Susana Marques e o financiamento europeo

O venres pasado visitounos Susana Marques, directora da empresa de xestión cultural Setepés, así como consultora da Unión Europea e experta en desenvolvemento das industrias creativas.

Susana Marques fixo unha exposición eminentemente técnica, móstrándonos as diferentes liñas de financiamento europeo ás que se poden acoller os proxectos culturais. A comezar, ensinounos a estrutura da Comisión Europea, con 28 direccións xerais, nas que dúas teñen particular interese para nós: a de política rexional e a de educación, cultura, xuventude e deporte.

Os programas de cultura da UE están xestionados pola EACEA (Axencia europea da educación, cultura e deporte), e os de política rexional canalízanse a través de dous programas operativos: FEDER e INTERREG (para a cooperación transfronteiriza).

susana-marquesDentro dos programas lanzados desde EACEA, o máis relevante para o ámbito cultural é o Europa Creativa, que por vez se divide nos subprogramas Cultura e Media. O subprograma Cultura contempla: 1) proxectos de cooperación, de pequena escala (até 200.000 € e cun cofinanciamento europeo de até o 60%) e de grande escala (até 2 millóns de euros e cun máximo de cofinanciamento europeo dun 50%); 2) respaldo a redes europeas (iniciativas dun custe máximo de 250.000 €, cun cofinanciamento europeo do 80%, e con, ao menos, 15 membros); 3) apoio a plataformas europeas para a mobilidade de artistas e xestores culturais (iniciativas dun valor máximo de 500.000 €, cun 80% de cofinanciamento europeo e mínimo de 10 membros); e 4) tradución literaria (importe máximo de 100.000 € por proxecto e cofinanciamento europeo de até un 50%).

No que atinxe ao subprograma Media, Susana Marques só se detivo na liña de apoio a festivais de cine europeo, nos que debe haber (para acollerse a axudas da UE) un 50% de filmes nacionais e un 50% de películas de outros 15 países europeos.

En canto aos fondos de política rexional FEDER e INTERREG V, pódense consultar na web da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. En breve presentarase o programa operativo FEDER 2014 – 2020, no que é probable que se inclúan contidos de cultura e de aposta polo gasto en proxectos inmateriais (non infraestruturais). O INTERREG V, de cooperación entre Galicia e Norte de Portugal, ten o seu centro de xestión na cidade do Porto.

Unha vez rematado o repaso polas vías de financiamento europeo, Susana mostrounos o proxecto Arts on Chairs, vencedor do Premio Regio Stars en 2014 e financiado con fondos europeos. O Norte de Portugal, a través da súa Comisión de Coordinación e Desenvolvemento, ten unha liña específica de fomento das industrias criativas, a partir dos recursos recibidos de Bruselas. Unha liña cunha dotación de 40 millóns de euros, e que foi distribuída entre 25 M € para equipamentos e 15 M € para eventos. O proxecto Arts on Chairs é froito desa aposta. Co epicentro no municipio de Paredes, buscou a innovación da industria local do moble (800 fábricas) grazas á colaboración coas industrias creativas (deseño, artes, arquitectura…), implicando tamén a Universidades, escolares e cidadanía.

E para rematar a sesión, fixo unha breve alusión ao crowdfunding, e sobre todo aos Business Angels, empresarios que invisten en proxectos rendibles, tamén en cultura. En Cataluña a administración pública participa como socio nun Business Angel específico para a cultura (BANC).

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*