Diego Parajó, Beatriz Fontán e a participación dos públicos

Estamos en pleno proceso de traballo práctico e con este enfoque afrontamos dúas sesións arredor dos destinatarios dos nosos proxectos e accións. Máis aló de pensar neles como receptores pasivos dunha actividade, quixemos convidar a dúas persoas que na súa actividade profesional traballan na participación activa e na implicación do máximo número posible de axentes.

Así, con nós estivo de novo Beatriz Fontán, coa que revisamos os pasos para o deseño e activación dun plan de xestión de públicos. Por outra parte, Diego Parajó falounos de participación e empoderamento de comunidades, así como da activación de procesos colectivos.

 

A primeira recomendación de Beatriz foi que empregásemos o noso coñecemento, xa que “todas e todos nós fomos, somos e seremos público”. Neste sentido, temos que poñernos nese papel e preguntarnos que demandamos nós e que estariamos dispostos a achegar a cambio dunha experiencia cultural.

2015 04 17 diego e fontán 4peqTomando como referencia o recente encontro profesional de xestión cultural Pública 15, compartiu a continuación algunhas das conclusións que neste foro definiron como prioritarias para a profesión:

• Formar públicos.
• Conectar cos públicos.
• Coñecer aos públicos.
• Abrirse á participación dos públicos.
• Organizarse pensando nos públicos.
• Consolidar comunidades de públicos.

Fixemos despois memoria das súas anteriores sesións no Curso, parándonos especialmente nas implicacións do marketing relacional nos novos xeitos de traballar coas audiencias da cultura. Destacamos tamén a transversalidade como factor clave na constitución dunha equipa de traballo con todas as persoas que interaccionan cos públicos (front office e back office).

Entrando xa nos aspectos a ter en conta nunha diagnose da situación de partida falamos de analizar as prioridades, estratexias e ferramentas empregadas ata o momento, os sistemas de prezos e promocións establecidas, os perfiles de públicos actuais, os produtos de oferta e de demanda, a comunicación feita (a voz) e recomendou tamén preguntar moito tanto directamente como a través de enquisas.

Posteriormente debemos establecer uns obxectivos e comentamos a formulación de obxectivos SMART: ESPECÍFICO, MEDIBLE, ALCANZABLE, REALISTA e TEMPORALIZADO.

A segmentación de públicos foi o seguinte gran tema. Unha vez realizada a súa identificación, hai que fixar obxectivos específicos en función do perfil de consumo de cada uno destes segmentos, deseñar estratexias de fidelización, activación e captación, así como definir accións específicas para cada estratexia.

Á hora de revisar exemplos de proxectos reais, baseámonos en varias liñas de traballo que Beatriz destacou especialmente:

1. Diversificar, incrementar e regularizar as prácticas do públicos activos.
2. Xestionar a comunidade de públicos implicados.
3. Captar novos públicos a partir da demanda latente.
4. Investir na formación de gustos e valores en nenos e adolescentes.
5. Crear interese polas prácticas culturais en públicos con demanda inexistente.

Para rematar a súa sesión e como xa é habitual, revisamos algúns dos proxectos nos que está a traballar o alumnado.

 

2015 04 17 diego parajóPola súa banda, arredor da temática da participación e o empoderamento de públicos, Diego Parajó trasladou á aula algunhas das prácticas para a activación de procesos colectivos.

DINAMIZAR-EMPODERAR-DINAMI(T)AR foron os tres bloques nos que dividiu a sesión. Para o derradeiro serviuse da súa propia experiencia profesional e empresarial, así como da evolución das políticas culturais e as de traballo social, especialmente no eido da xuventude.

Para achegarse á tarefa de DINAMIZAR, recomendounos establecer tres pasos básicos: Investigar, empatizar, explorar. Nesta liña estivemos a falar tamén da importancia de adoptar un enfoque socio-afectivo como guía para o noso traballo: Sentir, pensar, actuar.

Falando xa de EMPODERAR, situámonos en primeiro lugar comentando o significado e a orixe do termo:

A orixe da filosofía do empoderamento atópase no enfoque da educación popular desenvolvida nos anos 60 a partir do traballo Paulo Freire. O enfoque participativo xorde no campo do desenvolvemento dos anos 70; e consiste en “un proceso de redución da vulnerabilidade e no incremento das propias capacidades dos sectores pobres e marxinados, que conduce a promover entre eles un desenvolvemento humano e sostible”.

O concepto foi proposto por primeira vez a mediados dos 80 por DAWN (1985), unha rede de grupos de mulleres e investigadoras do Norte e do Sur, para referirse ao proceso polo cal as mulleres acceden ao control dos recursos (materiais e simbólicos) e reforzan as súas capacidades e protagonismo en todos os ámbitos. Desde este enfoque máis feminista, o empoderamento das mulleres abarca desde o cambio individual á acción colectiva, e supón a alteración radical das estruturas e procesos que reproducen a posición subordinada das mulleres como xénero.

O empoderamento é un proceso que propicia que as mulleres e outros grupos marxinados incrementen o seu poder, isto é, que accedan ao uso e control dos recursos materiais e simbólicos, gañen influencia e participen no cambio social.

 

2015 04 17 diego parajóPara nós, un dos obxectivos principais dese empoderamento será potenciar a cultura colaborativa. Fiando con isto, estivemos a comentar experiencias cooperativas e analizamos os principios da economía social:

– Primacía das persoas sobre o capital.
– Aplicación de resultados orientados ao desenvolvemento sostible, ás persoas que conforman as organizacións e ás súas contornas inmediatas.
– Desenvolvemento do coñecemento e das competencias.
– Capacidade de autoxestión, democracia interna e independencia con respecto aos poderes públicos.
– Promoción da igualdade.
– Desenvolvemento e fomento da cooperación.
– Responsabilidade e compromiso interno e cara á sociedade e o medio ambiente.

Foi en definitiva unha sesión moi dinámica, difícil de transcribir sen vivila e no que tamén se falou moito sobre innovación social, tribus, liderados baseados na confianza, conexións, cultura de comunidade ou RSE.
0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*