Plan de comunicación cultural. Con Sonia Díaz

Por Isabel Fernández

“O que non se comunica, non existe” (Umberto Eco)

Sonia comunica, e comunica ben. Na portada da súa presentación había unha frase que apuntaba maneiras: “Isto non é unha chapa en Power Point”. E non o foi. Desde o inicio captou a nosa atención. Comezou cun breve percorrido profesional e centrándonos en cal é, a día de hoxe, o seu momento vital: coidar os tempos para conciliar e participar en proxectos con equipos femininos ou dirixidos por mulleres (preferentemente).

Encántame que comezara dicindo, e que insistira niso ao longo de toda a charla, que unha das cousas máis importantes para elaborar o Plan de Comunicación é partir dunha reflexión previa: equipo xunto e pensando; a estas alturas case parece unha proposta revolucionaria nun mundo no que imos como polos sen cabeza. “Un plan de comunicación pode ser un folio, o importante é sentarse e pensar”. Ás veces lanzámonos a escribir ou a facer como tolas, sen ter en conta este paso previo e imprescindible.

Partimos de preguntas chave: necesitamos un plan? existe un plan ideal, un canon? Tras un breve repaso por algúns conceptos clásicos de marketing e da súa evolución parece que falamos case do mesmo, con diferentes nomes, en diferentes épocas.

 

Fonte: Sonia Díaz

 

Un Plan de comunicación sempre debe ter, como mínimo, uns obxectivos claros, saber os recursos humanos e económicos dos que dispoñemos e os tempos.

Amosounos a estrutura tipo dun Plan de comunicación, incidindo en que non existen apartados máis importantes que outros, e que non sempre todos deben estar cubertos. Estes son os 8 pasos que ela propón para percorrer o camiño:

  1. Diagnose
  2. Obxectivos
  3. Públicos
  4. Soportes
  5. Estratexia e tácticas
  6. Accións e materiais
  7. Cronograma
  8. Orzamento

E algunhas frases/conceptos e ideas chave que me levo da explicación de cada un destes puntos:

  • É fundamental que exista confianza no equipo de comunicación, así como deste co resto do equipo.
  • Hai que adaptarse a cada público.
  • Sempre hai unha parte de formación interna non explicitada por parte do equipo de comunicación de cara ao resto do equipo do proxecto.
  • Dentro da estratexia, debemos crear unha idea forza que poida converterse nun slogan e/ou nunha idea gráfica. É importante ter unha frase que resuma o noso proxecto e que sexa comprensible.
  • Os beneficios non só son os máis evidentes, senón que tamén temos que pensar nos beneficios funcionais, emocionais, proxectivos e nos persoais.

Por último, falounos de novas tendencias en comunicación, así como da xestión das crises e do liderado:

  • Construír un relato para todo o ano dun único evento, apoiándonos por exemplo en imaxes: 8M, día da patria galega, etc.
  • Intercambio de promocións entre diferentes eventos con públicos similares. A importancia de crear alianzas.
  • Crowdfundig; non tanto pola recadación, que tamén pode ser, senón porque durante a propia campaña, xa se está comunicando.
  • Procura de entidades que teñen infraestruturas pouco utilizadas e coas que se pode chegar a un acordo para difusión.
  • O primeiro paso na xestión das crises, debe ser xuntarse o propio equipo e falar, antes de facer declaracións públicas.
  • O equipo de comunicación debe ser dos primeiros en saber que está pasando; a importancia da comunicación bidireccional. “A comunicación axuda a solucionar o problema, pero non soluciona o problema”.
  • Gardar as formas nas comunicacións en redes sociais.
  • A importancia do liderado para todos os momentos, para os de crise tamén; aquilo de estar ás duras e ás maduras.

 

Rematamos a sesión co traballo en grupos na elaboración do Plan de Comunicación dos nosos proxectos. Persoas pensando, tal e como recomendara no comezo da súa charla como premisa básica para un plan de comunicación dun proxecto cultural.

Non podo evitar pensar nesta frase de Hannibal do Equipo A 😊.

Se os nosos Plans de comunicación saen ben (ou polo menos mellor do que sairían sen a súa axuda), vai ser polas súas aportacións. Graciñas Sonia!

1 reply

Trackbacks & Pingbacks

  1. […] penúltima clase do curso volvimos abordar o tema do plan de comunicación cultural. Xa a primeira parte con Sonia superou expectativas, dado o ben que comunica e o ameno das súa clase. Desta volta, […]

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*