A dimensión sociocultural e transformadora da cultura. Con Alberto García
Por María Hernández
O venres 4 de novembro visitounos Alberto García, técnico de Cultura do Concello de Boiro. A súa longa traxectoria dedicada á cultura é razón de peso para que o Curso de Expert* Universitari* conte dende as primeiras edicións coa súa presenza, por isto, Alberto iniciou a sesión agradecéndolles o convite un ano máis ao equipo organizador do curso.
Comentounos que esta visita é moi positiva para el porque obrígao a pararse no tempo e facer un traballo de reflexión que despois materializa na presentación que nos ofrece ao alumnado. Reflexións como… Cara a onde imos? Que debemos facer?… Buenismo bien, unha visión social da cultura é o título da presentación que preparou para esta edición do curso.
A sesión dividiuse en dúas partes, unha primeira parte máis teórica e unha segunda máis práctica e participativa na que traballamos en grupos.
Primeira parte da sesión
Toma como punto de partida o parón que supuxo a pandemia para o emerxer cultural ao que estábamos acostumados e explica como, unha vez que se foi instalando a normalidade, se retomou a actividade cultural cun exceso de ansia e un ritmo insán.
Avoga pola democratización da cultura como obxectivo fundamental e fala da cidadanía como lugar obrigado no centro do sistema cultural en contra da visión económica que quere eclipsar o sistema.
Alberto sitúanos nos antecedentes do marco legal da cultura e enumera os artigos onde está presente, así atopámola no ámbito autonómico no Estatuto de Autonomía de Galicia, no ámbito estatal na Constitución Española e de modo universal na Declaración Universal dos Dereitos humanos.
Estatuto de Autonomía de Galicia
Artigo 4.
Corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos no que se integran sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.
Constitución Española de 1978
Artigo 9.2.
Corresponde aos poderes públicos promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas; remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social.
Artigo 44
Os poderes públicos promoverán e tutelarán o acceso á cultura á que todos teñen dereito.
Declaración Universal dos Dereitos Humanos
Artigo 27
Toda persoa ten dereito a tomar parte libremente na vida cultural da comunidade, a gozar das artes e a participar no progreso científico e nos beneficios que del resulten.
Segundo a lei, o Estado debe garantir o acceso á cultura e a Administración debe traballar nese camiño de cumprimento da lei actuando de mediadora, por isto Alberto incide na participación social como ferramenta fundamental para lograr que a cidadanía ocupe ese lugar preferente. De forma moi gráfica e coidada, a presentación vainos facendo un percorrido por momentos transformadores da cultura que Alberto quere destacar, como os seguintes:
– O francés André Malraux como precursor das casas da cultura descentralizadas de París co fin de fortalecer unha conciencia nacional francesa e afastarse da industria cultural americana.
– Os anos 70 como punto álxido da participación cidadá na cultura.
– Os anos 80, anos do colonialismo cultural americano nos que a cultura tiña que ser produtiva.
– Anos 2000, estamos ante un momento determinante no que a tecnoloxía o cambia todo e faise imprescindible actualizarse.
– 15M, momento de protesta e participación cidadá no que a moda era falar de cultura e cidadanía.
– Momento da sustentabilidade no que se empezou a falar da cultura sustentable cunha visión social.
Segunda parte da sesión
Chega o momento de preguntarnos … en que momento estamos agora? Para quen, con quen, onde, con que obxectivos, perfil e metodoloxía queremos traballar? Cultura e territorio: como relacionar o noso proxecto coa contorna / iniciativas cidadás / como conecto a esfera pública coa comunitaria e a privada. Cultura e participación: ofrecer espazos de encontro para tomar decisións / Facilitar o proceso previo de coparticipación. Escoitar as necesidades da contorna.
Alberto proponnos un exercicio de introspección a través dunha serie de preguntas que poderiamos aplicar nos nosos proxectos.
Unha vez que remata a presentación, xuntámonos nos grupos que xa temos establecidos e Alberto asígnanos eventos xa realizados e encoméndanos facer o traballo dunha auditora.
Alberto deixounos clara a súa postura, elixe o camiño de xerar espazos de participación, elixe inverter os papeis e que sexa a propia cidadanía a xeradora de cultura, elixe non renderse ao capitalismo e a cultura como produto.
Podemos estar de acordo ou non coa súa visión, o que está claro é que espertou en nós un momento para a reflexión… como aquela que el mesmo fixo no momento en que soubo que tiña que preparar a súa presentación.
E ti? Que camiño elixes…?
Grazas Alberto por compartir con nós as túa experiencia, as túas inquedanzas e facilitarnos esas pautas tan interesantes que poderemos aplicar a partir de agora aos proxectos que desenvolvamos.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!