as súas xenealoxías para poder coñecer as problemáticas da comunidade e así chegar a descubrir os seus anhelos e desexos. Fran apunta cara a realidade cultural da Galiza rural e mete as máns na terra para desmontar o relato ao que nos teñen acostumad*s.

O franquismo lanzou a idea de que o rural era un atraso, xerando un imaxinario da Galiza profunda e estancada no tempo, onde non se pode facer nada, en contra da idea de progreso e modernidade que abandeiraban. Esta idea quedou instaurada e, mesmo interiorizamos, creando cada vez unha maior distancia entre a aldea e a cidade, unha maior dependencia das macroindustrias e o despoboamento non veu só, pois as políticas condicionaron, e condicionan, esta situación.

 

E a pregunta que resoa durante toda a conversa é: cal é o noso papel no ámbito cultural no rural?

Se no contexto agrario estase a traballar pola soberanía alimentaria e a autonomía, na cultura tamén debemos facelo. Debemos revertir o imaxinario de que o rural é un atraso, de que aquí só queda emigrar e como xestoras culturais facernos as preguntas que nos leven a poder contribuir a cambiar este relato e gañar así en autonomía.

Mais o relato de que Galiza é individualista desmóntase mirando cara unha cultura comunitaria e colaborativa que se traduce nun país cheo e comunidades de montes, de territorios en mancomun, de augas comunitarias e con comisión de festas en cada parroquia que a conforma. É dicir, unha cultura colaborativa.

E cal será a nosa estratexia para reinvindicar o noso valor no sector cultural? Pois unha combinación na que o coidado polos procesos o empape todo, observando e coñecendo as realidades dos contextos rurais, cambiando os imaxinarios, tecendo alianzas e complicidades cos colectivos, facilitando espazos de producción onde tamén tecer comunidade, repensando os impactos a longo prazo e abordando as problemáticas dende unha idea máis festiva e participativa.

A cultura e a arte poden fortalecer as comunidades e mostra disto son os proxectos dos que nos falou Fran, dende Legado Coidado de Concomitentes, Fiestas Raras de Imagina Madrid ou o traballo de Territorio Archivo da Fundación Cerezales. Queda moito por ver e coñecer, por facer.

A mirada está agora posta no rural, a modernidade é a etnoeducación e os saberes locais, os espazos de encontro e intercambio de aprendizaxes que crean comunidade. Apostemos pola cultura e a arte para revalorizar eses coñecementos e formas de estar que se dan no rural.

 

 

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*