Héctor Pose e a acción cultural local
Nesta aula acompañounos Héctor Pose, doutor en psicopedagoxía, profesor da Universidade da Coruña, ex-técnico municipal de cultura do Concello de Malpica, co-impulsor do proxecto Interea e especialista en cultura e cidade.
A sesión estivo dividida en tres partes: planeamento estratéxico en cultura, Axenda 21 da Cultura e presentación de proxectos culturais imaxinativos e innovadores. Ao comezo da aula, Héctor advertiunos que a súa exposición se ía centrar na cultura desde o sector público, aínda que faría referencia a boas prácticas desde o ámbito privado.
O planeamento estratéxico en cultura é un método de elaboración de políticas culturais que fai énfase na conectividade e o traballo en rede, na posta en valor dos recursos dunha localidade e na confluencia dos esforzos do goberno local cos axentes económicos e os axentes socioculturais. Parte da consideración de que a cultura non é un feito illado no territorio senón que está mergullado no ecosistema local ao que pertence. Algúns dos principais obxectivos do planeamento estratéxico en cultura son: 1) axudar a gañar competitividade e calidade de vida; 2) reducir incertezas e anticipar cambios; 3) alentar a participación da poboación; 4) xerar capital social comunitario; 5) afondar na corresponsabilidade das partes; 6) visualizar mellor as prioridades e retos do municipio.
Antes de explicarnos as chaves da Axenda 21 da Cultura, Héctor preguntouse o por que da disparidade de políticas culturais entre concellos galegos, ás veces limítrofes. Unha das respostas estribaría na falla duns métodos, coñecementos e formación en políticas culturais compartidos entre *s responsables polític*s, técnic*s municipais, representantes asociativ*s, etc. Así, o impulso das iniciativas culturais estaría condicionado á boa vontade ou ao voluntarismo de individuos ou pequenos colectivos, o que a longo prazo supón unha febleza. A este respecto, lembrou que a única obriga legal no ámbito da cultura para os concellos de máis de 5.000 habitantes é a de dispor dunha biblioteca municipal.
A Axenda 21 da Cultura é un documento que recolle unha serie de principios e recomendacións sobre políticas culturais urbanas. Foi elaborada dun xeito participativo por representantes de máis de 500 cidades. Algunhas ideas – forza son: a procura dun proxecto cultural consensuado, a valoración da diversidade, a concepción da política cultural como un quefacer cívico – social, a aposta por proxectos transversais (entre diferentes departamentos do municipio) e a creación de partenariados público – privado – sociais.
Na terceira parte da clase Héctor Pose expuxo algúns exemplos de boas prácticas en xestión e políticas culturais:
– Libraría Nova Colón, na Coruña. Espazo de encontro afectivo e educador, con alta rendibilidade social (que por desgraza vén de pechar).
– Cámara Municipal de Portimão: citou dous exemplos de iniciativas valiosas. Por unha banda, o proceso participativo para decidir os usos dun edificio público (que finalmente se dedicou a arquivo e biblioteca). Durante as obras, o valado informou de todo o proceso e da historia do inmoble. E por outra, os mupis de información coa oferta cultural estival, e que agrupan as programacións públicas, privadas e asociativas.
– Fantasiarte (en Palmela, sur de Lisboa). Actividade educativo – cultural para nenos de 0 a 16 anos e que se estende durante todo o curso académico. O traballo realizado é exposto a final de curso no Teatro São João.
– Creative Cities: rede de profesionais da xestión cultural en Canadá.
– En Deià (Mallorca), organización de faladoiros de pequeno formato entre veciños e veciñas do pobo e artistas consagrad*s.
– Arts@Leeds. Interesante programa de creación de novos públicos.
– Disonancias (Euskadi). Antecedente do proxecto “Conexiones Improbables“, de busca de vías de colaboración de artistas e pensador*s con empresas, estimulando a innovación e a creatividade das mesmas.
– Teatro Veciñal (Concello de Ferrol). Proxecto de dinamización teatral dos barrios e zona rural de Ferrol, co obxectivo de crear novos públicos para as artes escénicas, favorecer o xurdimento de novos talentos da escena e facilitar a expresividade popular arredor das problemáticas da comunidade.
– Interea. Programa de investigación, formación, encontro e divulgación sobre a xestión cultural na provincia da Coruña. Impulsado pola Deputación Provincial da Coruña e as Universidades de Santiago e A Coruña. Entre 2001 e 2008 foi o principal espazo provincial de encontro entre técnic*s municipais de cultura, responsables polític*s, artistas, investigadores e tecido asociativo, contribuíndo a vertebrar o sector. Experiencia que foi presentada en Europa e América como unha boa práctica internacional e que serviu de inspiración a outras semellantes en diversos países.
A aula concluiu cun debate aberto sobre a profesión de xestor/a cultural na actualidade.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!