Beatriz Pereira e as técnicas de investigación de marketing

Nunha nova sesión do Curso visitounos Beatriz Pereira, responsable de Investigación Comercial en R e Consultora Asociada en iuni. Con máis de 14 anos traballando en investigación para sector privado e público, é licenciada en Psicoloxía pola USC, cun posgrao en Investigación de Comportamento do Consumidor, Investigación Comercial e Mercado.

Comezamos con ela unha serie de sesións máis centradas en ferramentas prácticas, introducindo neste caso utilidades e principios de investigación do mundo do marketing. O obxectivo era coñecer aquelas técnicas trasladables á identificación de necesidades e oportunidades nos públicos da cultura, máis aló do emprego da intuición e a experiencia, ferramentas ás que tradicionalmente se viu limitada a análise de audiencias no noso sector.

 

beatriz-pereiraIniciamos a aula revisando conceptos básicos da investigación en marketing cultural, como por exemplo os factores externos, internos e situacionais que nos definen como usuarios, participantes ou consumidores culturais.

Falamos a continuación do sistema de información de marketing (SIM), que está composto polo conxunto de persoas, procedementos e ferramentas que participan no proceso de investigación. As funcións principais do SIM son valorar as necesidades de información, obter a información demandada e finalmente poder facilitala aos interesados no tempo adecuado.

Repasamos os perfiles profesionais que participan nos equipos de investigación e entramos en detalle nos distintos tipos de estudios que podemos realizar, como por exemplo: usos e actitudes, segmentación, imaxe e posicionamento, saúde da marca, desenvolvemento de produto/servizo, comunicación e publicidade, ou satisfacción e fidelidade.

Foi unha clase moi participativa, onde se lanzaron numerosas preguntas arredor de aplicacións prácticas dos contidos que foron detallándose. Así mesmo, realizamos na aula un exercicio práctico de deseño dunha enquisa.

No último tramo da aula comentamos as diferentes fontes de información que podemos ter ao noso acceso. Así mesmo, distinguimos entre as metodoloxías cuantitativas, empregadas como indica o seu nome para medir e cuantificar, como enquisas ou censos e as metodoloxías cualitativas, como os focus group ou as entrevistas en profundidade, máis adecuadas para diagnose ou as primeiras fases da investigación, onde o que buscamos é valorar opinións, xuízos e valoracións.

Afondamos a continuación nestas diferentes técnicas de obtención de información e nalgunhas recomendacións para, por exemplo, seleccionar participantes nos estudos, definir os tamaños das mostras, establecer as fases do traballo de investigación ou escoller as ferramentas máis adecuadas aos nosos obxectivos.

Para rematar e dado o perfil técnico preciso para a maioría de estudos, realizamos un repaso polos elementos imprescindibles dun briefing que nos permita trasladar a un provedor a información clave do proxecto, o contexto e a información que desexamos descubrir. Este documento resultaranos de gran utilidade cando como xestores culturais optemos por subcontratar os servizos de investigación.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará


*