Luís Álvarez Pousa, Sonia Díaz e a comunicación na cultura

O pasado venres contamos coa presenza de dous grandes expertos en comunicación cultural, Luís Álvarez Pousa e Sonia Díaz.

Luís é profesor titular de Xornalismo na USC e director da revista Tempos Novos, pero tamén ocupou os cargos de Director Xeral de Cultura na Xunta de Galicia (1983-85) e Coordinador Xeral de Videovoz TV. Precisamente pola súa rica experiencia persoal, e dado o escaso tempo dispoñible (unha hora), pedímoslle que se centrase na súa traxectoria, na aprendizaxe que foi destilando, e non tanto no marco teórico da comunicación cultural.

Comezou explicando as claves do seu período á fronte do departamento de cultura da Xunta, e que poderíamos definir como o intento de rachar cunha cultura mortuoria, de celebracións de aniversarios, para comezar a definir unha estratexia desde, por e para Galicia, inspirada nos novos aires que estaba a impulsar o ministro francés Jack Lang. Por entón comezaban a nacer as conferencias internacionais sobre cultura auspiciadas por Nacións Unidas. Nos anos 70 e 80 eses debates xiraron en torno ás industrias culturais, os grandes emporios da comunicación, a necesidade da participación da cidadanía, a defensa da diversidade cultural, etc. Os anos 90 supuxeron un impasse, pero a partir de 2001 retomáronse os debates na esfera internacional debido ao impacto das novas tecnoloxías nas formas de facer cultura.

Logo dun intercambio de opinións na aula, Luís Álvarez Pousa mostrounos algunhas boas prácticas en políticas culturais, e que se asociou á existencia dunha estratexia meditada. Como no caso noruegués, onde o Estado promoveu cines públicos. Ou como as liñas emprendidas baixo o seu mandado, de apoio e revitalización do Festival de Ortigueira ou da Mostra de Teatro de Ribadavia. Esa foi unha das trabes mestras das súas políticas culturais: dar cancha ás iniciativas sociais máis que tentar monopolizar a escena, dotarse dunha visión a medio e longo prazo máis que limitarse a distribuír o orzamento.

Do conxunto do seu argumentario, quedámosnos cunha idea central: a cultura, se está viva, debe reflectir o cambio social, e polo tanto o conflito inherente a todo cambio. Do contrario estamos a falar dunha cultura amortecida e institucionalizada.

 

2015 04 24 sonia diazA continuación, Sonia Díaz desenvolveu unha sesión cunha orientación eminentemente práctica, centrada no deseño e execución dun plan de comunicación para un proxecto cultural.

Para este plan, a estrutura básica que estivemos a revisar exhaustivamente comporíase de 8 apartados: Diagnose, Obxectivos, Públicos, Soportes, Estratexias e tácticas, Accións e materiais, Cronograma e Orzamento.

Ao longo da aula, coñecemos tamén novas tendencias, ferramentas e liñas de traballo dentro da comunicación cultural .

Debatemos sobre os medios de comunicación e o que podemos agardar do xornalismo cultural, do xornalismo local e dos soportes pensados para o entretemento. No que se refire á web e as redes sociais falamos sobre os pros e contras, pero tamén sobre desexos e realidades nestes eidos, sen esquecer canles de comunicación directa como a cartelería, guerrilla, accións promocionais e a comunicación no corpo a corpo. Outra reflexión interesante levounos ao “camiño do medio”,  patrocinios e colaboracións pensados por e para a comunicación, como é por exemplo o crowdfunding.

Adicamos a hora final a contrastar os proxectos do alumnado e as súas estratexias de comunicación.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*