Rubén Bastón, marketing dixital e medios sociais

Nunha das sesións máis amenas do Curso, polo estilo desenfadado do convidado, recibimos a Rubén Bastón, responsable de Marketing e Comunicación en Elogia. Coordinador de equipos, relator e profesor de medios sociais e marketing online, Rubén tamén é un apaixonado do baile e da música tradicional galega.

 

Empregando o VI Estudio Anual sobre Redes Sociales en España, realizado por IAB Spain e Elogia, comezamos a aula falando sobre medios sociais e as distintas implantacións e perfil de usuarios que teñen as maioritarias no noso territorio.

Seguindo coas redes sociais, sinalou tamén algunhas das claves sobre as que funcionan: a colaboración, a democratización, a comunicación bottom-up, a meritocracia, o beta perpetuo e a transparencia. A maiores comentou que a participación dos usuarios en calquera rede é desigual, cunha minoría que aporta contidos e unha maioría que actúa como meros espectadores.

De entre a mareira de términos anglosaxóns que invadiu a aula, destacou a importancia que Rubén lle deu ao inbound marketing, co obxectivo de atraer usuarios a través da xeración de contido de valor, cun claro compoñente emocional.

 

Entramos a continuación nas claves para xerar unha estratexia efectiva de marketing social, para o cal empregamos o enfoque do modelo POST.  Con el analizamos en primeiro lugar cal é o noso público (people), despois definimos os nosos obxectivos (objectives), a continuación a estratexia para logralos (strategy) e finalmente escolleremos as ferramentas que nos permitan desenvolvela (technology).

Aínda que pareza obvia esta secuencia, resulta demasiado habitual ver como se comeza polo final, abrindo por exemplo un perfil nunha rede social sen analizar antes a quen nos diriximos e polo tanto, se esa ferramenta é a máis interesante para o noso público.

Dentro dos obxectivos, revisamos os principais que podemos marcar: reach (quero chegar a máis xente), leads (quero conseguir cousas dos demais), loyalty (quero que sempre conten comigo), advocacy (quero que falen ben de min), branding (quero que me recoñezan), curation (quero que o usuario reciba só o que precise) e intelligence (quero aprender da comunidade).

De cara a definir as estratexias, recomendounos tres pasos básicos: imaxina, constrúe e mide. Afondamos tamén no traballo de Malcolm Gladwell, especialmente no seu libro “The Tipping Point: How Little Things Can Make a Big Difference” (2000), onde se empregou por primeira vez o término “viral”, ao realizar unha analoxía entre as epidemias virais e as epidemias sociais. Unha epidemia viral depende do axente, a forza do virus e o ambiente mentres que a viralidade dun contido na rede (epidemia social) depende das persoas (lei dos poucos), a forza do movemento (o factor pegañento) e o contexto en que se desenvolve, xa que deben existir tamén unhas condicións que favorezan a expansión.

Retomando de novo o VI Estudio Anual sobre Redes Sociales en España, puidemos analizar cal é o nivel de implantación, intensidade de uso, segmentación e outros moitos detalles que nos permiten identificar as plataformas (technology) máis adecuadas.

Finalmente, a modo de estudo de caso próximo, comentamos a campaña de crowdfunding para o disco da Asociación Cultural na que participa Rubén: Elelelos.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará


*