Gonzalo Rodríguez e Natalia Balseiro. Desenvolvemento e innovación na cultura

A sesión do pasado venres, 21-nov, contou coa presenza de Gonzalo Rodríguez, profesor de Estrutura Económica da USC e socio da empresa de consultoría ambiental e desenvolvemento Habitaq Estratexias, e de Natalia Balseiro, directora do congreso de danza e pensamento MOV-S, e exdirectora do Centro Coreográfico Galego. Gonzalo falounos do concepto de desenvolvemento e Natalia de novas formas de traballo en cultura.

 

gonzalo-rodriguezGonzalo Rodríguez comezou delimitando o obxecto da súa exposición: os procesos de desenvolvemento endóxeno e o papel que a cultura pode xogar nos mesmos. O desenvolvemento endóxeno, concepto acuñado en Italia e inspirado en ideas do economista Alfred Marshall, sería un proceso de cambio estrutural, liderado por axentes locais e orientado a lograr unha mellora nas condicións de vida da poboación. Algunhas características do desenvolvemento endóxeno serían as seguintes:

– Creación de redes locais de pequenas e medianas empresas de sectores diversos (ligado á noción de “distrito industrial”),

– cunha intensa relación entre si (ás veces de competición, ás veces mercantís, ás veces de colaboración, ás veces informais),

abertas ao exterior e con capacidade exportadora

– en sectores intensivos en traballo.

2014 11 21 Gonzalo RodríguezDeseguido, Gonzalo parouse na noción de distrito industrial. Segundo Marshall, o distrito industrial sería un organismo (onde todas as partes dependen entre si) conformado por pemes que son froito das peculiaridades socioculturais do territorio (a diferenza dos territorios dominados por unha única empresa) e que, dado o factor proximidade, intercambian un intenso tráfico de coñecemento. Os distritos industriais presentarían unha notable inserción territorial (dificultando a deslocalización de empresas) e unha forte densidade de relacións.

Para Gonzalo, os distritos industriais estimulan a innovación (condición necesaria para o desenvolvemento). Unha das claves para que se dea a innovación é que exista unha trama de relacións persoais, non mercantís, por onde circule o coñecemento. Normalmente a innovación non se presenta dun xeito explosivo (como no caso do chip de silicio) senón dun modo incremental (moitas pequenas melloras parciais que se van sumando). Para que un territorio adquira vantaxes competitivas sobre outros, debe dispor de recursos avanzados, é dicir, coñecemento especializado e tecnoloxía propia. E para rematar este apartado, Gonzalo fixo mención ao concepto de “milieu“, emparentado co dos distritos industriais.

A última parte da exposición de Gonzalo Rodríguez foi dedicada a mostrar un proxecto encargado polo Concello de Arzúa, de reordenación de usos do recinto feiral, no que se propuxo un mix de funcións culturais, turísticas, hostaleiras e de promoción da agricultura local ao servizo do desenvolvemento da bisbarra. Para finalizar, Gonzalo realizou un contraste con tres dos proxectos que están a elaborar os equipos da aula.

 

natalia-balseiroPola súa parte, Natalia Balseiro iniciou a súa intervención cuestionando a propia denominación como xestores culturais e reivindicando o papel destes profesionais como xerador*s de discurso e produtor*s de coñecemento, alén da tendencia a avaliar a cultura desde un enfoque meramente cuantitativo (número de espectadores, impacto económico, etc.). De feito, o propio concepto de “xestión cultural” xa levaría implícita unha carga administrativa e economicista que desvirtuaría a nosa función. Outras etiquetas preferibles para definir o noso traballo serían as de: produtor*s culturais, director*s artístic*s ou curador*s (tamén na súa acepción sanadora).

En consecuencia, algunhas das tarefas imprescindibles do noso oficio serían: observar, investigar, analizar e estar atent*s ao que sucede. E implicando á comunidade desde o principio se queremos garantir a utilidade social das nosas intervencións. A este respecto, explicou un proxecto realizado en San Sadurniño coa veciñanza, identificando as necesidades culturais e expresivas da poboación nun traballo de porta a porta. Para lograr esa implicación social non bastaría con consultar a mediadores sociais (ONG’s, tecido asociativo) senón que tamén deberamos contactar coa cidadanía desorganizada.

2014 11 21 Natalia BalseiroEn definitiva, é necesario unha maior énfase no proceso de traballo (non só nos resultados de traballo, no evento) e, para unha maior aprendizaxe e refinamento nas metodoloxías, habería que operar desde códigos abertos, mostrando o que pretendemos lograr e como o pensamos facer. Unha das virtudes de traballar dese xeito é permitir que xurdan colaboracións inesperadas con outros colectivos ou programacións coas que poidamos establecer lazos e reciprocidades.

Seguindo este fío, falounos tamén do labor de mediación que se está a desenvolver en varios proxectos, como TRC Danza no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, onde dentro dun novo concepto de “programación expandida“, procúranse vínculos entre o discurso, pensamento, obra e traxectoria d*s artistas e os proxectos da cidade e das persoas que a configuran.

No transcurso da súa exposición, Natalia propuxo un contraste entre este modo de proceder e as prácticas inerciais que adoitamos atopar na cultura. O ben común e a utilidade social deben situarse no centro das finalidades da acción cultural.

 

1 reply

Trackbacks & Pingbacks

  1. […] aproveitou para complementar a explicación realizada nunha sesión anterior por Natalia Balseiro sobre o interesante proxecto de mediación e programación expandida realizado en TRC DANZA 2014, […]

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*