María Yáñez e a contorna dixital: comunidades e creación colectiva
Celebramos unha nova sesión adicada á comunicación na contorna dixital, pero desta volta analizando a perspectiva das novas lóxicas de comunidade e as posibilidades de creación colectiva, non só de contidos, senón tamén de proxectos en común. Para falar de todos estes temas convidamos a María Yáñez, especialista en contidos dixitais e en distribución e promoción audiovisual en internet.
María é licenciada en Xornalismo e Máster en Estudos Culturais e Literarios, leva máis de 15 anos traballando en cine, televisión e internet, e explorando as interseccións entre estes medios. É socia e co-fundadora de A Navalla Suíza, empresa de comunicación dixital, e co-editora de EMBED.at, publicación en torno ao audiovisual integrado. Traballa de xeito independente como profesora de novas narrativas dixitais (MPXA, ESCAC, UNIA…) e tamén deseñando e executando estratexias de contidos dixitais e comunicación online para distintos proxectos relacionados co audiovisual. O seu último proxecto é Screenly, unha plataforma de distribución de cine en salas baixo demanda.
Comezamos a aula debatendo arredor do que consideramos “contido dixital” e as súas particularidades. Os contidos perderon o seu “valor industrial” e a súa importancia atópase cada vez máis ligada á experiencia que podemos vivir a través deles. Por outra parte vimos tamén como sobra oferta e o que falta é tempo e capacidade de atención.
O acceso aos contidos, polo tanto, xa non é o reto, tampouco o seu consumo convencional. Búscase agora estender a experiencia e lograr niveis maiores de engagement (implicación) por parte das persoas usuarias. Neste sentido foi interesante o repaso polos distintos niveis da cadea do compromiso e a participación (ver fotografía).
Actualmente tod*s (potencialmente) somos prosumidores (produtores + consumidores) e isto provoca que moitos aspectos da comunicación e incluso da economía estean mudando cara unha lóxica de colaboración entre iguais (p2p). Analizamos tamén as distintas motivacións que fomentan a nosa participación, así como a diferencia entre esta e a simple interacción.
Arredor do debate sobre a participación, María recomendounos a obra “Memecracia” da xornalista Delia Rodríguez, que na súa presentación comparte a seguinte reflexión: “Memecracia é o sistema no que vivimos inmersos. Un mundo no que internet multiplicou a información e os medios de comunicación tradicionais fallaron. Un lugar desconcertante no que as ideas que logran captar a atención cidadá e guiar o seu comportamento non son as mellores, nin as máis nobres, nin as máis útiles, nin as máis veraces; só son as máis contaxiosas.”
Como non todo pode ser dixital, entramos posteriormente en diversos formatos, neste caso presenciais, que nos permiten traballar dende a orientación crowd. En concreto parámonos sobre todo no formato hackathon, orixinario do sector da programación (informática) e que integra os conceptos de maratón e hacker. Trátase de experiencias colectivas e colaborativas de formato intensivo, curta duración e cun obxectivo común, xeralmente prototipar posibles aplicacións e solucións a unha problemática proposta inicialmente. O resultado compártese de xeito aberto, para que outra xente poida seguir co proceso. Un exemplo que vimos foi Popathon.
Aínda que xa non se dan o volume de proxectos que xurdiron entre 2008 e 2012, falamos tamén dos proxectos audiovisuais colaborativos. Neste tipo de propostas vimos que paradoxalmente canta máis liberdade se ofrece, menor adoita ser a participación. O recomendábel é propoñer un reto cunhas regras predeterminadas e que permitan colaborar cun esforzo razoable. Algúns exemplos que revisamos foron “Life in a day“, The Are You Happy? Project, The Johnny Cash Project, ultrasound.dev.ber.to, #18DaysInEgypt ou eufalo.tv, no que traballou a propia María.
Comentamos tamén unha liña de traballo que se abriu na rede de Aulas CeMIT para traballar na alfabetización dixital de persoas adultas. Para lograr este fin empregaron como fío condutor a recuperación de memoria fotográfica, audiovisual ou de historias persoais e da propia localidade. Ademais de cumprir os obxectivos de adquisición de competencias básicas como escanear, editar imaxes, subir contidos a internet, etc., os proxectos adquiriron unha dimensión sociocultural moi potente de recuperación da memoria común.
O primeiro que comentamos nesta liña foi Memoria de Muller, da que xa non existe web pero dos que todos os vídeos seguen dispoñibles en youtube. Outros proxectos que o segueron foron Riotorto no Tempo, desenvolvido por A Navalla Suiza, que posteriormente liberaron, permitindo a descarga do código desta ferramenta, o que serviu de base para novos proxectos como Memoria de Sada ou Fálame de San Sadurniño.
Nunha liña similar estaría o Proxecto Socheo, creado na Guarda no 2011 para localizar, inventariar e estudar os arquivos audiovisuais gravados na comarca do Baixo Miño. Recentemente participaron na creación da Red de Cine Doméstica, formada por nove iniciativas de todo o estado dedicada á recuperación, conservación e difusión do cinema doméstico nos seus diferentes soportes.
Xa para rematar a sesión contrastamos con María os distintos proxectos que están a desenvolver os equipos na aula. Nese momento saíron exemplos de documentais expandidos como Living Los Sures, a partir do cal vimos como a motivación para a participación soe ser máis potente nun momento de conflito, que neste caso foi o proceso de xentifricación deste pequeno barrio de Brooklyn.
Outras mostras moi interesantes de traballos nos que colaborou e que vimos neste tramo final foron o da web da escavación arqueolóxica do Castelo de Rocha Forte e a plataforma en internet da compañía escénica Chévere: redenasa.tv.
* A foto de cabeceira foi realizada por Lucía Pita e a do corpo do post por Alicia Padín.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!