Vermú con… Jaume Colomer
En colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e outros colectivos profesionais galegos, abrimos unha serie de encontros informais con docentes foráneos que participan da nosa iniciativa formativa. A idea é establecer un punto de encontro, sen periodicidade fixa, pero que nos permita compartir un vermú/café entre profesionais, estudantes e coa participación de personalidades de referencia para a nosa profesión, superando o formato de charla unidireccional.
Despois das primeiras citas con Roberto Gómez de la Iglesia e Susana Marques, contamos nesta ocasión con Jaume Colomer, profesor da Universitat de Barcelona, consultor cultural e unha das referencias en xestión de públicos da cultura, temática sobre a que xira a conversa.
Licenciado en Filosofía e Letras, Jaume Colomer é Profesor Asociado do Departamento de Teoría e Historia da Educación da Universitat de Barcelona, onde imparte as materias Xestión Cultural, Estudo de públicos e políticas de programación.
Dende o ano 2003 é Director de BISSAP, consultoría de xestión cultural especializada en artes escénicas. Coordina a secretaría técnica do Cercle de Cultura e de La Unión de Asociaciones Empresariales de la Industria Cultural Española. É Comisario de Mercartes 2014, Asesor do Goberno do Perú para a xestión do Gran Teatro Nacional e director da editorial Cuadernos Gescénic.
Anteriormente foi Xerente da empresa Tres per 3, S.A. dedicada á produción e exhibición de espectáculos teatrais en Barcelona (1999-2003) e Director de Servizos de Educación, Cultura i Cooperación do Concello de Sabadell (1996-1999), como tamén tivo diferentes responsabilidades directivas nas Áreas de Mocidade, Asuntos Sociais e Deportes do Concello de Barcelona (1979-1995).
É tamén autor de diversas publicacións sobre cultura e educación, e colaborador habitual da revista Artez onde publicou máis de 50 artigos sobre xestión escénica. En Cadernos Gescénic publicou: (2007) “A xestión das artes escénicas en tempos difíciles” e, xunto con Jordi Selas, (2009) “Mercadotecnia das artes escénicas. Creación e desenvolvemento de públicos”. A súa última publicación é (2012) “Guía legal e financeira das artes escénicas en España, do Instituto Autor”. Ten activo un blog sobre “Os públicos da cultura“.
- Cando e onde? Sábado 14 de marzo de 2015 ás 12:00 na zona vella de Compostela (o local será comunicado ás persoas asistentes).
- Como inscribirse? Escribindo ao correo do Curso: formacion@xestioncultural.com
- Custe? De balde para asociad*s de colectivos profesionais convidados.
- Prazas limitadas
.
.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!